CARBALLO LIMPO
O equipo de limpeza viaria recolle cada día máis de 7.000 cabichas das rúas do casco urbano
Os restos de cigarros “varridos” durante unha semana estarán expostos nunha urna o xoves e o domingo, coincidindo coas feiras, nas rúas do centro
Martes 9 de outubro do 2018
A presentación da campaña realizouse hoxe na rúa Hórreo
O equipo de limpeza viaria de Carballo varre cada día máis de 7.000 cabichas. Non é que as contásemos, pero grazas ao minucioso labor dos/as traballadores/as de Aspaber UTE puidemos facer un cálculo aproximado. Durante unha semana, o persoal do servizo de limpeza levou no seu carriño unha bolsa extra nas que foron depositando as cabichas que ían varrendo do chan. “Foi moito choio”, aseguraban hoxe, pero grazas a iso podemos ter unha idea moito máis realista do importante problema que representan os restos dos cigarros.
En sete días foron recollidos 100 quilos de cabichas. Estímase que cada unha pesa 2 gramos, polo que o cálculo é doado: 50.000 cabichas á semana e máis de 7.000 ao día
En sete días foron recollidos 100 quilos de cabichas. Estímase que cada unha pesa 2 gramos, polo que o cálculo é doado: 50.000 cabichas á semana e máis de 7.000 ao día. Metémolas todas nunha urna transparente, e agora colocarémola o xoves e o domingo, coincidindo coas feiras, nas rúas do centro. Hoxe o alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas, presentaron, xunto co persoal de limpeza, esta nova campaña de Carballo Limpo, e foron varias as persoas que se achegaron ata o recipiente e que preguntaron de onde saíran tantas cabichas. “Hai que deixar de fumar”, dixo algún viandante ao coñecer a resposta.
A urna cos 100 quilos de cabichas estará exposta o xoves e o domingo na vía pública
Ese sería o obxectivo final, pero mentres non se consiga tratamos de que as nosas rúas estean o máis libres posible de residuos. Con esa intención poñemos en marcha esta nova campaña de Carballo Limpo, na que ademais pediremos a colaboración dos establecementos de hostalaría, sobre todo naqueles puntos nos que se ten detectado unha maior concentración de cabichas, para que animen á súa clientela a usar os cinceiros e non as tiren ao chan.
As cabichas están consideradas coma o principal residuo a nivel mundial. Hai millóns de toneladas diseminadas por todo o planeta, e tardan décadas en desaparecer, contaminan os mares, danan a biodiversidade e provocan incendios forestais. A nivel urbano, ademais de ensuciar os espazos públicos, as cabichas tiradas ao chan poden ser arrastradas pola choiva ata a rede de pluviais ou de saneamento e entrar en contacto coa auga, liberando as nocivas e contaminantes sustancias químicas que contén o tabaco.