Inicio Carballo ao día Novas O Concello de Carballo avanza na...

PARTICIPA!

O Concello de Carballo avanza na tramitación da primeira comunidade enerxética local cunha enquisa á cidadanía

Venres 1 de setembro do 2023

O goberno municipal de Carballo está a traballar nunha transición enerxética que, ademais de segura, sexa xusta e inclusivo. Por iso apostamos por poñer en marcha a primeira comunidade enerxética local como instrumento idóneo para responder aos retos do cambio climático, á vez que se desenvolve un modelo de empresa de economía social con participación directa da cidadanía.

Dentro das accións que se están a desenvolver para a consecución dese obxectivo, desde o Concello de Carballo activamos unha enquisa á cidadanía para coñecer os usos enerxéticos nos fogares carballeses. A comunidade enerxética local é un colectivo do que, ademais da propia administración local, poderán formar parte os veciños e veciñas e tamén as empresas do seu ámbito de influencia.

Unha comunidade enerxética facilita que un grupo de persoas poidan beneficiarse conxuntamente das mesmas instalacións locais de xeración eléctrica ou térmica. Esta unión non só supón un mellor aproveitamento da devandita xeración, senón que tamén achega beneficios ambientais e sociais, como a mellora da eficiencia enerxética ou o desenvolvemento de sistemas de mobilidade sostible.

As comunidades enerxéticas poden incluír a veciños e veciñas, empresas e administracións públicas. Nacen como un modelo de participación cidadá no sistema enerxético e a súa función principal é xerar enerxía renovable a través de plantas de xeración colectivas para un autoconsumo compartido. Estas comunidades poden levar a cabo múltiples actividades como producir, consumir, almacenar ou compartir enerxía.

Un exemplo deste tipo de actividades nas que se poden basear, son o autoconsumo ou a xeración distribuída, que supoñen un factor importante para o aforro económico de moitas familias, especialmente para as máis vulnerables, podendo desta forma facer fronte á pobreza enerxética. Ademais, evítase a dependencia sobre as compañías eléctricas convencionais e auméntase a competitividade na industria.

Para o goberno municipal de Carballo, a creación dunha comunidade enerxética supón un compromiso coa sustentabilidade e a acción social cooperativa, pero tamén xera unha oportunidade para mitigar a pegada ecolóxica municipal a través da participación de edificios e instalacións municipais dentro da comunidade enerxética.

Ligazóns

Compartir: