Inicio Carballo ao día Novas O músico Sergio Moure de Oteyza...

O músico Sergio Moure de Oteyza compón por encargo do Concello unha sinfonía dedicada a Carballo e Bergantiños

O famoso compositor presentou o proxecto acompañado polo alcalde

Martes 27 de setembro do 2022 Cultura

Carballo terá unha sinfonía propia, e ademais composta por un carballés, Sergio Moure de Oteyza, músico de prestixio internacional que naceu e viviu no noso concello ata os 13 anos de idade. Hoxe estivo no noso concello para presentar, acompañado polo alcalde, Evencio Ferrero, este importante proxecto cultural. No acto tamén estiveron presentes o concelleiro de Cultura, Marcos Trigo, e a concelleira de Contratación, Milagros Lantes.

Sergio Moure anunciou que xa está a traballar, coa intención de presentala na próxima primavera, nesta obra sinfónica de gran formato “dedicada a esta terra, lugar da miña infancia e dos meus recordos. Levo varios anos pensando e reflexionando sobre este proxecto, e ademais é algo que me pediu meu pai hai moitos anos, e penso que despois de máis vinte anos dedicados á música, e traballando con orquestras sinfónicas de España e do estranxeiro, sinto que é o momento de compoñela”. Hoxe, dixo o compositor, “é un día importante na miña profesión e na miña vida”.

A concelleira Milagros Lantes aludiu ao currículo “envexable” de Sergio Moure, e cualificou o proxecto como interesante, importante e que dignifica Carballo e a comarca. “Eu se fose Sergio Moure estaría orgulloso de facer unha sinfonía para o meu pobo, e agardo que tamén poidamos implicar ao Conservatorio Profesional de Música do Concello de Carballo neste proxecto”, engadiu.

Pola súa banda, o alcalde agradeceu que Sergio Moure presentase esta proposta, sobre a cal non houbo por parte do goberno municipal nin a máis mínima dúbida. “Na xestión municipal hai que atender o urxente, pero tamén é importante acertar no importante”, dixo Evencio Ferrero. O rexedor lembrou a orixe carballesa do compositor e a vinculación cultural que tivo, de sempre, a súa familia. “Desas landras, e do sitio onde un deu os primeiros pasos e tivo as primeiras amizades, que queira deixar un legado coma este é moi de valorar. E agardamos que este proxecto, que a nós ilusiónanos tantísimo, tamén ilusione ao conxunto da sociedade carballesa e da comarca de Bergantiños”.

Ligazóns

Compartir: