Inicio Carballo ao día Novas Aberta a inscrición para o 8º...

Aberta a inscrición para o 8º Congreso Cidades que Camiñan, que se celebrará os días 7 e 8 de outubro en Carballo

A conferencia inaugural correrá a cargo de Pedro Torrijos, arquitecto e divulgador cultural

Venres 30 de xullo do 2021

Xa podes inscribirte para participar no 8º Congreso Cidades que Camiñan, que se celebrará os días 7 e 8 de outubro co lema “Andando enténdese a xente”. O noso concello será o punto de encontro das 63 cidades de 3 países que integran a rede a día de hoxe, pero o congreso pretende converterse tamén no lugar de referencia de todas as persoas, entidades e institucións que compartan a necesidade de seguir traballando para que as nosas vilas e cidades sexan cada vez máis habitables, seguras e sostibles.

Dado que o aforo será limitado, as persoas que queiran participar nas actividades abertas ao público deben cubrir este formulario. O Congreso Cidades que Camiñan arrincará o 7 de outubro cunha visita técnica guiada pola nosa vila coa finalidade de amosar ás persoas participantes as principais actuacións que están a contribuír á transformación urbana. De seguido celebrarase a asemblea xeral da Rede de Cidades que Camiñan, coa participación das cidades asociadas.

O venres 8 desenvolveranse no Pazo da Cultura as sesións públicas do congreso, abertas a todas as persoas interesadas. Tras o acto de apertura por parte do presidente da Rede de Cidades que Camiñan, Miguel Anxo Fernández Lores, e do alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, a conferencia inaugural correrá a cargo do arquitecto e divulgador cultural Pedro Torrijos, toda unha referencia con gran presenza nos medios de comunicación e redes sociais coma Twitter, onde ten máis de 148.000 seguidores/as.

As persoas que o desexen tamén poderán participar o sábado 9 nunha visita técnica guiada polo museo de arte pública “Derrubando muros con pintura”, que acada xa as 90 creacións artísticas ao longo e o ancho da vila de Carballo. Se queredes coñecer o programa completo só tedes que entrar aquí.

Ligazóns

Compartir: