Inicio Carballo ao día Novas A Xunta de Goberno adxudica os contratos...

A Xunta de Goberno adxudica os contratos correspondentes á campaña de difusión do proxecto Cicl-Ando Carballo e a asesoría xurídica do CIM

Aprobado o programa de actividades conmemorativas da inauguración da Praza Xela Arias

Luns 10 de maio do 2021

Mural en creación na Praza Xela Arias

Mural en creación na Praza Xela Arias

A Xunta de Goberno Local aprobou na sesión ordinaria de hoxe a adxudicación de dous contratos de servizos: o de elaboración da campaña de promoción da mobilidade e deseño de cartelaría do proxecto Cicl-Ando Carballo, que realizará a empresa Atlantic Ponte 2000 por 20.568,79 euros, e o de asesoría xurídica do Centro de Información á Muller (CIM), do que se encargará Amoroso y Asociados cun orzamento de 17.424 euros, e durante un período de 1 ano con posibilidade de tres prórrogas coa mesma duración.

En materia de contratación tamén se puxo en marcha o expediente relativo ao servizo de mediación e asesoramento profesional de seguros privados, por un prazo de 4 anos e un orzamento total de 336.233,16 euros.

A Xunta de Goberno Local deu luz verde, por outra banda, ao pago de facturas por importe de 21.914,19 euros, e a varias licenzas urbanísticas, entre elas dúas solicitadas por Fenosa para instalación eléctrica no lugar de Vilariño (Cances), en concreto para substituír dous postes de formigón en mal estado, e no lugar de Cambrelle (Razo), para a ampliación da potencia.

Así mesmo, acordouse solicitar á Xunta unha achega de 140.103,97 euros para a contratación de 10 traballadores/as perceptores/as da Risga por un período de 9 meses para acondicionamento e mellora de espazos público e renovación de contornas municipais. E, por outra banda, aprobouse a concesión dunha subvención nominativa á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil por un importe de 25.000 euros para facer fronte aos gastos anuais da entidade.

Na sesión de hoxe tamén se deu conta da aprobación definitiva do proxecto de estatutos e bases de actuación para constituír a xunta de compensación da área de reparto do sector S-14 Calvo do PXOM, despois de que non se presentase ningunha alegación durante o período de exposición pública. O próximo trámite consistirá na notificación a todas as persoas propietarias dos 39.960 metros cadrados de superficie dese ámbito coa finalidade de constituír a xunta de compensación nun prazo de 3 meses.

O goberno local aprobou tamén as actividades conmemorativas da inauguración da Praza Xela Arias, prevista para o vindeiro domingo, 16 de maio. E fóra da orde do día saíu adiante a programación da Rede Cultural da Deputación da Coruña para este ano, que inclúe 22 espectáculos de teatro, danza, maxia e contidos audiovisuais, cun orzamento total de 41.928,49 euros.

Compartir: