Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
A música festeira de Os Tres Trebóns e o hip hop de García Mc, na Festa da Lingua de Carballo con motivo do Día das Letras

VENRES 16 DE MAIO A PARTIR DAS 21.00 HORAS

A música festeira de Os Tres Trebóns e o hip hop de García Mc, na Festa da Lingua de Carballo con motivo do Día das Letras

Xoves 15 de maio do 2014

O venres 16 de maio, véspera do Día das Letras Galegas, o Concello de Carballo fai un chamamento a festexar e, simultaneamente, reivindicar o uso e prestixio do galego na Festa da Lingua, un festival de música e palabras que terá lugar ás 21.00 horas no Pazo da Cultura, con entrada libre e gratuíta. De abrir esta festa encargarase un dos rapeiros máis recoñecidos do país, García Mc, membro fundador do colectivo de hip hop Dios ke te Crew, e que acaba de editar o seu primeiro álbum en solitario, que leva por título "Abaixo e de pé". Como colectivo editou dous exitosos discos ("Xénese" e "Humanose") e levou o hip hop galego a lugares como Copenhangue, Guiné-Bissau, Portugal ou México. En 2013 recibiu o Premio ao mellor proxecto musical de músicas urbanas nos I Premios Galegos da Música. Da parte aínda máis festeira encargaranse Os Tres Trebóns, o proxecto musical de Xurxo Souto, Antón Díaz e Fran Amil, e que estarán acompañados por Xan Papaqueixos. Festa, forza, rock, rancheiras punks, treboada e bravú de varios vetaranos do campo da festa e coa voz dos Diplomáticos de Montealto, a do enérxico Xurxo Souto. A música galega festeira con forza e enerxía como poucas veces se viu.

O Concello inicia un expediente de resolución do contrato da Fase I da "Mellora do sistema xeral de abastecemento a Carballo"

ALÉGASE INCUMPRIMENTO POR PARTE DA UTE ADXUDICATARIA

O Concello inicia un expediente de resolución do contrato da Fase I da "Mellora do sistema xeral de abastecemento a Carballo"

Xoves 15 de maio do 2014

O Concello de Carballo vén de acordar iniciar un expediente de resolución do contrato de obra da Fase I da "Mellora do sistema xeral de abastecemento a Carballo (Anllóns-Bardoso)". O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, acompañado dos Concelleiros de Obras, Luís Lamas, e Medio Ambiente, Marcos Trigo, deu conta desta decisión tomada ao considerarse que existe "incumprimento de contrato" por parte da Unión Temporal de Empresas (UTE) formada por Extraco Construcións e Proxectos SA e Decoraciones J. Bello SL e denominada "UTE Abastecemento a Carballo". Segundo subliña Ferrero, "nun contrato sempre hai que amosar que hai vontade inequívoca de executar a obra", un requisito que os técnicos municipais, que teñen elaborado os informes preceptivos necesarios, non consideran que exista neste caso. O Alcalde resalta que esta decisión tómase "despois de moito tempo buscando solucións" e mantendo numerosas xuntanzas co xerente responsable da UTE, Jesús Bello, para tentar chegar a un acordo. A adxudicación dos traballos tivo lugar o 7 de xuño de 2013, e a sinatura da acta de replanteo o 10 de setembro do mesmo ano. Dende o 11 de setembro, a UTE contou cun prazo de execución de oito meses para rematar os traballos, mais a 10 de maio de 2014, e unha vez rematado o prazo, tan só hai certificados arredor de 9.000 euros pola apertura do centro de traballo e o desbroce da parcela, fronte aos 1.024.648,57 euros (IVE incluído) do importe total da adxudicación.

A organización ADEAC concede o distintivo de Bandeira Azul ás praias carballesas de Pedra do Sal e As Saíñas

EN MARCHA O PROCESO PARA OBTER A CERTIFICACIÓN ISO 14001

A organización ADEAC concede o distintivo de Bandeira Azul ás praias carballesas de Pedra do Sal e As Saíñas

Xoves 15 de maio do 2014

O Concello de Carballo contará este verán con dúas Bandeiras Azuis nos areais de Pedra do Sal (na imaxe) e As Saíñas. A ONG Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC) concede o distintivo de Bandeira Azul para recoñecer a calidade das praias, así como das súas augas, ademais dos servizos que ten dispoñibles, como o de duchas, áreas de estacionamento, limpeza ou socorrismo. Hoxe en día a campaña da Bandeira Azul desenvólvese anualmente en máis de 40 estados de cinco continentes, incluíndo a práctica totalidade dos estados da Unión Europea. Así mesmo, o Concello informa, a través da Concellería de Medio Ambiente que dirixe Marcos Trigo, de que os areais de Razo, As Saíñas e Pedra do Sal aspiran a obter a certificación da norma ISO 14001 de xestión ambiental, un sistema que controla a xestión dos impactos ambientais que unha organización produce no medio ambiente. A certificación das praias segundo a norma ISO 14001 implica a planificación e a implantación dunha política ambiental que inclúe un compromiso de mellora continua e de prevención da contaminación, así como o compromiso de cumprir coa lexislación e regulamentación ambiental vixente. Dita certificación é outorgada por unha entidade especializada e o seu cumprimento é obxecto de auditorías periódicas para realizar un seguimento da certificación.

"Carballo por etapas" volve para ofrecer os mellores produtos da comarca e da gastronomía local en 21 negocios hostaleiros

OS DÍAS 23, 24, 25, 30 E 31 DE MAIO E 1 DE XUÑO

"Carballo por etapas" volve para ofrecer os mellores produtos da comarca e da gastronomía local en 21 negocios hostaleiros

Mércores 14 de maio do 2014

O Concello de Carballo e a Asociación de Xóvenes Empresarios de Bergantiños (Axober) poñen en marcha por segundo ano consecutivo a iniciativa "Carballo por etapas", unha proposta que pretende fomentar o turismo e o consumo de produtos autóctonos como os sacados da horta, do mar ou o pan, promovendo Carballo e a súa comarca e dando a coñecer a súa variedade gastronómica e hostaleira. Nesta segunda edición tense incrementado o número de establecementos participantes ata 21, cuxos restauradores elaborarán para a súa degustación durante dúas fins de semana tapas con produtos orixinarios da zona ao prezo dun euro. Con cada tapa recibirase un rasca co que optar a algún dos máis de mil premios que están en xogo, e que van dende gorras e camisetas ata máis tapas ou botellas magnum de viño. A fin de semana do 23, 24 e 25 de maio o evento céntrase nas Xornadas do Atún Calvo con tapas elaboradas con este produto. A fin de semana do 30 e 31 de maio e 1 de xuño as tapas estarán dedicadas aos produtos de Bergantiños. Os horarios son de 12.00 a 14.00 e de 20.00 a 22.00 horas, agás o 23 de maio en que é só de 20.00 a 22.00 horas. Raúl Cantorna, tesoureiro de Axober, quixo subliñar que esta segunda edición é a confirmación "dun proxecto que o ano pasado funcionou ben" e que, ademais de dinamizar o sector tamén axuda a reflectir "unha imaxe de unidade empresarial".

O Concello fai público o nome da gañadora dun viaxe a Turquía grazas á campaña de dinamización Check-in Carballo

PARTICIPARON NA INICIATIVA 27 COMERCIOS E LOCAIS HOSTALEIROS

O Concello fai público o nome da gañadora dun viaxe a Turquía grazas á campaña de dinamización Check-in Carballo

Martes 13 de maio do 2014

O Concello carballés, a través do programa #QuedamosenCarballo, desenvolveu durante todo o mes de abril o concurso Check in Carballo, unha iniciativa na que veciños e veciñas da vila e a contorna visitaron ata 27 tendas e locais hostaleiros para ir acumulando puntos a través da aplicación informática Foursquare, que lles permitía introducir comentarios e fotografías dos produtos e servizos ofrecidos nos distintos establecementos. Participantes e empresarios mostraron as súas habilidades no manexo das novas tecnoloxías, en concreto a través de aplicacións en dispositivos móbiles que os establecementos poderán seguir utilizando para a súa promoción unha vez rematado o Check in. Así, o obxectivo era incentivar a compra no pequeno comercio e o consumo hostaleiro, atraendo a novos clientes e visitantes aos establecementos e xerandp unha maior presenza en Internet dos negocios. Finalmente, a concursante que se proclamou gañadora por realizar máis visitas nun maior número de establecementos durante o Check-in foi Paula Vázquez López, quen disfrutará dunha viaxe a Estambul e a rexión da Capadocia xunto coa persoa que ela elixa como acompañante. Hai que lembrar que #QuedamosenCarballo desenvolve accións que buscan dinamizar o comercio e os negocios locais.

O xornalista cercedense José Casás García gaña o X Premio a artigos xornalísticos normalizadores do Concello de Carballo

ENTREGA DE PREMIOS: NA FESTA DA LINGUA O VENRES 16 DE MAIO

O xornalista cercedense José Casás García gaña o X Premio a artigos xornalísticos normalizadores do Concello de Carballo

Luns 12 de maio do 2014

O xurado do X Premio a artigos xornalísticos normalizadores (na imaxe) reuniuse o sábado 10 de maio para decidir o artigo gañador deste certame, ao que se presentaron 33 traballos, e decidiu concederlle o premio, dotado con 1.000 euros e a publicación do artigo en nove medios de comunicación ao artigo titulado «Os exemplos», de José Casás García. Segundo o xurado, o recoñecemento deste artigo débese á súa capacidade de conectar coas xeracións máis novas, por tender pontes xeracionais entre esforzos e exemplos normalizadores de onte (a Xeración Nós, por exemplo) e hoxe (a Xeración Xabarín, por exemplo) e por facer ver a importancia de iniciativas e de referentes novos que poñan en valor a lingua galega. José Casás García (Cerceda) é xornalista, licenciado pola Universidade de Santiago de Compostela, e Máster en Comunicación e Industrias Creativas. Traballou como redactor en prácticas na Radio Galega e no Consello da Cultura Galega. Agora mesmo é director de comunicación da empresa PositiBos. O xurado do X Premio a artigos xornalísticos normalizadores estivo composto por Belén Puñal, xornalista carballesa e colaboradora de diversos medios; Mariña Pérez Rei, profesora e gañadora da edición ed 2013; Cristina Abelleira, xornalista carballesa; e Nel Vidal, técnico de normalización lingüística do Concello de Carballo, como secretario, sen voto.

Wau y Los Arrrgs, Idealipsticks, The Government e Apart no cartel do Rockin´, o primeiro gran festival do verán na comarca

VENRES 27 DE XUÑO A PARTIR DAS 22.00 HORAS NO REGO DA BALSA

Wau y Los Arrrgs, Idealipsticks, The Government e Apart no cartel do Rockin´, o primeiro gran festival do verán na comarca

Sábado 10 de maio do 2014

Wau y los Arrrgs, Idealipsticks, The Government e os carballeses Apart son os grupos que conforman o cartel do Rockin´ 2014. Ademais das bandas, a cita contará coa presenza dos DJs Ayrton&Senna para animar a noite nos descansos e no peche. Desvélanse así as claves dunha das citas musicais que xa se ten convertido nun dos piares das Festas do San Xoán e que, xunto co Xiria Pop e o Sereas e Piratas compón un trío festivalero fundamental nos veráns carballeses. Segundo explica José Antonio Deus, membro da Comisión de Festas, o Rockin´ "vai medrando ano a ano" para ser xa "un referente en Galicia para a música rock". A Concelleira de Festas, Belén Lendoiro, tamén avanzou que a Comisión espera este ano "contar cunha imaxe máis actual", polo que inaugura a súa presenza nas redes sociais a través de Facebook e cun Twitter que se activará tan pronto comecen os actos do programa. Segundo explica Lendoiro "trátase dunha aposta para que a xente participe de festa", opinando e comentando as diferentes propostas. Precisamente a través de Facebook xa é posible descargar o impactante cartel de Gende Estudio para o Rockin´, festival que terá lugar o 27 de xuño a partir das 22.00 horas na contorna do Parque de Rego da Balsa, abrindo así a tempada dos grandes festivais de verán na Costa da Morte.

Nenos e nenas do CEIP Canosa-Rus aprenden a importancia do aproveitamento dos recursos hidráulicos e da reciclaxe

O COLEXIO RECIBIU A VISITA DO CONSELLEIRO AGUSTÍN HERNÁNDEZ

Nenos e nenas do CEIP Canosa-Rus aprenden a importancia do aproveitamento dos recursos hidráulicos e da reciclaxe

Venres 9 de maio do 2014

O Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández e o director territorial de Mapfre en Galicia Norte, Fernando Camarero, xunto co Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero e o Alcalde de Coristanco, Antonio Pensado, veñen de participar nunha das actividades da campaña de sensibilización para o uso responsable da auga que promoven Augas de Galicia e a Fundación Mapfre en máis de 40 colexios de toda Galicia. A iniciativa comezou no curso escolar 2011-12 e nela participaron 2.718 alumnos de 36 colexios. Ao remate do presente curso, a iniciativa chegará a 4.035 escolares e 46 centros, o que supón un incremento de participación do 48 por cento. Durante a visita, na que estiveron acompañados pola directora do centro, Cristina París, e na que tamén estiveron presentes a Delegada da Xunta, Belén do Campo, e o deputado Aurelio Núñez Centeno, puideron vivir de primeira man unha das sesións dos obradoiros cos cativos e cativas, na que a través dunha "ecopatrulla" e dun particular xogo da oca coñeceron algunhas das claves sobre o ciclo da auga, como por exemplo que "auga hai moita, pero da que podamos usar, hai pouca"; e recibiron consellos como que hai que pechar a billa ao lavar os dentes ou fregar os pratos; ou que o aceite de cociña e as pilas usadas debe reciclarse para ser procesadas nun Punto Limpo.

Un total de 33 traballos optan a gañar os mil euros do X Premio a artigos xornalísticos normalizadores Concello de Carballo

XUNTANZA O SÁBADO 10 ÁS 17.30 HORAS NO PAZO DA CULTURA

Un total de 33 traballos optan a gañar os mil euros do X Premio a artigos xornalísticos normalizadores Concello de Carballo

Venres 9 de maio do 2014

O xurado do X Premio a artigos xornalísticos normalizadores Concello de Carballo reúnese o sábado 10 de maio, para decidir o artigo gañador do certame. A xuntanza está prevista para as 17.30 horas no Pazo da Cultura. Posteriormente anunciarase o gañador ou gañadora mediante unha nota de prensa que se lles enviará a todos os medios sobre as 19.00 horas. O Concello de Carballo recibiu -unha vez finalizado o prazo de presentación o pasado 11 de abril- un total de 33 traballos. Dende abril, os membros do xurado comezaron a analizar e avaliar os diferentes traballos e, así, nesta xuntanza elixirán o artigo gañador. O xurado desta décima edición está composto por: Belén Puñal, xornalista carballesa; Cristina Abelleira, xornalista carballesa; Mariña Pérez Rei, gañadora da última edición do premio; e Nel Vidal: como representante do Concello, secretario, sen voto. Os obxectivos do Premio a artigos xornalísticos normalizadores son promover a reflexión sobre a situación social da lingua galega, crear espazos nos xornais para analizar e fomentar o uso e prestixio do idioma galego e promover o uso do galego na prensa. Outorgarase un premio ao artigo gañador dotado con 1.000 euros.

Continúan polos bares de Carballo as actividades da iniciativa "Contos de Taberna", que cada día suman máis público

PRÓXIMAS PRESENTACIÓNS: O 10, 11,13, 14 E 15 DE MAIO

Continúan polos bares de Carballo as actividades da iniciativa "Contos de Taberna", que cada día suman máis público

Venres 9 de maio do 2014

As tabernas de Carballo estanse a encher a diario para participar nas presentacións da iniciativa Contos de Taberna, unha proposta da Concellaría de Promoción Económica que une cultura, arte e gastronomía. As primeiras citas xa tiveron lugar en Kasa Klandestino, no Café Abastos, na Viñoteca Ánfora, no Café Cervantes, no Mesón do Pulpo, na Tasca A Cova e na de Pako. E continuarán durante esta semana na Cervexaría Ágora, no Café Valle Inclán, na Cabaña, na Pedra, na Bombonera e no Bodegón o Pescador. E é que as tabernas sempre foron lugares de historias, de palabras, de interacción e comunicación. De creatividade e de contos. Por iso, creadoras e creadores de Carballo decidiron plasmar esas historias, contos, palabras e creatividade taberneira en textos e imaxes que se están a repartir polos bares (na imaxe a ilustración para o Mesón do Pulpo). Despois da boa acollida e do éxito de participación nas presentacións que se foron desenvolvendo até o momento, as vindeiras paradas son con Henrique Mariño e Mon Lendoiro na Cervexaría Ágora (venres 9); con Alberto Varela Ferreiro no Café Valle Inclán (sábado 10); con Rosalía Fernández Rial na Cabaña (domingo 11); con Paco Souto e Emi de las Heras na Pedra (martes 13, ás 20.00 h); con Xosé Antonio Andrade na Bombonera (mércores 14) e, finalmente, con María Canosa e O'Mighelo no Bodegón o Pescador (xoves 15).

A Xunta valorará a posibilidade de incluír a Carballo no Plan de Transporte Metropolitano de Santiago e A Coruña en 2015

ENTREVISTA COA DIRECTORA XERAL DE MOBILIDADE

A Xunta valorará a posibilidade de incluír a Carballo no Plan de Transporte Metropolitano de Santiago e A Coruña en 2015

Xoves 8 de maio do 2014

O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e a Directora Xeral de Mobilidade, Camino Triguero, veñen de manter hoxe, xoves 8 de maio en Santiago de Compostela, unha xuntanza para abordar a inclusión do Concello no Plan de Transporte Metropolitano, concretamente nas áreas da Coruña e de Santiago. Segundo explica Ferrero, Triguero manifestou que a Xunta estudará a posibilidade de que Carballo se incorpore a este Plan a primeiros de 2015. O Alcalde, aproveitou a entrevista para formalizar por escrito as dúas peticións para a incorporación do municipio a cada un dos plans de Santiago e A Coruña, e aclara que nestes momentos hai máis concellos galegos tramitando as súas solicitudes para distintas áreas. Segundo manifestou Triguero, estase elaborando xa un estudo económico e financeiro para o proxecto de mobilidade que afecta a Carballo co fin de determinar os custos para a Xunta e o Concello e a viabilidade da proposta. En relación ao financiamento, como no resto dos casos de implantación do transporte metropolitano, o 80 por cento do importe da subvención do billete corresponderíalle á Administración autonómica e o restante 20 por cento á Administración local. Poderían beneficiarse do prezo reducido do billete para trasladarse a Santiago e A Coruña, custo que se determinaría de saír adiante a proposta, todos os usuarios e usuarias que collesen o autobús nas paradas de Carballo.

Música, teatro, libros, exposicións e moita lingua conforman o Programa das Letras 2014, dedicado a Xosé María Díaz Castro

ACTIVIDADES DURANTE TODO O MES DE MAIO

Música, teatro, libros, exposicións e moita lingua conforman o Programa das Letras 2014, dedicado a Xosé María Díaz Castro

Mércores 7 de maio do 2014

Un ano máis Carballo conmemora o 17 de maio, Día das Letras, a través dun programa de actividades que transcorre durante todo o mes de maio e que se centra nunha serie de citas arredor da promoción da lingua, o libro e a lectura, pero que tamén propón teatro, música e arte. O momento máis esperado é o maratón "As letras en voces", o sábado 17 de maio no Xardín Municipal de 11.00 a 13.30 horas, unha cita que conta coa colaboración das asociacións culturais e centros de ensino do municipio. Trátase dunha lectura pública e colectiva dos autores e autoras homenaxeados no Día das Letras na que calquera que queira participar le un fragmento literario de calquera dos máis de cincuenta persoeiros que teñen sido recoñecidos este día, con especial atención ao escollido este ano, o poeta e tradutor de Guitiriz Xosé María Díaz Castro. A cita contará coa colaboración da AC Coral Ribeiras do Anllóns e das Cantareiras de Nemeth. Os interesados e interesadas en reservar horario para ler no maratón, poden facelo até o 15 de maio no propio Pazo da Cultura; no teléfono 981 704 300; no fax 981 704 302; e no enderezo electrónico . Un acto que centra un programa para que "a xente goce das actividades culturais, porque gozando da cultura formámonos como persoas", en verbas do Alcalde, Evencio Ferrero.

Compartir: