Inicio Carballo ao día Novas O Concello de Carballo solicita un novo obradoiro...

OS CURSOS AFD REMATAN CUN ÍNDICE DE ÉXITO DO 50%

O Concello de Carballo solicita un novo obradoiro de emprego de garantía xuvenil despois dos bos resultados do anterior

Tres dos 12 alumnos/as formados na especialidade de carpintería xa conseguiron a inserción laboral neste sector

Martes 19 de xuño do 2018

O alumnado do primeiro obradoiro deseñou e fabricou mobiliario urbano

O alumnado do primeiro obradoiro deseñou e fabricou mobiliario urbano

A Xunta de Goberno Local de Carballo aprobou na súa xuntanza de onte a solicitude dun novo obradoiro de emprego para mozas e mozos inscritas/os no ficheiro nacional de garantía xuvenil. Será, no caso de que a Consellería de Economía aprobe o proxecto, a segunda acción formativa destas características que se imparta no noso concello, e estará avalada polos bos resultados da anterior. De feito, tres dos 12 alumnos/as que participaron no obradoiro xa están traballando no sector, e non se descartan novas contratacións. Curiosamente, para todo o alumnado foi o seu primeiro contacto co mundo da carpintería, e, sen embargo, a algúns xa lles abriu as portas do seu futuro laboral.

A Concellaría de Promoción Económica volve a apostar polo sector da carpintería. E neste caso a parte práctica permitirá completar o proxecto de reurbanización da contorna do Fórum Carballo -que se acometerá con cargo ao superávit do ano pasado, cun orzamento de 464.832,29 euros- coa construción do mobiliario urbano. O proxecto presentado á Consellería de Economía, Emprego e Industria inclúe, de feito, a construción de bancos, pérgolas e xardineiras, entre outro mobiliario, para as rúas Xílgaro e Luís Braille. O orzamento acada os 137.696,80 euros.

Cursos AFD

Á parte do obradoiro de emprego, este curso impartíronse en Carballo catro cursos do Plan AFD, dirixidos a persoas desempregadas e subvencionados polo Fondo Social Europeo a través da Xunta de Galicia.

Para o curso que vén están previstos dous cursos de soldadura

Para o curso que vén están previstos dous cursos de soldadura

O índice de éxito acadou o 50%, xa que completaron a formación 29 dos 58 alumnos e alumnas. Algúns aínda non remataron todos os contidos. Os 9 que quedan en Servizos de bar e cafetería estiveron de prácticas a semana pasada e agora están centrados nos módulos transversais de orientación laboral e sensibilización en igualdade de oportunidades. Esta semana están realizando as súas prácticas en empresas os 5 que aprobaron o curso de Montaxe e mantemento de instalacións eléctricas en baixa tensión. Os que xa se clausuraron foron os cursos de Programación de sistemas informáticos, con 6 aprobados, e o de Soldadura con electrodo revestido e TIG, no que xa conseguiron traballo 3 dos 9 alumnos aprobados.

De cara ao próximo curso, o Concello de Carballo vén de solicitar outros sete cursos: Soldadura oxigás e mig mag, Soldadura con electrodo revestido e TIG, Montaxe e mantemento de instalacións eléctricas de media tensión, Servizos de bar e cafetería, Comunicación Lingua Galega Nivel 3, Comunicación Lingua Castelá Nivel 3 e Competencia Matemática Nivel 3.

Tanto os cursos AFD coma os obradoiros de emprego inclúen prácticas en empresas, módulos transversais sobre formación para a igualdade, inserción laboral, sensibilización medioambiental, creación de empresas e prevención de riscos laborais, e ademais levan aparellada a obtención dun certificado oficial de profesionalidade.

Compartir: