“Se o teu can pode presumir de ti, tod@s poderemos presumir de Carballo”
O Concello de Carballo instala papeleiras con dispensador de bolsas para a recollida de excrementos nas zonas de maior concentración de cans
Luns 7 de xuño do 2021
Traballadores da limpeza viaria, co alcalde e o concelleiro de Medio Ambiente, xunto á nova papeleira
Coincidindo coa celebración do Día Mundial do Medio Ambiente, o Concello de Carballo colocou xunto a unha das zonas verdes da urbanización Costa Nariga (máis coñecida como Riotorto) a primeira das 16 papeleiras con dispensador de bolsas para a recollida dos excrementos dos cans. Trátase dunha experiencia piloto que, como no caso das anteriores campañas realizadas coas cabichas ou as máscaras, trata de sensibilizar á cidadanía para conseguir que ademais dunha referencia en compostaxe ou praias, “Carballo tamén sexa unha referencia en limpeza de rúas”, como sinalou o concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Vales.
Nin a localización nin o número de papeleiras é casual. Son 16 porque, aínda que están presentes, por desgraza, en toda a vila, o persoal do servizo de limpeza viaria ten detectado 16 puntos cunha maior presenza de cans e tamén de excrementos, que coinciden con zonas verdes e coas contornas de establecementos relacionados coas mascotas. A presenza de cacas nas rúas e nos parques supón un traballo engadido tanto para os traballadores e as traballadoras da brigada de xardíns como para os/as da limpeza viaria. Por iso, no acto do Día Mundial do Medio Ambiente contamos coa participación de dous deles, que explicaron ás familias asistentes as dificultades coas que se atopan e apelaron á colaboración veciñal para conseguir que Carballo estea cada día máis limpo e ofreza unha mellor imaxe.
O Día do Medio Ambiente celebrouse na urbanización Costa Nariga
Nese sentido, o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, destacou que detrás dos servizos públicos hai persoas e que o seu traballo merece ser respectado. Por iso convidou aos nenos e nenas presentes no acto a tomar conciencia e dar un exemplo de civismo aos adultos.
A presenza de cacas nas beirarrúas e nas zonas verdes non só é un dos principais problemas do servizo de limpeza viaria e da brigada de xardíns, senón tamén unha das queixas reiteradas por parte da veciñanza. Coa instalación das papeleiras, como lembrou o concelleiro de Medio Ambiente, “damos continuidade á iniciativa realizada no ano 2019, na que se repartiron 1.000 dispensadores de bolsas para as correas”. O ano pasado, pola situación sanitaria, non puidemos continuar o proxecto, pero este ano, ademais de seguir ampliando servizos para mellorar a calidade de vida das mascotas coa construción dun novo parque canino, queremos seguir facilitando a recollida dos excrementos aos propietarios e propietarias dos cans, porque ter unha mascota tamén leva implícita esa responsabilidade.