Inicio Carballo ao día Novas Convocada para o venres 15 en Razo unha...

Convocada para o venres 15 en Razo unha reunión de carácter técnico que marca o punto de partida do Plan especial de Arnados

A participación veciñal terá especial importancia ao longo de todo o proceso de elaboración do documento, que está aínda na fase inicial

Martes 12 de decembro do 2017

Ámbito do plan especial de Arnados

Ámbito do plan especial de Arnados

Tal como estaba previsto no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), o Concello de Carballo está a elaborar o Plan especial de protección, infraestruturas e dotacións en Razo-Arnados, un documento concibido para abordar a ordenación integral dunha superficie de 312.811 metros cadrados con varios obxectivos: axustarse aos criterios establecidos no Plan de Ordenación do Litoral (POL), preservar o medio ambiente do litoral costeiro, os espazos naturais e a paisaxe, e recuperar e protexer as áreas degradadas e os areais. Pero ademais de garantir protección, o plan debe prever as dotacións, infraestruturas e redes de servizos suficientes para o desenvolvemento dese ámbito.

O procedemento no que está a traballar xa a empresa adxudicataria é semellante ao de elaboración do PXOM, polo que se establece un prazo de 25 meses para a súa elaboración. Neste momento, polo tanto, atopámonos nos momentos iniciais dun proceso longo, que requirirá moito traballo e no que vai ter unha especial importancia a participación veciñal.

O vindeiro venres 15 de decembro celebraremos no CEIP Nétoma-Razo unha sesión de carácter técnico na que se realizará unha exposición sobre o punto de partida dos traballos e recolleranse as impresións dos axentes sociais implicados a través dunha enquisa que se repartirá nese mesmo acto.

Desde a Concellería de Planificación e Mobilidade Urbana vén de facerse un convite expreso a entidades e grupos políticos, aínda que o acto está aberto a todas as persoas interesadas. A sesión comezará ás 18.30 horas e terá unha duración aproximada de hora e media.

Compartir: