Inicio Carballo ao día Novas A Pequefeira amosa a faceta máis...

A Pequefeira amosa a faceta máis emprendedora do alumnado do Horto Infantil Ecolóxico Municipal

Os ingresos obtidos ou ben irán destinados ao arranxo dos hortos dos coles ou ben a unha causa social

Venres 31 de maio do 2019

O alcalde inaugurou a Pequefeira

O alcalde inaugurou a Pequefeira

Co convite do alcalde, Evencio Ferrero, a recuperar o contacto coa terra e a desfrutar do traballo nela arrancou unha nova edición da Pequefeira, unha especie de albaroque que, ademais de poñer fin ás actividades do Horto Infantil Ecolóxico Municipal nos centros escolares, amosa a faceta máis emprendedora dos nenos e nenas. E tamén a máis imaxinativa, porque alí onde a colleita foi escasa substituíron as leitugas e as remolachas por doces, artesanía ou flores, incrementando deste xeito o interese do público.

A inauguración da Pequefeira realizouse, como estaba previsto, ás 11.00 horas, pero xa dende moitos minutos antes había colas diante dos postos. Mamás, papás, avoas e avós non quixeron perder a oportunidade de ver aos nenos e nenas convertidos en comerciantes, pero ao longo da mañá foron aumentando o público e as vendas. Nin o alcalde puido resistirse a mercar unhas leitugas.

Agora tócalles aos nenos e nenas decidir que fan cos ingresos obtidos: ou ben dedicalos a mellorar as instalacións dos hortos nos seus coles ou ben destinalos a unha causa social. Este ano contamos coas achegas de máis de 2.000 alumnos e alumnas dos colexios Bergantiños, Fogar, Gándara-Sofán, Nétoma-Razo, San Luís Romero e Artai, así coma das escolas do CRA Ponte da Pedra e dos 62 nenos e nenas que acoden cada semana aos obradoiros que se celebran nas instalacións da rúa Nardos. E ademais, aínda que o cole non participa nesta actividade, un grupo de nenos e nenas do CEIP A Cristina achegáronse ata a Praza do Concello para facer unha visita aos seus compañeiros.

Con esta iniciativa rematamos o proxecto escolar por este ano, aínda que no Horto Infantil Ecolóxico Municipal non cesa a actividade, e xa estamos preparando tanto os obradoiros de verán coma os do curso que vén. Seguiremos informando.

Compartir: