Inicio Carballo ao día Novas Carballo acolle o Campionato Provincial de Campo...

VENRES 6 DE MARZO, NA ZONA VERDE DO POLÍGONO DE BÉRTOA

Carballo acolle o Campionato Provincial de Campo a Través de Centros Educativos, con 19 participantes do noso concello

O alcalde, o concelleiro de Deporte e un representante da Secretaría Xeral para o Deporte reuníronse cos nenos e nenas para poñer en valor o seu esforzo

Mércores 4 de marzo do 2020 Deporte

Despois da multitudinaria fase local que se disputou en novembro, Carballo acolle este venres 6 de marzo o Campionato Provincial de Campo a Través de Centros Educativos, organizado pola Xunta de Galicia, dentro do programa Xogade, e o Concello de Carballo. Un total de 515 deportistas das categorías benxamín, alevín, infantil e cadete de 66 centros escolares da provincia daranse cita na zona verde do polígono de Bértoa para empezar a competir ás 11.30 horas. Entre eles e elas estarán 19 escolares do noso concello, que hoxe tiveron a oportunidade de reunirse co alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, nun acto que contou tamén coa presenza de Roberto García en representación da Secretaría Xeral para o Deporte.

O encontro celebrouse pola mañá no Pazo da Cultura, ata onde se desprazaron os alumnos e alumnas dos colexios da Cristina, Bergantiños, Fogar, Gándara-Sofán e Nétoma-Razo que conseguiron clasificarse para esta final provincial. Xunto a eles estiveron profesores e familias, para as que tamén foi o recoñecemento das autoridades.

O concelleiro de Deporte destacou a importancia de impulsar o deporte escolar para que a práctica deportiva “vaia medrando dende a base cara arriba”.

Roberto García amosouse “encantado” por poder impulsar o atletismo dende os centros educativos a través deste campionato provincial, que se celebrou por primeira vez o ano pasado en Noia e que chega agora ao noso concello. O representante da Secretaría Xeral para o Deporte asegurou que Xogade é “o programa estrela” do departamento, polo que valorou moi positivamente que estea a medrar ano tras ano, e agradeceu especialmente a colaboración do Concello de Carballo e o “compromiso importantísimo” dos colexios, nos que, dixo, hai que apostar “pola terceira hora de educación física, que fai falta”.

O alcalde, pola súa banda, dirixiuse dunha maneira moi especial aos nenos e nenas, poñendo en valor o seu esforzo e apelando á súa responsabilidade como “embaixadores das vosas familias, do voso cole e do voso concello”. Evencio Ferrero agradeceu a elección de Carballo como sede deste campionato provincial, destacou o elevado número de representantes locais e reiterou o compromiso do Concello de Carballo coa promoción do deporte.

Despois da xuntanza e da sesión de fotos para a lembranza, os nenos e nenas foron agasallados con cadansúa camiseta conmemorativa deste campionato provincial e cun paraugas co lema “eu quero Carballo”, e ademais puideron desfrutar e degustar un almorzo cheo de enerxía para afrontar a cita do venres.

Compartir: