Inicio Carballo ao día Novas Alfredo Brañas regresa a Carballo a...

Alfredo Brañas regresa a Carballo a través de cartas, fotografías e libros recompilados polo seu sobriño-neto durante décadas

O alcalde, membros da corporación e representantes da plataforma veciñal e da Fundación Alfredo Brañas asistiron ao acto de entrega do legado ao Concello

Mércores 7 de febreiro do 2018

Santiago González-Brañas asinou no Libro de Honra

Santiago González-Brañas asinou no Libro de Honra

Unha parte do legado de Alfredo Brañas regresou hoxe á vila onde naceu e onde pasou os primeiros anos da súa vida. Libros, fotografías e cartas recompiladas polo seu sobriño-neto Santiago González-Brañas convértense en patrimonio público grazas á cesión realizada ao Concello de Carballo para que vele pola súa preservación. Todo ese material viaxou desde Vigo en taxi, en sete caixas de cartón de distintos tamaños, e agora será clasificado e inventariado para darlle o mellor uso posible e poñelo ao alcance da sociedade.

A cesión do legado de Alfredo Brañas tivo moitas testemuñas. O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; representantes de todos os grupos da corporación, membros da plataforma veciñal que está a impulsar nos últimos tempos a recuperación da figura do autor de El Regionalismo e o ex-alcalde Manuel Varela Rey como patrono da Fundación Alfredo Brañas compartiron na Alcaldía máis de media hora de conversa, que estivo repleta de anécdotas.

O sobriño-neto de Brañas contou numerosas anécdotas

O sobriño-neto de Brañas contou numerosas anécdotas

Santiago González-Brañas lembrou que estivo por primeira vez na nosa vila en 1959, cando asistiu co seu pai e un irmán a unha homenaxe ao seu tío-avó. E a partir dese momento estableceu un vínculo coa nosa vila que se mantivo ata hoxe. “Non me nego nunca a vir se podo porque me sinto demasiado agradecido. Vós diredes que Alfredo Brañas só naceu aquí e estivo dous anos, pero el, cando foi a homenaxe que lle deron polo éxito do libro El Regionalismo, e así o recollen os xornais, levantouse para agradecer o escrito de adhesión que firmaran 400 veciños de Carballo”, explicou.

“Eu o único que fixen foi distraerme na xubilación, pero sempre cunha idea: aportar, e que no futuro, quen queira, lea e interprete se quere”, declarou Santiago González-Brañas

Como consecuencia desa relación construída ao longo de case medio século, Santiago González-Brañas quixo que o material que puido conservar ou recuperar ao longo de moitos anos volvese ao berce do seu tío-avó. Nesas caixas de cartón atópanse, por exemplo, as cartas que Alfredo Brañas escribía a diario á súa nai, “á que idolatraba”, pero tamén correspondencia que mantiña con outros autores da época, como Manuel Murguía, libros ou fotografías. “Eu o único que fixen foi distraerme na xubilación, pero sempre cunha idea: aportar, e que no futuro, quen queira, lea e interprete se quere”, engadiu o sobriño-neto do xurista, economista, xornalista e escritor carballés.

Inventariado

“Agora teremos que facer unha relación de todo ese material, e enviarémoslle unha copia certificada polo secretario do Concello”, explicoulle o alcalde a Santiago González-Brañas. “Eu creo que é un xesto de recoñecemento aos herdeiros e tamén á propia figura de Brañas, que é o único carballés ilustre que temos e fillo predilecto por unanimidade da corporación municipal. Somos nós os que estamos agradecidos”, asegurou Evencio Ferrero, en resposta ás reiteradas palabras de agradecemento do convidado, que mesmo se confesou abraiado polo recibimento, e que deixou constancia desa gratitude no Libro de Honra do Concello.

Despois da recepción, que rematou pouco antes das 13.30 horas, membros da plataforma cidadá acompañaron a Santiago González-Brañas nunha visita ao IES Alfredo Brañas guiada polo profesor e historiador Xan Fraga. A xornada rematou cun xantar na taberna O’Mexillón, situada na planta baixa da casa na que naceu Alfredo Brañas o 11 de xaneiro de 1859.

Ligazóns



Galería

Compartir: