Inicio Carballo ao día Novas Aprobado polo pleno o Plan de Acción para...

Aprobado polo pleno o Plan de Acción para o Clima e a Enerxía Sustentable do Concello de Carballo

A corporación municipal tamén deu o seu visto bo á renovación do convenio do transporte metropolitano

Martes 27 de outubro do 2020

Vista xeral da sesión

Vista xeral da sesión

O Concello de Carballo xa ten un Plan de Acción para o Clima e a Enerxía (PACES), un compromiso adquirido tras a adhesión ao Pacto dos Alcaldes que se fixo realidade no pleno ordinario celebrado este luns co apoio de todos os membros da corporación agás os dous representantes de Terra Galega, que se abstiveron.

O PACES é un instrumento que permitirá ao Concello de Carballo elaborar un inventario de emisións para obter un diagnóstico de referencia das emisións de gases de efecto invernadoiro (GEI) resultantes do consumo de enerxía, e no que ademais se definen as accións precisas para aumentar a eficiencia enerxética e diminuír o consumo de enerxía, reducindo así as emisións de GEI e mellorando a calidade do aire.

Segundo os datos que figuran no propio plan, no ano 2011 a poboación do noso concello emitiu á atmosfera un total de 137.111,75 toneladas de CO2, é dicir, 4,38 por habitante. O transporte privado e comercial é o responsable do 70% desas emisións, seguido dos edificios e equipamentos e instalacións residenciais cun 23%. O alumeado público, os edificios e equipamentos terciarios e o transporte público supuxeron o 7%.

As medidas propostas no PACES permitirán reducir as emisións de CO2 nun 40% ata o ano 2030 con respecto aos datos do 2011. As accións de mitigación abranguen os diferentes sectores que contribúen ás emisións e perseguen unha redución do 63% naqueles que xeran a maior porcentaxe.

Outros acordos

O pleno aprobou unha moción do PSOE e outra do PP

O pleno aprobou unha moción do PSOE e outra do PP

Na sesión ordinaria do luns, que contou con 19 concelleiros e concelleiras polas ausencias do nacionalista Marcos Trigo e a socialista Mª Carmen Vila, foi aprobada por unanimidade unha nova bonificación de ICIO, IBIU e IAE pro fomento do emprego, neste caso para un centro de negocios situado na rúa Gran Vía.

Toda a oposición abstívose con respecto ao recoñecemento de obrigas procedentes de exercicios anteriores, por un importe de 10.114,57 euros.

TeGa, que votou en contra da acta da sesión anterior, abstívose na aprobación do convenio de colaboración para o desenvolvemento conxunto do transporte metropolitano na área da Coruña, un sistema que ten demostrado o seu éxito, en palabras do alcalde, Evencio Ferrero, e que supón para o Concello de Carballo un gasto anual próximo aos 30.000 euros.

O PSOE contou co apoio do BNG para sacar adiante a súa moción sobre a problemática da vivenda en Galicia, en tanto que a iniciativa do PP para instar ao Goberno a que ingrese as contías do IVE non liquidadas correspondentes ao exercicio 2017 como consecuencia da implantación do subministro inmediato de información (SII) saíu adiante por unanimidade.

No apartado de rogos e preguntas, TeGa interesouse por cuestións relacionadas co consumo de auga, a candidatura a reserva de surf, a Escola de Hostalaría, as axudas a empresas ou os investimentos en obras realizados polo Concello de Carballo.

Compartir: