Inicio Carballo ao día Novas As tarxetas “Sempre Carballo” poderán...

As tarxetas “Sempre Carballo” poderán solicitarse entre o 15 de setembro e o 15 de novembro

O Concello abrirá un novo prazo de adhesión para empresas do 1 ao 10 de setembro a través da web da campaña www.semprecarballo.gal

Luns 17 de agosto do 2020

A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe as bases polas que se rexerá a concesión das tarxetas “Sempre Carballo”, coas que queremos contribuír á reactivación económica local a través de subvencións directas a todas as persoas maiores de 18 anos e empadroadas no noso concello a data 31 de xullo deste ano. Finalmente, co obxectivo de facilitar a xestión e os trámites, o Concello de Carballo outorgará unha axuda universal de 30 euros, eliminando a achega complementaria por parte dos/as solicitantes que estaba prevista inicialmente.

As solicitudes poderán presentarse dende o 15 de setembro ata o 15 de novembro, e o prazo para consumir o crédito das tarxetas rematará o 30 de novembro, para non interferir na campaña de Nadal, como solicitou o comercio local. O trámite deberá realizarse a través da web www.semprecarballo.gal, a través do formulario que se facilitará na propia páxina de Internet. 

As tarxetas poderán utilizarse para realizar compras ou pagos nos establecementos adheridos. Precisamente, na Xunta de Goberno Local de hoxe tamén se aprobou a apertura dun novo prazo, do 1 ao 10 de setembro, para as empresas que queiran sumarse. As solicitudes de adhesión realizaranse a través da web específica da campaña.

O Concello de Carballo destina a este programa un total de 700.000 euros co obxectivo de reforzar os sectores económicos máis afectados pola COVID-19, utilizando unha fórmula que foi consensuada co movemento asociativo empresarial por considerar que é a que mellor pode incidir na reactivación da economía local e a que maior efecto multiplicador pode ter, xa que a totalidade dos fondos vaise consumir exclusivamente en empresas que teñan o seu domicilio fiscal ou desenvolvan a súa actividade no noso concello, e que unicamente deben cumprir dous requisitos: que a súa actividade se vise afectada durante o estado de alarma e dispoñer de TPV para poder realizar as transaccións.

Na Xunta de Goberno Local de hoxe, de feito, tamén se aprobou un convenio con Abanca para a xestión das tarxetas, que serán nominativas.

Compartir: