Inicio Carballo ao día Novas Os grandes espectáculos escénicos...

A PANADARÍA ABRE O CICLO COA HISTORIA DE “ELISA E MARCELA”, O PRIMEIRO MATRIMONIO ENTRE MULLERES DE ESPAÑA

Os grandes espectáculos escénicos da temporada chegan a Carballo para encher de “culturalina” os Venres Culturais

Aínda quedan bonos a 13 euros para asistir a tres representacións teatrais e ao concerto de De Vacas

Xoves 22 de febreiro do 2018 Cultura

Imaxe do espectáculo

Imaxe do espectáculo "Elisa e Marcela", da compañía A Panadaría

Carballo goza dunha primavera cultural en pleno inverno. Entre os meses de febreiro e marzo pasarán polo renovado escenario do Pazo da Cultura os grandes espectáculos escénicos da temporada, empezando, mañá mesmo, por Elisa e Marcela, o primeiro matrimonio entre mulleres de España, que volve a estar de actualidade 117 pola película de Isabel Coixet e, sobre todo, pola montaxe da compañía de teatro A Panadaría. Sen dúbida é un dos éxitos do ano, como demostran as 6 fresquísimas nominacións aos Premios María Casares (mellor espectáculo, mellor dirección, mellor texto orixinal, mellor música orixinal, mellor actriz protagonista e mellor actriz secundaria) ou o Premio Luísa Vilalta a iniciativas culturais pola igualdade. E o mellor de todo é que mañá teremos a oportunidade de vela en Carballo por só 3 euros (2,5 para colectivos con desconto).

Pero se ademais da historia de Elisa e Marcela, que A Panadaría representa en clave de humor, queres asistir a Helena: xuízo a unha lurpia, un clásico representado por Teatro do Atlántico (9 de marzo); Casa O’Rei, que completa a triloxía gastronómica dunha compañía con tanta proxección como Ibuprofeno Teatro, e ao concerto das divertidísimas De Vacas, aínda estás a tempo que adquirir un bono para eses catro espectáculos por só 13 euros (10 € con desconto) nas oficinas da Concellaría de Cultura, de 11.00 a 14.00 horas.

Mural dedicado a Elisa e Marcela na antiga estación de trolebuses

Mural dedicado a Elisa e Marcela na antiga estación de trolebuses

Os mellores espectáculos de actualidade pasarán este inverno por Carballo para encher de culturalina os Venres Culturais, pero tamén para descubrirnos ou refrescarnos historias tan sorprendentes como a de Elisa e Marcela, que está enchendo teatros e que está ademais moi vinculada á nosa comarca, posto que traballaron como mestras en Coristanco, Vimianzo e Dumbría. O 8 de xuño de 1901 casaron na igrexa de San Xurxo na Coruña, enganando ao cura ao transformarse Elisa en Mario e converterse deste xeito nun símbolo dos dereitos das parellas lésbicas. Se queredes coñecer máis detalles sobre esta apaixonante historia, a cita é este venres 23 de febreiro, ás 21.00 horas, no auditorio do Pazo da Cultura.

Compartir: