Inicio Carballo ao día Novas En marcha o terceiro proceso de...

En marcha o terceiro proceso de contratación dos servizos de formación en cociña para poñer en marcha a Escola de Hostalaría

As empresas interesadas poden presentar as súas ofertas a partir de hoxe e durante un prazo de 15 días naturais

Martes 12 de decembro do 2017

O Boletín Oficial da Provincia (BOP) publicou onte o anuncio de licitación do contrato de servizos de formación en cociña do Concello de Carballo e hoxe empezan a contar os 15 días de prazo que teñen as empresas interesadas para presentar as súas propostas. Despois de dous intentos, o goberno municipal agarda que á terceira vaia a vencida e que finalmente se poida desenvolver un proxecto que permitirá que a formación en hostalaría na Costa da Morte dea un salto cualitativo, poñendo en marcha unha escola municipal de hostalaría pioneira en Galicia, cun programa propio e específico, adaptado ás necesidades laborais do sector e financiado exclusivamente con fondos propios. O Concello de Carballo destinará a este proxecto 102.850 euros por ano, e o período de licitación é de dous anos con posibilidade dun terceiro de prórroga.

Segundo as condicións establecidas, cada curso constara de 910 horas teórico-prácticas, das que obrigatoriamente 30 destinaranse á realización de demostracións prácticas do traballo e outras 30 a masterclass. A maiores, o alumnado realizará 240 horas de prácticas profesionais en empresas. Ao longo do curso, as persoas participantes adquirirán formación en aprovisionamento e organización en hostalaría, preelaboración e conservación de alimentos, produtos e técnicas culinarias, cociña tradicional e de vangarda, panadaría e repostería, e seguridade e hixiene na manipulación de alimentos.

En canto aos medios humanos, as empresas deberán acreditar a súa solvencia técnica achegando, como persoal mínimo, un director ou directora vinculado/a ao sector con coñecementos avaliables nun centro de traballo de 10 anos como mínimo, e un técnico ou técnica superior en dirección de cociña con experiencia mínima dun ano como cociñeiro/a. Á hora de valorar os currículos do persoal proposto, ter unha Estrela Michelín, un Sol Repsol, premios a nivel galego ou estatal e experiencia en cursos oficiais de cociña pode supoñer ata 30 puntos, o que demostra a firme aposta pola calidade que se está a facer dende a Concellaría de Promoción Económica.

Descargas

Compartir: