Inicio Carballo ao día Avisos Aberto o prazo para presentar webseries ao V...

Aberto o prazo para presentar webseries ao V Festival Internacional de Contidos Dixitais Carballo Interplay

Martes 21 de novembro do 2017

A quinta edición do Festival de Contidos Dixitais Carballo Interplay, que se celebrará os días 4, 5, 6 e 7 de abril de 2018, ten aberta a inscrición para que todas aquelas persoas que o desexen presenten as súas webseries ou proxectos de webserie á súa sección oficial, que repartirá máis de 5.000 euros en premios. Poden facelo ata o 18 de febreiro a través da web www.carballointerplay.com.

As webseries participantes, que deben ser producidas entre os anos 2016 e 2018 e ter un mínimo de 3 capítulos emitidos no momento de inscrición, poden ser de calquera duración, temática, xénero, de imaxe real ou animación, nacionais ou internacionais. Entre as webseries recibidas, un xurado composto por profesionais do mundo das webseries, do audiovisual e da cultura, así como de representantes de asociacións profesionais relacionadas co sector premiará a mellor webebserie, a mellor webserie internacional e a mellor webserie en versión orixinal en galego con 800 euros e trofeo, para cada categoría. A escolla do público, pola súa banda, levará 400 euros e trofeo. A mesma contía recibirá a webserie gañadora do premio do xurado novo, que nace nesta quinta edición do festival. Tamén haberá un premio ao mellor guión e un premio á mellor dirección, dotados con 200 euros e trofeo. Finalmente, entregaranse cadanseu trofeo á mellor actriz e ao mellor actor.

Ademais, o Carballo Interplay ofrecerá de novo un premio de 1.500 euros para o mellor proxecto de webserie en galego. O galardón resolverase cun pitching en directo durante o festival e a dotación económica deberá destinarse á produción dos primeiros capítulos da webserie premiada, que se proxectarán na sexta edición do festival.

Ligazóns

Compartir: