Inicio Carballo ao día Novas Cegasal premia ao Concello de Carballo “pola...

Cegasal premia ao Concello de Carballo “pola súa aposta decidida pola economía social”

O presidente da Asociación Empresarial Galega de Centros Especiais de Emprego, José Antonio Vázquez Freire, cualificou o noso concello coma “modélico”

Venres 14 de agosto do 2020

O alcalde e o presidente de Cegasal, nunha imaxe de arquivo

O alcalde e o presidente de Cegasal, nunha imaxe de arquivo

Cegasal, a Asociación Galega de Centros Especiais de Emprego, vén de comunicar ao Concello de Carballo a concesión dun dos seus galardóns anuais “pola súa aposta decidida pola economía social”. Dende a entidade que preside José Antonio Vázquez Freire destácase a “estreita colaboración laboral que manteñen con algúns dos nosos centros especiais de emprego sen ánimo de lucro” como unha das “circunstancias positivas” que tivo en conta o xurado.

O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, amosouse agradecido e orgulloso pola concesión do premio, que vén reforzar as políticas de integración laboral polas que vimos apostando dende o goberno municipal, que nos converteu no primeiro concello galego en adxudicar o servizo de limpeza viaria a un centro especial de emprego e, en palabras do presidente de Cegasal, nun concello “modélico a nivel de Galicia”.

A entrega dos Premios Cegasal coincidirá coa do Premio Xornalístico, que se convoca dende hai catro anos “para homenaxear ás institucións, empresas e medios de comunicación máis solidarios co mundo da discapacidade”. O acto celebrarase no mes de setembro no Parador de Muxía, con aforo limitado.

Compartir: