Inicio Carballo ao día Novas Arranca unha campaña de loita contra as...

MANTEÑAMOS CARBALLO LIMPO

Arranca unha campaña de loita contra as cabichas na queremos contar coa colaboración da hostalaría local

O equipo de limpeza viaria, que varre cada día máis de 7.000 cabichas, repartirá unha carta informativa e carteis aos establecementos que se sumen á iniciativa

Xoves 13 de decembro do 2018

Evencio Ferrero e Luis Lamas entregaron o material informativo ao equipo de limpeza

Evencio Ferrero e Luis Lamas entregaron o material informativo ao equipo de limpeza

Despois da comprobación empírica do importante problema medioambiental que supoñen as cabichas no casco urbano, desde o Concello de Carballo, coa colaboración da empresa concesionaria do servizo de limpeza viaria, Aspaber UTE, decidimos poñer mans á obra para intentar reducir a súa presenza nas rúas. O equipo de limpeza varre cada día máis de 7.000, e o obxectivo da campaña que arrancará a semana que vén é, se non é posible eliminalas por completo, reducir ese número.

Co lema “Manteñamos Carballo Limpo” imos desenvolver unha nova campaña de sensibilización na que contaremos coa colaboración da hostalaría local. Tal como se estableceu na xuntanza previa de preparación da iniciativa, na que participaron o alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas, ademais dos traballadores do servizo de limpeza, será o propio persoal de Aspaber UTE o encargado de trasladar a proposta ao sector hostaleiro. Deste xeito, a partir da semana que vén iniciarán o reparto dunha carta informativa e dun cartel que se colocará nos establecementos colaboradores.

Para predicar co exemplo, o Concello de Carballo tamén colocará cinceiros no exterior dos edificios públicos

A participación na campaña é gratuíta e voluntaria. Simplemente se pretende que os locais de hostalaría contribúan a reducir a presenza de cabichas nas rúas tanto colocando cinceiros no exterior, se é o caso, coma incentivando o seu uso entre a clientela. As cabichas, xunto coas defecacións dos cans, que tamén serán obxecto dunha campaña específica, son os problemas de limpeza viaria que máis reclamacións xeran no Concello. Para erradicalos é precisa a colaboración de todas e todos.

No caso das cabichas, para predicar co exemplo, o Concello de Carballo tamén colocará cinceiros no exterior dos edificios públicos.

As cabichas están consideradas coma o principal residuo a nivel mundial. Hai millóns de toneladas diseminadas por todo o planeta, e  tardan décadas en desaparecer, contaminan os mares, danan a biodiversidade e provocan incendios forestais. A nivel urbano, ademais de ensuciar os espazos públicos, as cabichas tiradas ao chan poden ser arrastradas pola choiva ata a rede de pluviais ou de saneamento e entrar en contacto coa auga, liberando as nocivas e contaminantes sustancias químicas que contén o tabaco.



Galería

Compartir: