Inicio Carballo ao día Novas O bo tempo permite axilizar as actuacións...

O bo tempo permite axilizar as actuacións anuais de conservación, mantemento e reparación das vías municipais

O Concello de Carballo ten un contrato por catro anos por un importe total de 1,4 millóns de euros

Luns 22 de abril do 2024

Asfaltado na Brea

Asfaltado na Brea

O inverno castigou moito a rede viaria, pero coa chegada do bo tempo xa temos á empresa Vázquez y Reino, adxudicataria do contrato de servizos de conservación, mantemento e reparación das vías municipais, a pleno rendemento. Despois das actuacións realizadas a principios de ano nas parroquias de Aldemunde e Sofán, a semana pasada centráronse na posta a punto das pistas do barrio da Brea. A partir desta semana seguirán traballando na parroquia de Carballo, e despois continuarán por Verdillo, Artes e Bértoa, e despois polo resto das parroquias.

Tal como recolle o prego de prescricións técnicas, a empresa encárgase de realizar as melloras necesarias de conservación, mantemento, reparación da base e do firme das rede viaria, así coma da drenaxe das vías. Deste xeito, entre os traballos que debe levar a cabo, sempre seguindo as indicacións dos técnicos municipais, figuran a limpeza e apertura de gabias, reparación de fochancas, renovación da capa de rodaxe, fresado, reforzos de firme, pavimentacións ou reparacións de beirarrúas, entre outros.

O contrato de servizos de conservación, mantemento e reparación das vías municipais ten un período de execución máximo de catro anos e un orzamento total de 1,4 millóns de euros, e inclúe tanto as vías urbanas coma as rurais.

Compartir: