O CONCELLO RENDE CONTAS
A atención á cidadanía, en especial ás persoas máis vulnerables, centra a acción municipal dende o inicio do confinamento
Reforzamos as axudas sociais, mantemos todos os contratos para garantir o emprego nas empresas prestadoras de servizos, reducimos a presión fiscal e potenciamos os servizos de emerxencias, hixiene e seguridade
Domingo 19 de abril do 2020
Superado o primeiro mes dende a declaración do estado de alarma para facer fronte á crise sanitaria provocada polo COVID-19, o Concello de Carballo rende contas sobre as medidas adoptadas, como non podía ser doutro xeito, seguindo as directrices das autoridades sanitarias en materias de hixiene, seguridade ou aforos; pero tomando tamén a iniciativa para garantir a atención á cidadanía e dun xeito moi especial ás persoas máis vulnerables nas circunstancias actuais.
Servizos sociais e terceira idade
- Posta en marcha dun servizo de reparto de alimentos e medicamentos a persoas maiores, con problemas de mobilidade ou en situación de vulnerabilidade, en colaboración con Protección Civil e Brigada de Obras. Tamén colaboramos no reparto de alimentos de entidades coma Cáritas.
- O departamento de Igualdade e Benestar contactou neste primeiro mes con 690 persoas maiores de 70 anos para interesarse polas súas necesidades e ofrecerlles os recursos precisos: 15 necesitaron apoio dalgún tipo, pero é previsible que a cifra aumente. As persoas afectadas ou que coñezan a alguén que poida estalo poden chamar ao 981 704 706.
- 52 familias do noso concello reciben apoio psicolóxico e psicosocial, 10 delas como consecuencia da actual crise sanitaria.
- No programa de educación familiar rexistráronse 9 altas, o que eleva o número de usuarias ata 26.
- Ás persoas afectadas polo peche de centros de día ou de atención á diversidade estáselle ofrecendo atención personalizada.
- Tramitadas 288 tarxetas para a compra de alimentos destinadas a familias con fillos/as que tiñan o comedor escolar subvencionado ao 100%. O reparto das tarxetas realízase porta a porta por parte de Protección Civil.
- Incrementamos un 10% os importes dos vales de alimentos, que varían en función do número de membros e das necesidades das familias. Dende o inicio da crise sanitaria sumáronse 20 unidades de convivencia a este programa, que inclúe ademais o pago de alugueres e subministros básicos.
- O Concello de Carballo asume a manutención de 11 familias por non dispoñer de prazas no programa da Xunta de Galicia “Xantar na Casa”.
- A Unidade de Condutas Adictivas é un dos servizos que continúa a prestar asistencia presencial, incrementada agora ao absorber tamén aos pacientes que recibían atención ambulatoria.
- O Centro de Información á Muller (CIM) segue atendendo casos de emerxencia e realizando un seguimento das usuarias, cando é posible, vía Skype.
Medidas de protección
- Dende o Concello de Carballo estamos a realizar desinfeccións diarias en edificios e espazos públicos, así coma nas contornas dos comercios abertos ao público. O servizo municipal de limpeza viaria realiza, ademais, baldeos diarios, e o servizo de recollida de lixo céntrase na desinfección e limpeza dos colectores, nestes momentos na zona rural.
- Coa intención de seguir mellorando a seguridade dos/as traballadores/as e das persoas usuarias das instalacións municipais vimos de adquirir dous ozonizadores para os vehículos municipais e estamos preparando a instalación de pantallas protectoras nos postos de atención ao público.
- Para facilitar á cidadanía un elemento de protección para aqueles casos nos que se precisa saír do confinamento e non é posible respectar a distancia de seguridade, coa colaboración de Protección Civil, Brigada de Obras, persoal da área de Deporte e Cruz Vermella estamos a repartir 32.000 mascarillas, unha por veciño/a, porta a porta en todo o concello. Ademais, dotamos de elementos de protección a todo o persoal que desenvolve traballo presencial.
- Apoio ao IES Monte Neme no reparto de máscaras protectoras para persoal de servizos e actividades esenciais.
Servizos á cidadanía
- O Concello de Carballo continúa a prestar os seus servizos con relativa normalidade, xa que o teletraballo permite que case o 90% das tarefas habituais poidan realizarse por parte do persoal dende as súas vivendas. Para cuestións urxentes relacionadas co padrón de habitantes, fes de vida e rexistro pode solicitarse cita previa no 981 704 100. Para o resto dos trámites está dispoñible a sede electrónica do Concello de Carballo, á que pode accederse neste enderezo web https://sede.carballo.org.
- Ademais de Policía Local, Protección Civil, Servizos Sociais e Brigada de Obras, os servizos esenciais que mantemos en funcionamento son control de pragas (desratización, retirada de niños de avespa velutina), recollida do lixo, alumeado público, cemiterio (só para enterramentos), limpeza viaria e ciclo integral da auga. Con respecto a este último, dado que nestes momentos é esencial que os fogares teñan acceso á auga da billa por ser unha das claves da prevención do contaxio, están suspendidos todos os cortes por falta de pagamento.
- O Mercado Municipal está aberto ao público cumprindo todas as garantías de hixiene de seguridade, e cun novo horario, de 08:00 a 15:00.
- Durante o tempo que se manteña o estado de alarma seguirá suspendida a limitación do aparcamento na zona azul.
Medidas fiscais e de apoio ao emprego
- Aprazamento do cobro das taxas de lixo e vaos e paralización de todos os procedementos executivos de recadación.
- Non se emiten novas liquidacións tributarias nin se xiran cargos bancarios dos/as contribuíntes que teñan concedidos aprazamentos ou fraccionamentos dos tributos municipais.
- Paralización de todos os prazos de pagamento das liquidacións emitidas e postas ao cobro antes do Decreto do estado de alarma.
- Suspensión do cobro dos abonos pola utilización de instalacións deportivas e exención das cotas dos cursos durante o estado de alarma.
- O estado de alarma considérase un período inhábil a todos os efectos, tanto de termos coma de prazos.
- O Concello de Carballo mantén todos os contratos en vigor para garantir o emprego nas empresas prestatarias dos servizos
- Dende a área de Promoción Económica estamos a traballar nun plan de reactivación comercial e empresarial que implementaremos en canto as circunstancias o fagan posible.
Educación, cultura e deporte
- En materia educativa, aínda que o Concello de Carballo carece de competencias, a través do Conservatorio Municipal de Música (CMUS) estamos a promover o contacto directo entre profesorado e alumnado para manter a actividade na medida do posible.
- Na medida do posible estamos reprogramando para outras datas todas as actividades e a programación cultural que tiveron que ser suspendidas, ademais de xestionar a devolución dos bonos e entradas que foran abonados.
- A través do mailing periódico e das diferentes redes sociais facilitamos diariamente información, recomendacións de ocio cultural que poidan ser de interese e servizos de préstamo bibliotecario dixitais (GaliciaLe e outros) compartido diferentes iniciativas e propostas.
- Estamos rematando a revisión dun regulamento de servizos bibliotecarios para aplicar á rede municipal de bibliotecas e tamén se está a elaborar un directorio de contidos para facer unha microweb na web municipal.
- Todos os préstamos realizados na biblioteca prorróganse ata o remate do estado de alarma.
- Aínda que as instalacións deportivas están pechadas, as persoas adultas que participan nos grupos de actividade dirixida en seco están a recibir traballo personalizado.
- Estamos a valorar como será a reapertura, tanto no aspecto das condicións de seguridade necesarias que precisen as instalacións como nos servizos a prestar. Nesta liña estase a estudar a posta en marcha dunha serie de ferramentas dixitais para as persoas usuarias das instalacións permitindo novos medios de acceso á oferta dunha forma áxil e personalizada. Tamén se están a revisar diferentes regulamentos de instalacións para poder adaptalos ás novas condicións na reapertura.
- Estase a planificar a convocatoria das liñas de subvencións a entidades deportivas para poder iniciala cando se levante o estado de alarma. As entidades beneficiarias poderían solicitar un anticipo do 95% no importe das subvencións concedidas. Están previsto manter encontros coas entidades a través de videoconferencias para abordar a situación.
- A través das diferentes redes sociais facilitamos diariamente información e recomendacións compartindo iniciativas que poden ser de interese para a poboación.
- Dende a área de Normalización Lingüística vimos de convocar un concurso de microrrelatos en Instagram, a rede social de uso maioritario por parte da poboación máis nova.