Inicio Carballo ao día Novas Carballo inicia a celebración do “Ano do...

Carballo inicia a celebración do “Ano do Xestal” coincidindo co 30º aniversario da morte do gran humorista e folclorista

A igrexa de San Xoán acollerá o día 3 unha misa cantada polo Coro Aires de Bergantiños e o cemiterio de Razo será escenario o día 4 dunha ofrenda floral

Luns 2 de xaneiro do 2023 Ano do Xestal

Carballo celebra neste 2023 o Ano do Xestal, na lembranza dun gran folclorista e humorista que foi unha auténtica referencia para varias xeracións de galegos e galegas, e que residiu entre nós durante máis de vinte años, ata o seu pasamento o 4 de xaneiro de 1993. Precisamente arredor desta data vanse celebrar as primeiras actividades programadas pola comisión organizadora do Ano do Xestal coa colaboración de varias entidades e persoas a título individual.

Por iniciativa da parroquia de San Xoán Bautista, mañá martes ás 20.30 horas celebrarase na igrexa de Carballo unha misa cantada polo Coro Aires de Bergantiños, do que O Xestal foi membro fundador. A comisión organizadora do Ano do Xestal, pola súa banda, ten programada para o propio día 4, coincidindo co 30º aniversario do pasamento de Carlos Díaz Gestal, unha ofrenda floral na súa tumba, no cemiterio parroquial de Razo, ás 17.00 horas. No acto, aberto a toda a cidadanía, participarán o profesor, escritor, músico e dinamizador cultural Xurxo Souto; o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e a Banda Municipal de Gaitas.

Carlos Díaz Gestal, O Xestal, naceu na Coruña o 8 de agosto de 1933. O seu descubrimento artístico tería lugar na romaría de Santa Margarida no ano 1949. A partir de aí actuou por primeira vez na emisora Radio Juventud de Galicia e iniciou a súa carreira musical como barítono no coro Brétemas e Raiolas. Como cantante e/ou instrumentista formou parte dos gaiteiros Os do Couto, Cántigas da Terra, Follas Novas, Toxos e Froles, Os Mariñáns, Os Calristas, Os Perilláns, a Orquestra 1910 ou o Ballet Galego Rey de Viana, como recolle Xohán Xabier Baldomir no seu libro. Co Grupo Folklórico O Xestal interpretou por primeira vez a Marcha solemne do Antigo Reino de Galicia no ano 1968.

O seu éxito consolidouse entre finais dos anos 50 e principios dos 60, grazas ao éxito que obtivo no programa de Radio Nacional de España “Desfile de estrellas”. Ademais de colaborar nesta emisora durante anos, tamén o fixo coa Televisión de Galicia e, ata a súa morte, con Antena 3 de Bergantiños.

O seu primeiro disco de contos, Cuentos Gallegos por O Xestal, é do ano 1961. Con eles e os que virían despois trunfou nos escenarios de toda Galicia e na emigración, onde a súa contribución ao espallamento da cultura galega fíxoo merecedor da Orde ao Mérito Turístico.

Ao longo da súa vida, Carlos Díaz Gestal residiu nos concellos de Oleiros, Sada e Cambre, de onde procedía a súa familia materna. Por azares do destino, a mediados da década de 1970 vese na obriga de se trasladar a Carballo, concretamente a O Seixo, na parroquia de San Cristovo de Lema. Carballo converteuse na súa terra de adopción ata que, o 4 de xaneiro de 1993, un derrame cerebral impediulle cumprir os 60 anos.

Compartir: