Inicio Carballo ao día Hemeroteca As actividades arredor do 25N arrincan con dous...

As actividades arredor do 25N arrincan con dous cursos de autodefensa persoal para mulleres os días 3 e 10 de novembro

Martes 31 de outubro do 2023 Benestar

A Concellaría de Igualdade do Concello de Carballo pon en marcha as actividades que se van desenvolver arredor do 25 de novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller. Entre elas figuran dous cursos de autodefensa persoal para mulleres ante situacións violentas que se celebrarán os días 3 e 10, de 10.00 a 13.30 horas, no pavillón Carballo Calero. As interesadas poden anotarse nas oficinas do Centro de Información ás Mulleres (CIM), no edificio de Servizos Sociais da praza Médico Eduardo Mariño, de luns a venres de 09.00 a 14.00 horas ou chamando ao teléfono 981 700 688. As prazas adxudicaranse por orde de inscrición.

Os obradoiros de autodefensa son froito dun convenio de colaboración entre a Secretaría Xeral de Igualdade, a Academia Galega de Seguridade Pública, a Federación Galega de Loita e, neste caso, o Concello de Carballo. O obxectivo, explican desde o CIM, é “formar ás mulleres en técnicas de autoprotección e defensa persoal en situacións de ameaza, risco ou agresión, ademais de amosarlles unha serie de pautas preventivas, todo isto para que tomen conciencia dos seus dereitos, da súa forza e da súa valía a través do traballo físico”.

A Concellería de Igualdade, Servizos Sociais e Sanidade tamén está a traballar noutras iniciativas de sensibilización, formación e visibilización da violencia de xénero que se levarán a cabo ao longo do mes de novembro.

Compartir: