Inicio Carballo ao día Novas O 24 de setembro arrancará o proceso de...

CONSULTA AQUÍ A LISTAXE DEFINITIVA DE ASPIRANTES

O 24 de setembro arrancará o proceso de selección do alumnado da segunda promoción da Escola de Hostalaría

Inscritas un total de 39 persoas, 23 na primeira convocatoria e 16 na segunda

Mércores 18 de setembro do 2019

Fernando Agrasar, con parte do alumnado da primeira promoción

Fernando Agrasar, con parte do alumnado da primeira promoción

O martes 24 de setembro empezará o proceso de selección dos/as 15 alumnos/as que integrarán a segunda promoción da Escola de Hostalaría do Concello de Carballo. Os/as candidatos/as están convocados/as para as 10.00 horas no auditorio do Fórum Carballo, onde se celebrará a primeira proba, de tipo test, co obxectivo de avaliar os seus coñecementos teóricos.

Para este primeiro exame están citadas 39 persoas: 23 inscritas na primeira convocatoria e 16, na segunda. No caso de que se detecte algunha ausencia na relación que se publica ao final desta nova, os/as interesados/as dispoñen de 2 días hábiles para presentar nas oficinas municipais do Fórum Carballo unha copia da súa solicitude presentada a través de calquera dos rexistros municipais.

O mesmo día 24, a partir das 14.00 horas, xa se fará pública a través desta páxina web e no taboleiro do Fórum Carballo o listado provisional de aprobados/as, xunto coa data e a hora do segundo exercicio. O alumnado disporá, nese momento, dun prazo de 3 días, contados dende o día seguinte á publicación, para presentar alegacións o calquera outra reclamación que consideren oportuna.

Proceso de selección

Dado que as prazas son limitadas, a selección realizarase do seguinte xeito: haberá tres probas eliminatorias, nas que será preciso acadar unha puntuación mínima de 5, e a súa porcentaxe sobre a nota final será do 20, o 30 e o 50%, respectivamente.  Á proba final só accederán, como máximo, as 30 persoas con maior puntuación nos dous primeiros exames.

A primeira proba será teórica e escrita, e terá como obxecto avaliar os coñecementos, aptitudes e habilidades dos/as aspirantes neste ámbito profesional. Para a realización desta proba é preciso levar o DNI e un bolígrafo de cor negra ou azul. Os/as candidatos/as deberán responder a 40 preguntas tipo test, con catro respostas das que só unha será válida, nun tempo máximo de 60 minutos.

Cada pregunta correcta terá un valor de 0.25, e será imprescindible acadar un 5 para pasar á segunda proba, que consistirá nunha entrevista curricular e por competencias que permitirá valorar a actitude, motivación e interese pola acción formativa dos/as aspirantes, a súa traxectoria laboral no sector e a súa idoneidade para o posto. Tamén se terá en conta a dispoñibilidade horaria e xeográfica. Nesta fase poderase aportar toda a documentación curricular que se considere precisa.

Os/as 30 candidatos/as con mellores notas pasarán ao terceiro exame, de carácter práctico, que consistirá nunha proba de cociñado na que, nun tempo máximo de 90 minutos, deberán elaborar un prato partindo dun ingrediente común. O tribunal valorará o sabor, a presentación, a creatividade e a limpeza. Para optar a unha das 15 prazas será preciso acadar un mínimo de 5 puntos sobre 10.

Proxecto formativo

A Escola de Hostalaría será xestionada por segundo ano pola empresa Garfio de Barizo S. L, representada polo prestixioso cociñeiro Fernando Agrasar, que será o director e un dos docentes do centro. O Concello de Carballo investirá este curso preto de 100.000 euros para ofrecer a mellor formación aos 15 alumnos/as que integrarán cada promoción.

O curso terá unha duración total de 1.135 horas, comezará en outubro e desenvolverase nas instalacións do Fórum Carballo en horario de 08.30 a 14.00, de luns a venres. Dentro desa formación inclúense 320 horas de prácticas en empresas.

Descargas

Compartir: