Inicio Carballo ao día Avisos Aberto ata o 14 de agosto o prazo de...

Aberto ata o 14 de agosto o prazo de matrícula para usuarios/as do Programa Concilia durante o curso escolar

Martes 1 de agosto do 2017

O Concello de Carballo volve a poñer a disposición das familias o Programa Concilia para o curso 2017-18. O prazo de matrícula estará aberto ata o 14 de agosto.

A maiores, a Concellería de Igualdade e Benestar ofrece ás familias usuarias do programa durante todo o curso a posibilidade de utilizar o servizo tamén durante o período vacacional de setembro, entre os días 1 e 8, cun custe adicional de 8,93 euros/día, tal como establece a ordenanza municipal, con servizo de almorzo incluído para os/as usuarios/as que o utilizan habitualmente. Durante este período extraordinario o servizo desenvolverase no centro de ocio Xolda (rúa Vila de Noia, 74-76) en horario de 07.30 a 14.30. Toda a documentación e as fichas de inscrición poden descargarse ao final desta nova, e debe presentarse en calquera dos rexistros municipais ou a través da sede electrónica do Concello de Carballo.

Ao longo do curso, o Programa Concilia desenvólvese nos propios centros escolares desde as 07.30 ata a hora de entrada nas aulas. Deste xeito, a Concellería de Igualdade e Benestar pretende responder ás necesidades familiares derivadas dos desfases existentes entre os horarios escolares e os laborais. E con ese obxectivo ofrece un servizo de gardaría con persoal cualificado que atende ao alumnado, garante hábitos de hixiene e realiza actividades de ocio e tempo libre. Tamén pon a disposición das familias un servizo de almorzo opcional.

O prazo de matrícula comprendido entre o 15 de xullo e o 14 de agosto é obrigatorio para poder comezar a utilizar o servizo en setembro. Para as incorporacións que se produzan a partir de outubro abrirase un novo prazo a partir do 15 de setembro. As persoas que desexen máis información poden dirixirse ao Centro de Información á Muller (CIM), no departamento de Servizos Sociais ou nos teléfonos 981 700 688/981 704 706.

Compartir: