Inicio Carballo ao día Novas Os traballos de posta a punto dos parques...

Os traballos de posta a punto dos parques infantís inclúen todas as áreas de xogos de colexios e escolas unitarias

Reposición ou reparación de xogos, lixado e pintado de madeiras e metais, limpeza dos areeiros ou arranxo do caucho son as principais actuacións previstas

Martes 21 de agosto do 2018

O parque de Ramil (Sísamo) é un dos que xa están listos

O parque de Ramil (Sísamo) é un dos que xa están listos

Xa están listos 18 dos 39 parques infantís e biosaudables nos que estamos a realizar actuacións de mellora. Entre eles figuran todos os dos colexios e escolas unitarias, que agardamos ter listos para o comezo do curso. Nas escolas das Encrucilladas, A Raíña, O Almacén, O Piñeiro e O Moucho, así coma no CEIP A Cristina, xa remataron os traballos.

En ningún caso se trata de grandes obras, senón de pequenos arranxos como o lixado e pintado de madeiras ou metais, a reposición ou reparación de elementos de xogo, a colocación de paneis coas instrucións de uso, a fixación de táboas soltas, a eliminación de folguras nos eixos, a reposición de tornillería, a limpeza e reposición de lousas e areeiros ou a eliminación de determinados elementos.

Ademais dos defectos rexistrados na inspección previa, tamén se están a solucionar outros detectados durante a execución dos traballos, como a reparación do cable da tirolina do Parque Rego da Balsa, que xa está de novo en uso, ou a reposición de pezas da valla no Parque da Brea, onde aínda está pendente a actuación.

Obxectivo: garantir a seguridade

O obxectivo é garantir a seguridade dos nosos pequenos e pequenas, e por iso cada ano encárgaselle a unha empresa certificada en inspección e calidade de áreas de xogo un informe sobre os máis de 40 parques infantís e biosaudables existentes no termo municipal. Unha vez realizadas as reparacións, os parques volverán a ser revisados e certificados.

Os traballos, que comezaron a finais de xullo, teñen un prazo de execución de tres meses, e rematarán coas actuacións que impliquen reparación ou substitución dos pavimentos de caucho. O investimento este ano acada os 13.058,32 euros, inferior a anos anteriores, xa que, como apuntou o concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas, grazas ás revisións anuais os danos a reparar redúcense ao deterioro propio do elevado nivel de uso que teñen os nosos parques infantís. De feito, segundo os informes técnicos, o estado dos parques carballeses en xeral é bo ou moi bo.

Compartir: