Inicio Carballo ao día Novas Primavera enDanza regresa á súa...

DO 9 AO 23 DE ABRIL

Primavera enDanza regresa á súa estación habitual cun programa único en Galicia que inclúe 5 espectáculos

Reserva xa as túas entradas para o primeiro espectáculo en www.ataquilla.com

Martes 6 de abril do 2021 Cultura

Primavera enDanza volve do 9 ao 23 de abril. A pandemia obrigounos a trasladar ao outono a programación do ano pasado, pero neste 2021 a danza regresa á súa estación habitual e ao mes no que se celebra, ademais, o Día Internacional da Danza (29 de abril). A #CulturaConForza continúa en Carballo, e hoxe presentamos a programación nunha rolda de prensa telemática que reuniu ao alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; o concelleiro de Cultura, Marcos Trigo; o director da Agadic, Jacobo Sutil, e membros das compañías galegas que encherán o Pazo da Cultura cos seus espectáculos.

Kirenia Martínez abriu as intervencións do mesmo xeito que a súa compañía, Kirenia Danza, abrirá o ciclo este venres 9 co espectáculo “Emigrantas”, no que, como ela mesma explicou, “falamos dunha nova emigración, desa última diáspora de persoas de 18 a 40 anos que saíron e viven a súa experiencia central dende a muller”.

Outra muller, Marta Alonso, é a creadora e protagonista de “Bailar agora”, a proposta que poderemos ver o día 16. É un espectáculo “autobiográfico” e cheo de sorpresas que “hai que vivir”, polo que o mellor é descubrilas en directo. Marta Alonso estará dobremente presente nesta Primavera enDanza, posto que tamén participará o día 18 no espectáculo infantil e familiar “Nina Ninete” de Paula Quintas e Traspediante.

Este ciclo contará tamén coa estrea do espectáculo “Mocap”, do creador Matías Daporta, que iniciou o seu proxecto en Carballo durante unha Residencia Paraíso e que agora ofreceránolo en exclusiva o día 22

Marcos Trigo explicou que este ciclo contará tamén cunha residencia artística, cunha estrea do espectáculo “Mocap”, do creador Matías Daporta, que iniciou o seu proxecto en Carballo durante unha Residencia Paraíso e que agora ofreceránolo en exclusiva o día 22. “Temos dous días e medio de residencia técnica en Carballo, e tamén estamos moi agradecidos, porque será unha estrea mundial e absoluta do proxecto”, sinalou.

Jacobo Sutil e Evencio Ferrero pecharon a presentación, o primeiro destacando a “sensibilidade especial” de Carballo coa danza. “É un exemplo que sempre poñemos, porque non hai moitos concellos que o fagan, e iso é algo que queremos cambiar”, asegurou. "Está ben ser exemplo, pero o mellor cando se toman este tipo de iniciativas é que sexan compartidas”, engadiu o alcalde, que expresou ademais o seu desexo de que cada vez máis concellos aposten por programar máis cultura e máis diversa.

PROGRAMACIÓN

  • Venres 9 de abril (20.00 horas). “Emigrantas”, Kirenia Danza (Galicia). Público adulto. Entradas xa á venda en www.ataquilla.com
  • Venres 16 de abril (20.00 horas). “Bailar agora”, Marta Alonso Tejada (Galicia). Todos os públicos.
  • Domingo 18 de abril (18.00 horas). “Nina Ninette”, Paula Quintas – Traspediante (Galicia). Público infantil e familiar.
  • Xoves 22 de abril (20.00 horas). “Mocap”, Matías Daporta (Galicia). Estrea absoluta. Público adulto.
  • Venres 23 de abril (20.00 horas). “After the party”, Thomas Noone Dance (Cataluña). Público adulto.

Descargas

Compartir: