Oito entidades carballesas recibiron na Casa do Concello axudas da Obra Social La Caixa por un total de 53.000 euros
O acto, presidido polo alcalde, contou coa presenza de representantes das agrupacións beneficiarias e da entidade financeira
Venres 13 de abril do 2018
Oito entidades sociais e deportivas de Carballo poderán desenvolver este ano diversos proxectos en favor dos colectivos máis desfavorecidos e/ou en risco de exclusión grazas á aportación económica que, un ano máis, vén de realizar Caixabank, a través da Obra Social La Caixa. Ditas axudas, que ascenden a 53.000 euros, déronse a coñecer está mañá na Casa do Concello nun acto presidido polo alcalde, Evencio Ferrero, e o novo director da área de negocio da Coruña, José Carlos Cobas, no que tamén estiveron presentes representantes das asociacións beneficiarias ademais da concelleira de Igualdade e Benestar, Maica Ures.
O primeiro en intervir foi o rexedor municipal, que agradeceu a Caixabank o seu compromiso co movemento asociativo do municipio e recoñeceu o seu esforzo e xenerosidade “apoiando iniciativas que posibilitan o desenvolvemento de novos proxectos tanto a nivel social, educativo e/ou deportivo”. Así mesmo, Evencio Ferrero destacou o importante labor desenvolvido polas agrupacións en beneficio de toda a comunidade e expresou o seu desexo de que “a situación económica mellore para que cada vez sexan máis as axudas recibidas”.
Pola súa banda, o director de negocio de La Caixa manifestou a súa intención de continuar colaborando con novos proxectos e atendendo as demandas das asociacións “porque son as que realmente coñecen de preto as necesidades de todos os veciños e veciñas”. Tamén se abriu unha quenda de intervención para as entidades que coincidiron en destacar a importancia das axudas concedidas e agradeceron a boa disposición e permanente colaboración tanto do goberno municipal como da entidade financeira.
Entidades beneficiarias
Este ano a aportación principal foi para a asociación de pais de discapacitados psíquicos de Bergantiños ASPABER, cunha axuda de 12.000€ que irá destinada á creación dunha unidade educativa para usuarios de 3 a 6 anos. Ademais, a Obra Social La Caixa prestará o seu apoio a outras sete organizacións da nosa localidade que desenvolven a súa actividade en áreas da prevención de drogodependencias, a atención integral a enfermos, a exclusión social ou a inclusión a través do deporte.
Relación de entidades beneficiarias e proxectos
- Asociación de pais de discapacitados psíquicos de Bergantiños (Aspaber). Creación dunha unidade educativa: 12.000€
- Asociación de familiares de persoas afectadas por el Alzheimer de Bergantiños (Afaber). Proxecto Terapia en Verde (terapia hortícola e xardinoterapia): 8.000€
- Asociación antidroga Vieiro. Programa de prevención de drogodependencia e condutas aditivas: 8.000€
- Agrupación deportiva UN Paso Máis. Programa de integración de persoas con diversidade funcional a través do deporte: 4.000€
- Asociación de persoas con necesidades específicas da Costa da Morte Aloumiños. Proxecto: Festival Inclusón: 3.000€
- Asociación de axuda a nenos oncolóxicos. Programa “Meu ben” de actividades educativas e de ocio: 2.000€
- Asociación proenfermos mentais de A Coruña. Mellora sas instalacións para o ocio terapéutico: 8.000€
- Bergantiños FC - Escolas de fútbol Luis Calvo Sanz. Proxecto socio-deportivo de integración a través do deporte: 8.000€