Inicio Carballo ao día Novas Pasamos o ecuador da Semana Europea da Mobilidade...

MAÑÁ XOVES, FESTA DO PEDIBÚS

Pasamos o ecuador da Semana Europea da Mobilidade cunha participación moi elevada en todas as actividades

Hoxe arrancou o bicibús no CEIP A Cristina, e esta semana chegará tamén ao Xesús San Luís Romero e ao Artai

Mércores 19 de setembro do 2018

Participantes no bicibús do CEIP A Cristina

Participantes no bicibús do CEIP A Cristina

Carballo é unha das 1.654 cidades dos 53 países de todo o mundo que participan este ano na Semana Europea da Mobilidade, aínda que a cifra continuará aumentando ata o día 22, data de peche das actividades. No noso caso, hoxe pasamos o ecuador cun balance máis ca satisfactorio de participación en todas as accións. Tanto a Ruta en bicicleta por Sísamo coma o I Festival de xogos e deportes tradicionais e a xornada de seguridade viaria para ciclistas celebrada esta mesma tarde rexistraron unha excelente acollida, sobre todo entre os nenos e as nenas, que son os principais destinatarios da campaña de sensibilización impulsada desde a Concellaría de Planificación e Mobilidade Urbana.

Hoxe tamén arrancou unha iniciativa novidosa, o bicibús, que consiste en que os nenos e as nenas vaian ao cole en bici. Nin sequera as obras foron un obstáculo para os pequenos e as pequenas ciclistas do CEIP A Cristina que inauguraron a experiencia. Tanto á entrada coma a saída amosábanse felices de participar e mesmo se declaraban dispostos/as a facelo a diario.

Polos medios dos que dispoñemos, xa que esta actividade está a desenvolverse grazas ao voluntariado do Club Ciclista Carballo a un Paso e á colaboración dos centros educativos, nesta experiencia piloto decidiuse que cada día participase un colexio, e en principio só co alumnado de 6º de Primaria. Hoxe foron seis nenos e nenas, pero mañá no Xesús San Luís Romero xa serán máis do dobre, e para o venres no Artai están anotados unha vintena. En vista da excelente resposta, na que sen dúbida tamén inflúe o bo tempo do que gozamos, de cara á vindeira edición estudaremos a posibilidade de ampliar a iniciativa.

Próximas actividades

Xornada de seguridade viaria

Xornada de seguridade viaria

O circuíto de seguridade viaria de hoxe foi deseñado, precisamente, para fomentar o uso da bicicleta ensinando aos participantes as normas básicas para ir máis seguros polas rúas. Esta actividade educativa servirá de preparación para a Ruta urbana en bici que se celebrará o sábado, a partir das 11.00 horas, polos centros escolares e os principais edificios públicos do casco urbano. O Club Ciclista Carballo dirixirá unha actividade que xa se realizou o ano pasado con moi boa acollida, e que nesta ocasión incluirá, demais, unha xincana no Pazo da Cultura.

Os nenos e nenas dos colexios Bergantiños, Fogar e A Cristina que participan no Camiño Escolar terán mañá xoves a Festa do Pedibús, unha actividade que levamos a cabo todos os anos para recompensar dalgún xeito a todos os nenos e nenas, e ás súas familias, que se implican na promoción dunha mobilidade sostible.

E o venres, pensando xa nun público adulto, realizaremos Un paseo pola arte urbana, unha ruta guiada polo persoal do departamento de Turismo para coñecer máis de preto as obras dos proxectos Derrubando Muros con Pintura e Rexenera Fest que non só decoran as medianeiras senón que axudan a converter en Carballo nun referente artístico e cultural. Se queredes participar só tedes que achegarvos antes das 20.00 horas ata o Museo de Bergantiños.

Ligazóns

Compartir: