Inicio Carballo ao día Novas Asinado o contrato para a execución das...

Asinado o contrato para a execución das obras de reurbanización da rúa Sol, que comezarán despois do San Xoán

O Concello de Carballo investirá case 300.000 euros na mellora a accesibilidade e dos servizos urbanísticos

Luns 28 de maio do 2018

A sinatura do contrato tivo lugar na Alcaldía

A sinatura do contrato tivo lugar na Alcaldía

Evencio Ferrero xa asinou coa empresa Construcciones Vázquez y Reino o contrato correspondente ao proxecto de reurbanización da rúa Sol, pero as obras non comezarán ata despois do San Xoán e rematarán antes de fin de ano, xa que o prazo de execución é de seis meses. O Concello de Carballo investirá 291.973 euros.

Os obxectivos desta actuación, moi demandada por parte da veciñanza, son a modernización dos servizos urbanísticos, que nalgúns casos están obsoletos ou incompletos, e a mellora da accesibilidade, xa que, malia ser unha rúa con moito tránsito peonil, sobre todo os domingos de feira, conta con beirarrúas moi estreitas. Ao mesmo tempo, renovaranse todos os acabados e o mobiliario urbanos e incorporarase xardinería, dándolle continuidade neste sentido á actuación xa realizada en Martín Herrera.

O proxecto abrangue desde este punto ata a rotonda

O proxecto abrangue desde este punto ata a rotonda

O proxecto abrangue, de feito, desde o remate da obra de Martín Herrera ata o cruce con Oriente e Vila de Negreira, xunto á rotonda. En total, 214 metros de lonxitude e un ancho de vía variable desde os 7,50 ata os 12,30 metros. Coa actuación prevista crearase unha plataforma única con distintos pavimentos segundo o tipo de uso. Deste xeito, nas zonas peonís a ámbalas marxes da rúa utilizarase granito coma o da Martín Herrera. Este material tamén se manterá para a zona de circulación ata o cruce coa Gran Vía, pero a partir de aí ata a rotonda será de formigón.

Na zona da rotonda a actuación estenderase ata a rúa Vila de Negreira, incorporando o cruce coa rúa Oriente e dando lugar así a unha pequena praza xunto ao primeiro mural do proxecto Derrubando Muros con Pintura. Neste espazo utilizarase o granito e haberá unha zona de soleira, ademais de bancos e vexetación.

Compartir: