O Concello contribuirá con 6.000 euros ao financiamento do programa de prevención da exclusión social de Vieiro
Representantes da asociación e o alcalde asinaron hoxe un convenio de colaboración
Mércores 9 de decembro do 2020
A sinatura realizouse hoxe na Alcaldía
O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, asinou hoxe un convenio de colaboración coa Asociación Antidroga Vieiro, que estivo representada pola súa presidenta, Fina Rey, ademais de Maripi Mata e Xosé María Arán. Ao acto, celebrado este mediodía na Alcaldía, asistiu tamén a concelleira de Igualdade e Benestar, Maica Ures. O Concello realizará unha achega de 6.000 euros para financiar o programa de prevención da exclusión social que promove a entidade, cuxa directiva agradeceu a colaboración municipal non só con esta axuda económica senón coa rápida solución á necesidade dun local a raíz do incendio que destruíu as antigas dependencias da asociación nas vivendas dos mestres.
As axudas directas outorgadas este ano polo Concello de Carballo ás entidades que desenvolven o seu labor no ámbito social achéganse aos 70.000 euros. Esta mesma semana a Xunta de Goberno Local aprobou outro convenio coa Agrupación Deportiva Un Paso Máis para financiar con 3.000 euros as actividades inclusivas que desenvolve a entidade.
A maiores figuran as subvencións anuais ás entidades sen ánimo de lucro, que suman 60.000 euros, e que lles permiten facer fronte a todo tipo de gastos.