Inicio Carballo ao día Hemeroteca Arranca o proceso de contratación das...

XUNTA DE GOBERNO LOCAL

Arranca o proceso de contratación das obras de reurbanización da contorna do Fórum e do asfaltado de accesos a vivendas nas 18 parroquias

Dentro das actuacións que estamos a desenvolver nos barrios, hoxe tamén foron adxudicadas as obras das rúas Laracha, na zona da Braña, e Cándido González Tiradas, na de Pedra Furada

Luns 22 de outubro do 2018 Carballo ao día

Evencio Ferrero e Xosé Regueira, coa directora do obradoiro e o profesor de carpintería

Evencio Ferrero e Xosé Regueira, coa directora do obradoiro e o profesor de carpintería

O Concello de Carballo investirá case 900.000 euros en dous novos proxectos encamiñados a mellorar as infraestruturas e os servizos dos nosos barrios e parroquias. Na Xunta de Goberno Local celebrada hoxe púxose en marcha o proceso para a contratación do proxecto de reurbanización da contorna do Fórum Carballo, que se acometerá con fondos municipais procedentes do superávit do ano pasado, cun orzamento de 446.333,34 euros.

Precisamente hoxe o alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Promoción Económica, Xosé Regueira, visitaron o taller de carpintería do Fórum, no que se está a desenvolver un obradoiro de emprego de garantía xuvenil que ten como finalidade formar a 12 mozos/as para mellorar a súa empregabilidade, e a parte práctica desa formación consistirá na construción dos bancos, pérgolas e xardineiras, entre outro mobiliario, que completará as obras das rúas Xílgaro e Luís Braille.

O outro importante proxecto que botou a andar na reunión de hoxe foi o de asfaltado de accesos a vivendas, no que investiremos un total de 449.993,23 euros para acondicionar os accesos ás casas de familias de todo o termo municipal. O proxecto, de feito, inclúe asfaltados nas 18 parroquias, entre eles todos os solicitados pola veciñanza a través dos consellos parroquiais.

Adxudicación de obras

Xunto a esas obras, para as que se inicia agora o procedemento de contratación, a Xunta de Goberno Local aprobou hoxe a adxudicación de outras que tamén contribuirán a mellorar as infraestruturas e os servizos en dous barrios urbanos. Na zona de Pedra Furada, a empresa Lancer Proyectos y Obras executará a reurbanización da rúa Cándido González Tiradas. O proxecto divídese en dúas fases. A primeira, que foi adxudicada por 86.952,66 euros, desenvolverase nunha superficie de 630 metros cadrados, concretamente entre o cruce coa rúa Antonio Vázquez Mouzo e a Alcalde Monteagudo. A segunda custará 92.949,05 euros, e desenvolverase entre Antonio Vázquez Mouzo e Rodríguez Sesmeros, cunha superficie de 943 metros cadrados. O obxectivo é dotar a rúa de todos os servizos urbanísticos, dos que agora carece, e proceder á pavimentación da zona de circulación e á construción de beirarrúas. O proxecto complétase co pintado das zonas de aparcamento e os carrís, a colocación de papeleiras e a plantación de árbores e crecemento lento.

O alcalde e os concelleiros Luis Lamas e Belén Lendoiro visitaron a rúa Laracha

O alcalde e os concelleiros Luis Lamas e Belén Lendoiro, nunha visita á rúa Laracha

Fóra da orde do día tamén se aprobou a adxudicación das obras de mellora da accesibilidade na rúa Laracha, no barrio da Braña, á empresa Construcciones Ramón Vázquez y Reino por un importe de 92.807 euros. A obra inclúe a renovación de todos os servizos ao longo dos 133 metros de lonxitude da rúa. Así, cambiaranse as canalizacións da rede de abastecemento de auga, que agora son de fibrocemento; instalarase rede separativa de pluviais e residuais, que non existe, e completarase a canalización de gas. Tamén se prevé a formación de beirarrúas e a reposición do pavimento afectado polas instalacións. Así mesmo, pintaranse as prazas de aparcamento e a vía e colocaranse sinais de tráfico novos.

Outros asuntos

A Xunta de Goberno Local tamén aprobou hoxe facturas por importe de 32.897,85 euros, dous vaos e nove licenzas urbanísticas. Fóra da orde do día tamén recibiron o visto bo as bases da VI Competición de Webseries e do Premio a proxecto de webserie en galego do Carballo Interplay 2019.

Compartir: