Inicio Carballo ao día Novas Comezou a medición da concentración...

Comezou a medición da concentración de radon en aire en 46 edificios municipais

O estudo permitirá coñecer os niveis de concentración e adoptar, se é preciso, medidas para reducilos

Luns 6 de agosto do 2018

A Casa do Concello é un dos 46 edificios nos que se realizarán medicións

A Casa do Concello é un dos 46 edificios nos que se realizarán medicións

O novo Código Técnico da Edificación (CTE) inclúe unha serie de medidas que deben adoptar as novas edificacións para limitar a exposición dos seus habitantes ao gas radon, que, segundo a Organización Mundial da Saúde (OMS), é a segunda causa de cancro de pulmón. No Concello de Carballo vimos de poñer en marcha un programa de medición da concentración de radon en aire nun total de 46 inmobles públicos (edificios administrativos, colexios, centros sociais...), xa que desde o punto de vista xeolóxico, unha parte importante da superficie do noso concello está emprazada en granito, e, en xeral, o substrato granítico do subsolo presenta unha maior taxa de radon ca outros materiais.

A campaña de medicións comezou xa. Nesta primeira fase está a realizarse unha medición en todos os edificios con detectores denominados pasivos. No caso de que se detecte unha concentración elevada en algún inmoble realizaríase unha segunda medición con detectores activos. O obxectivo é coñecer os niveis de concentración de radon para poder adoptar as medidas correctoras precisas se é o caso. O custe do estudo é de 10.406 euros.

Que é o radon?

O radon é un elemento químico gasoso e inestable no tempo, procedente da cadea de desintegración do uranio, que nese proceso emite partículas radioactivas de gran enerxía e altamente ionizantes, e ademais é indetectable agás con equipos específicos de medición. O radon está presente en toda Galicia debido á proliferación de solos graníticos. Aínda así, o noso concello non se atopa entre os 25 con maior risco.

A nivel particular, os expertos recomendan adoptar as medidas precisas no momento da edificación, que co novo CTE xa serán de obrigado cumprimento, e unha serie de prácticas cotiás como ventilar a vivenda polo menos dúas horas ao día ou aspirar en vez de varrer.

Ligazóns

Compartir: