Inicio Carballo ao día Hemeroteca O delegado territorial da Xunta visitou o...

O delegado territorial da Xunta visitou o primeiro dos sete cursos AFD que se impartirán este ano no Fórum Carballo

Ovidio Rodeiro estivo acompañado polo alcalde, Evencio Ferrero, que o convidou a coñecer tamén a Escola Municipal de Hostalaría

Martes 30 de outubro do 2018 Carballo ao día

As autoridades, co alumnado de soldadura

As autoridades, co alumnado de soldadura

O delegado territorial da Xunta, Ovidio Rodeiro, acompañado polo alcalde, Evencio Ferrero, visitou hoxe a nave de soldadura do Fórum Carballo, na que se imparte a primeira das sete accións formativas para desempregados (AFD) previstas para este curso. As autoridades mantiveron un breve encontro co alumnado de Soldadura oxigás e mig-mag, que levan só uns días de aprendizaxe. En breve comezarán tamén os cursos de Servizos de cafetería e bar, Montaxe e mantemento de instalacións eléctricas de baixa tensión e Soldadura TIG, e ademais haberá tres de competencias clave.

Ovidio Rodeiro asegurou que o obxectivo do investimento que se realiza neste tipo de accións formativas, que no caso de Carballo acada os 322.000 euros, é “buscar a mellor formación, unha formación de calidade e acreditada mediante un certificado de profesionalidade que serve para traballar en todo o Estado”. O delegado da Xunta agarda que no caso de soldadura se supere o 60% de inserción que, segundo dixo teñen de media os cursos AFD.

Evencio Ferrero, pola súa banda, aludiu á necesidade de que as Administracións “poñamos todo da nosa parte para conseguir a inserción laboral” que se persigue con estas accións formativas. O alcalde de Carballo destacou a boa dotación do Fórum Carballo e a colaboración da Xunta para poder poñer a disposición da veciñanza unha oferta de cursos máis ampla. “As Administracións estamos para colaborar”, declarou.

A visita rematou na Escola Municipal de Hostalaría

A visita rematou na Escola Municipal de Hostalaría

Froito desa colaboración é tamén o obradoiro de emprego de garantía xuvenil que se está desenvolvendo na nave da carpintería, ata a cal tamén se desprazaron Ovidio Rodeiro e Evencio Ferrero acompañados polo concelleiro de Promoción Económica, Xosé Regueira, e outros membros da corporación. A visita rematou na Escola Municipal de Hostalaría, na que se amosou ao delegado da Xunta o modelo de formación propia polo que tamén está a apostar o Concello de Carballo.

Compartir: