Inicio Carballo ao día Hemeroteca Comeza a exposición pública da nova...

Comeza a exposición pública da nova Ordenanza reguladora do tráfico, a mobilidade e a seguridade viaria

As persoas interesadas dispoñen de 30 días de prazo, que empezan a contar o 22 de decembro, para presentar as reclamacións que estimen oportunas

Venres 21 de decembro do 2018 Carballo ao día

Rúas coma a Valle-Inclán xa son de prioridade peonil e teñen limitada a velocidade a 20 Km/h

Rúas coma a Valle-Inclán xa son de prioridade peonil e teñen limitada a velocidade a 20 Km/h

O 22 de decembro empezan a contar os 30 días de prazo de exposición ao público da nova Ordenanza reguladora do tráfico, a mobilidade e a seguridade viaria no concello de Carballo, aprobada inicialmente pola corporación municipal no pleno de novembro. O texto completo pode consultarse no Portal de Transparencia e na sección de participación veciñal desta páxina web.

A nova ordenanza recolle na súa maior parte aspectos xa previstos na vixente pero introduce novidades encamiñadas e mellorar a seguridade peonil. Unha delas é a redución das velocidades máximas nalgunhas vías. Deste xeito, nas rúas urbanas de plataforma única non poderán superarse os 20 Km/hora, unha medida que xa está vixente en Valle-Inclán, Martín Herrera ou Desiderio Varela, por exemplo; mentres que no resto das vías urbanas o límite será de 30 Km/hora. No resto do viario municipal establécense tamén 30 Km/h para as denominadas travesías de núcleo, aínda que se contan con beirarrúas ou beiravías laterais para peóns e ciclistas amplíase ata 40 Km/h.

Precisamente, un dos obxectivos da ordenanza é a promoción da mobilidade sostible, baseada na prioridade dos modos de desprazamento, por esta orde: a pé, en bicicleta, transporte público e de mercadorías e transporte privado. Nese sentido, as medidas establecidas tenden a “facilitar a mobilidade da cidadanía, sobre todo dos peóns, ciclistas e viaxeiros de transporte colectivo”, calmar o tráfico para gañar en seguridade e reducir “ao máximo o número de accidentes e vítimas”, ordenar o tráfico de reparto de mercadorías para causar o menor prexuízo a veciñanza e adecuar a rede viaria e a ordenación do tráfico para a consecución desa mobilidade sostible.

A ordenanza dá resposta ás necesidades creadas a raíz da transformación do espazo público, regulando, por exemplo, a utilización das vías de plataforma única ou a circulación de vehículos de mobilidade persoal (VMP), que, con carácter xeral, teñen unha consideración similar á das bicicletas e non poderán circular por beirarrúas nin zonas peonís. As condicións concretas previstas para cada medio de locomoción, así coma o resto dos aspectos regulados na ordenanza (impacto ambiental, autorizacións, normas de circulación urbana, sinalización, carta e descarga, uso e actividades na vía pública, parada e estacionamento ou o réxime sancionador, entre outros) poden consultarse na ordenanza, que tamén atoparedes ao final desta nova.

Ligazóns

Descargas

Compartir: