O servizo de limpeza viaria recolle cada día unha media de 500 "mascarillas" usadas das rúas de Carballo
Unha urna transparente situada durante a mañá de hoxe na rúa Coruña amosou as máscaras e luvas que se atoparon no chan en menos de dous días
Xoves 23 de xullo do 2020
O recipiente cos residuos sanitarios estivo situado na rúa Coruña
O servizo de limpeza viaria recolle cada día do chan unha media de 500 mascarillas usadas e unha cantidade aínda maior de luvas: “Incontable”, aseguran os traballadores e traballadoras de Aspaber-UTE. Nunha soa semana de “recollida selectiva” deste tipo de residuos encheron un colector. É unha barbaridade que dende o Concello de Carballo queremos atallar, e, por iso, unha vez máis apelamos á responsabilidade veciñal para atallar un problema que, a medida que se impón o uso das máscaras en máis situacións, vai en aumento.
Luis Lamas: "Debemos concienciar á poboación sobre o uso de papeleiras e contedores, porque ademais é un lixo que supón un risco potencial de infección"
Para visibilizar a magnitude do problema e facer reflexionar á poboación, hoxe colocouse na rúa Coruña un gran recipiente transparente coas luvas e as máscaras recollidas en menos de dúas xornadas de traballo das nosas rúas. Foi a primeira dunha serie de "exposicións" itinerantes que levaremos a cabo.
É unha iniciativa simbólica coa que, como explicou o concelleiro de Servizos, Luis Lamas, tratamos de chamar a atención sobre dous aspectos: “Un, o sanitario, e outro, o de limpeza e hixiene das rúas de Carballo. Debemos concienciar á poboación sobre o uso de papeleiras e contedores, porque ademais é un lixo que supón un risco potencial de infección”, apuntou.
Na mesma liña, o alcalde destacou a importancia de ter en conta a situación sanitaria na que nos atopamos á hora de xestionar calquera tipo de residuo que poida conter carga vírica. “Debemos facer un chamamento á responsabilidade e dicir que Carballo somos todos, e todos temos que ser co-responsables coa parte que nos toca. Se o servizo de limpeza funciona con eficiencia tamén é porque a xente colabora. Esta iniciativa permítenos ver o comportamento que temos, pero se todos nos comportamos de maneira responsable e cívica estamos tamén preservando a saúde de todas e todos”, rematou Evencio Ferrero.