Inicio Carballo ao día Hemeroteca A Concellería de Igualdade convida aos...

25 DE NOVEMBRO

A Concellería de Igualdade convida aos sectores do comercio e a hostalaría a unirse á campaña “Carballo en negro”

O departamento que dirixe Maica Ures facilitará material e información aos establecementos que apoien a conmemoración do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres

Mércores 24 de outubro do 2018 Carballo ao día

Carballo forma parte da rede de Concellos en negro contra a violencia, integrado por municipios de toda Galicia que consideran preciso actuar coa maior contundencia posible, e dunha vez por todas, contra un problema público tan importante coma a violencia machista. Un ano máis desde a Concellería de Igualdade e Benestar faise un convite ao comercio local para que axude a darlle visibilidade á situación de violencia na que viven moitas mulleres. Neste ano xa van 40 asasinadas en España, e dende o departamento que dirixe Maica Ures consideran “que a actual situación require dunha resposta unánime da sociedade que poña de manifesto o rexeitamento de todas as formas de violencia contra as mulleres”.

Con ese obxectivo queremos vestir de loito a nosa vila “en sinal de dor por todas as mulleres que sofren violencia e como resposta á máis dura das súas consecuencias: a morte”, explica Maica Ures. E por iso a campaña vai dirixida aos sectores comercial e hostaleiro, porque son o grande escaparate que pode transmitir á cidadanía esta mensaxe de denuncia e solidariedade: Queremos Carballo libre de violencia!

Do 19 ao 26 de novembro viste a túa tenda, comercio, empresa, bar, posto do mercado... de negro. Viste os manequíns, os manteis do teu restaurante ou a ti mesmo/a de negro, e desde a Concellaría de Igualdade e Benestar enviarémosche material e información para facilitarche o traballo.

Se queres participar só tes que chamar aos números de teléfono 981 700 688 / 638123460 ou enviar un correo electrónico a carballoennegro@gmail.com cos datos do establecemento (nome e enderezo) e da persoa de referencia (nome, teléfono e correo electrónico) antes do 9 de novembro, e deseguida contactaremos contigo.

Compartir: