A rede de aparcamentos para bicicletas segue medrando con oito novos aparcabicis en rúas e colexios
A Semana Europea da Mobilidade rematou coa sinalización dunha das rutas do pedibús
Martes 22 de setembro do 2020
Pintado da ruta do pedibús
Este ano non puidemos celebrar a tradicional merenda para os nenos e as nenas do pedibús, pero non quixemos rematar as actividades da Semana Europea da Mobilidade sen contar con eles e elas. Por iso, armados con botes de spray e unha “plantilla” do Camiño Escolar, saímos á rúa para sinalizar unha das rutas que leva ao CEIP Fogar.
Do mesmo xeito que afecta á actividade cotiá nos centros educativos, a COVID-19 tamén está a influír no pedibús neste comezo de curso, pero nos vindeiros días faremos unha campaña informativa para animar aos nenos e nenas (e ás súas familias) a ir a pé ao cole e a facelo organizadamente, coas medidas de prevención necesarias, polos camiños escolares que levan aos catro centros públicos urbanos.
A instalación dos aparcabicis empezou no mercado
Dende a Concellaría de Mobilidade queremos promover unha mobilidade máis sostible e segura nas contornas dos coles, e por iso tamén escollemos as zonas escolares para instalar catro dos oito novos aparcabicis que empezou a colocar hoxe a Brigada Municipal de Obras. Situaranse os CEIP A Cristina, Bergantiños (2) e preto do San Luís Romero, pero tamén na entrada do Mercado Municipal dende a Praza do Concello (na imaxe), e nas rúas Concepción Arenal, Barcelona e Fomento.
Nestes momentos contamos en Carballo con máis de 40 aparcabicis, na súa maioría no exterior de edificios públicos, e cada vez en máis rúas. E dentro do proxecto Cicl-Ando, que ten en licitación xa varias das actuacións previstas, tamén se inclúe a creación dunha rede de aparcamentos seguros para bicicletas.
Se te moves en bici, lembra!
- Utiliza a calzada. As bicis non poden circular por beirarrúas, prazas e rúas peonís, agás no caso dos menores de 12 anos, que deben ir sempre acompañados dunha persoa adulta a pé.
- Móvete no sentido da circulación, nunca en dirección prohibida.
- Circula polo lado dereito, pero sen pegarte aos vehículos aparcados: as bicis en Carballo poden circular polo centro do carril.
- Lembra que non podes utilizar auriculares nin o teléfono móbil.
- O casco é de uso obrigatorio para os menores de 16 anos e para todo o mundo nas vías interurbanas, pero recomendámosche que o utilices sempre.
- Respecta a sinalización vertical e horizontal.
- Sinaliza os cambios de dirección.
- Non aparques impedindo a circulación dos peóns
O novo aparcabicis do Mercado está situado xunto á entrada da praza