Inicio Carballo ao día Avisos "oitoM. Moito por cambiar", programa da...

"oitoM. Moito por cambiar", programa da Área de Igualdade da Deputación da Coruña para o 8M

Xoves 4 de marzo do 2021

Este 8M, Día das Mulleres, a Área de Igualdade da Deputación da Coruña promove unha serie de espazos en liña que nos convidan a atoparnos. Atoparnos para deternos e falar das dificultades que temos experimentado nestes tempos tan complexos e incertos marcados pola presenza da COVID-19; atoparnos para imaxinar colectivamente as respostas aos retos que atoparemos nos próximos meses e anos.

Así, ao longo dun foro e tres conversas facilitadas en liña, reflexionaremos sobre os retos relacionados coa posición das mulleres na mercado laboral, co seu rol de principais responsables dos coidados e da sustentabilidade das vidas e sobre as interseccións da COVID-19 coas violencias machistas e os seus efectos específicos nos corpos e na saúde das mulleres. Tras a súa celebración en liña, estas conversas pasarán a formar parte dos recursos dispoñibles en aberto para a cidadanía dende a canle de Youtube da Deputación da Coruña.

Dirixida a profesionais do ámbito da igualdade nun sentido amplo (administración pública a todos os niveis; saúde; coidados; educación; terceiro sector; etc.) esta programación ten ademais por obxectivo fomentar o traballo en rede no ámbito local e provincial, esbozando colaborativamente as liñas estratéxicas do futuro dunhas políticas post-COVID que deberán integrar necesariamente a perspectiva de xénero. A participación nos diferentes espazos é aberta e gratuíta, mais precisa de inscrición previa a través do seguinte formulario i.gal/oitoM

Compartir: