A CITA É O VENRES 8
A Pequefeira amosa a faceta máis emprendedora do alumnado que participa no Horto Infantil Ecolóxico Municipal
No caso de choiva os postos de venda trasladaranse ao segundo andar do Mercado Municipal
Xoves 7 de xuño do 2018
Así de vizosas están as leitugas cultivadas pola rapazada do Horto
Leitugas, rabaniños, flores, plantas aromáticas... Carballo encherase de novo de produtos ecolóxicos cultivados con todo o agarimo polos cativos e cativas do municipio grazas á Pequefeira. Este venres celébrase a segunda edición desta cita na que os e as peques do Horto poñen á venda con toda a súa ilusión os produtos da horta cultivados por eles (os que estean prontos, porque este curso van todos os cultivos con atraso debido a este inverno que non marcha), os traballos manuais e tamén os produtos fitosanitarios ecolóxicos nos que levan traballando todo o ano.
E para espertar aínda máis o interese, tamén haberá algunha sorpresa entre os postos, que estarán situados na Praza do Concello –no 2º andar do Mercado Municipal en caso de choiva–e abertos ao público de 11.00 a 12.30 horas.
Trátase da segunda edición da Pequefeira, despois da primeira celebrada en 2015, e nesta ocasión volven a participar os rapaces e rapazas que acoden aos obradoiros do Horto que teñen lugar na rúa Nardos, e tamén quen participan das actividades nos centros educativos, xa que a Concellaría de Promoción Económica, que dirixe Xosé Regueira, estende durante todo o curso as actividades do Horto Infantil a colexios en todo o termo municipal para que todos os nenos e nenas teñan a oportunidade de traballar coa terra, de aprender sobre o medio natural e de xogar e divertirse mentres ven medrar o que eles mesmos coidan día a día.
Os centros que participan son os CEIP Fogar, Xesús San Luís Romero, Nétoma-Razo e Gándara-Sofán, o CPR Artai e o CRA Ponte da Pedra. Aínda que os nenos e nenas da Escola Infantil As Landras si que desenvolven actividade ao longo do ano, non participan na Pequefeira porque son moi cativos. Coa celebración da PequeFeira ponse fin á actividade do curso no Horto na que participaron dunha ou outra forma ao redor de 1.600 escolares de Educación Infantil e Primaria.