Inicio Carballo ao día Novas Carballo reforza o seu compromiso coa mobilidade...

DO 16 AO 22 DE SETEMBRO

Carballo reforza o seu compromiso coa mobilidade sostible a través das actividades da Semana Europea da Mobilidade

Entra para coñecer o programa de actividades e inscríbete. Pode participar toda a familia!

Martes 13 de setembro do 2022

Juan Seoane e Evencio Ferrero, na presentación de hoxe

Juan Seoane e Evencio Ferrero, na presentación de hoxe

Carballo é unha das 430 cidades españolas e das 2.217 de todo o mundo que participan na Semana Europea da Mobilidade, unha iniciativa da Comisión Europea para promover o cambio de comportamento en favor dunha mobilidade activa e de solucións de transporte limpas e intelixentes.

A Semana Europea da Mobilidade celébrase todos os anos do 16 ao 22 de setembro, e ao longo destes sete días desenvolveranse no noso concello diferentes iniciativas que presentaron hoxe o concelleiro de Mobilidade, Juan Seoane, e o alcalde, Evencio Ferrero. Os dous destacaron e agradeceron a implicación cada vez maior do movemento asociativo, que este ano está representado pola Asociación contra o Cancro, a asociación de veciños Santiago Apóstol de Sísamo, a asociación ambiental Senda Nova, Íntegro e o Club Ciclista Carballo Vázquez y Reino, que coordinará boa parte das actividades.

Un ano máis haberá andainas, rutas en bicicleta, xornadas lúdicas, chequeo da accesibilidade e promoción da mobilidade sostible para accións tan cotiáns como ir traballar ou mercar á feira. Nalgunhas desas actividades requírese inscrición previa por motivos organizativos. O prazo está aberto xa. As persoas interesadas poden anotarse online no formulario que atoparedes máis abaixo ou presencialmente na Biblioteca Rego da Balsa.

Cicl-Ando, o xogo

O taboleiro do xogo, despregado

O taboleiro do xogo, despregado

A Semana Europea da Mobilidade tamén conta coa implicación dos centros escolares, que este ano serán escenarios da presentación do xogo Cicl-Ando Carballo, que conta con taboleiro, fichas, cartas e manual de instrucións para que os nenos e as nenas aprendan a moverse con máis seguridade polas rúas ao tempo que avanzan polo taboleiro de xogo. Nos colexios interesados desenvolveranse xornadas lúdicas para dar a coñecer o mecanismo de xogo, e en todos os centros farase entrega dun exemplar para que poidan seguir xogando e traballando na mobilidade sostible ao longo de todo o curso. Tamén haberá unha xornada pública de presentación do xogo o mércores 21.

Un ano máis celebrarase tamén o Día sen coches, que será o domingo 18. Durante todo o día estarán pechadas ao tráfico varias rúas en distintos barrios urbanos para facilitar a súa ocupación por parte da cidadanía con diferentes xogos e actividades. Ese mesmo día haberá unha andaina solidaria organizada pola Asociación contra o Cancro e unha ruta en bici pola parroquia de Sísamo promovida pola asociación de veciños Santiago Apóstol.

O alcalde de Carballo puxo en valor o esforzo realizado neste mandato polo goberno municipal para poñer en servizo 18 quilómetros novos de sendas ciclo-peonís. “Cando as directivas europeas recomendan pensar en novos modos de mobilidade, non podemos mirar cara outro lado, senón que as administracións temos que facer un esforzo nese sentido”. Evencio Ferrero expresou a necesidade de “seguir traballando neste modelo, para que cada vez máis persoas, no rural e no urbano, poidan utilizar medios de locomoción máis sostible”.

A proxección dun primeiro vídeo con valoracións de usuarios/as das sendas do proxecto Cicl-Ando Carballo completou a presentación.

Ligazóns

Descargas

Compartir: