Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
Os voceiros municipais coñecen un avance do Plan Director de Abastecemento de auga pensado para o período 2015-2030

O OBXECTIVO É MELLORAR AS INSTALACIÓNS E A CALIDADE DA AUGA

Os voceiros municipais coñecen un avance do Plan Director de Abastecemento de auga pensado para o período 2015-2030

Luns 5 de maio do 2014

A empresa GIGA (Gabinete de Ingeniería SL) vén de presentar diante dos voceiros dos grupos políticos municipais e doutros membros do goberno un avance do traballo que están facendo na análise da rede integral de abastecemento do Concello de Carballo mediante simulación por ordenador e na actualización do Plan Director de Abastecemento. Representantes da empresa expuxeron as liñas mestras de actuación para o período 2015-2030, ademais de ofrecer as claves dunha diagnose do funcionamento da rede actual de abastecemento. Neste último caso, trátase dun estudo exhaustivo que reflicte datos como o material das canalizacións, os quilómetros existentes de rede, o gasto por día, hora e incluso minuto, a reserva de auga dispoñible, as perdas que xera o sistema, etc. No que respecta aos obxectivos estratéxicos para o período 2015-2030, hai que subliñar, entre outros moitos, o de chegar ao 90 por cento da poboación, xa que nestes momentos hai dotación de servizo para o 75 por cento (uns 23.500 habitantes, aproximadamente); a mellora da eficiencia das instalacións; a extensión do abastecemento a todos os núcleos de poboación con máis de 50 habitantes; a redución das perdas (na actualidade cifradas nun 22 por cento) ata o 10 por cen; ou pasar de 170 a 250 quilómetros na lonxitude da rede de canalización de auga en todo o municipio.

Aprobación provisional do Plan especial para a ampliación de Aspaber e adxudicada a explotación da cafetería do Pazo

SUBVENCIÓNS PARA AS CABALGATAS DE REIS 2014

Aprobación provisional do Plan especial para a ampliación de Aspaber e adxudicada a explotación da cafetería do Pazo

Luns 5 de maio do 2014

A Xunta de Goberno Local, reunida en sesión ordinaria, vén de aprobar de forma provisional e fóra da orde do día, o Plan especial de dotacións para equipamento no lugar da Brea, cuxo obxectivo é a regularización e ampliación das instalacións da Asociación de pais de discapacitados psíquicos de Bergantiños (Aspaber). O seguinte paso despois desta aprobación provisional é remitirlle o expediente á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da Xunta de Galicia para que nun prazo máximo de dous meses emita o informe preceptivo necesario para a aprobación definitiva. No apartado de contratacións, a sesión supuxo a adxudicación do Contrato administrativo especial para a "Explotación da cafetería-restaurante do Pazo da Cultura do Concello de Carballo". A adxudicación recaeu na sociedade que viña explotando o servizo até o de agora por un importe de 16.560 euros ao ano repartidos en doce mensualidades. O importe do canon de adxudicación increméntase de acordo co Índice de Prezos ao Consumo (IPC). O prazo de execución recollido no contrato é de tres anos, con posibilidade dunha única prórroga expresa de carácter anual. Entre os prezos ofertados, está o menú, composto por primeiro plato, segundo, bebida, postre e café por 8 euros; ou o café, en todas as súas variedades excepto o dobre, a 80 céntimos.

A Carreira Popular 10 Km Concello de Carballo cumpre en 2014 catro anos consolidando a práctica do atletismo no municipio

FORMA PARTE DO CIRCUÍTO DE CARREIRAS POPULARES DA DEPUTACIÓN

A Carreira Popular 10 Km Concello de Carballo cumpre en 2014 catro anos consolidando a práctica do atletismo no municipio

Venres 2 de maio do 2014

A vila prepárase xa para a IV Carreira Popular 10 Km Concello de Carballo que terá lugar o domingo 15 de xuño nun percorrido homologado pola Federación Española de Atletismo e que transcorre polas rúas do casco urbano. Xa hai máis de 250 inscritos e inscritas para esta cita que conta con 24 categorías dende benxamíns a veteranos. Na carreira de 2013 chegaron a participar máis de 1.200 corredores e a cita forma parte por segundo ano consecutivo do Circuíto Provincial de Carreiras Populares da Deputación da Coruña, que desta volta pasou de contar con 10 competicións a ter 18. Dende o martes 1 de abril e até o 8 de xuño está aberto o prazo para anotarse na de Carballo, de forma gratuíta. As formas e lugares de inscrición son: na web www.carballo.org, no enlace creado ao respecto e que está dispoñible clicando aquí; na web www.championchipnorte.com; e pode obterse máis información sobre a proba e asesoramento para a inscrición presencial: nas oficinas do Concello de Carballo "Carballo Deporte" situadas na rúa Corcubion s/n e no teléfono 981 702 109. Todo para que "un deporte símbolo do olimpismo como é o atletismo teña continuidade", subliña o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, que tamén resalta a creación de dous novos clubs desta disciplina no municipio: Atletismo Carballo e Os Muditos.

O comercio carballés e Gadis invitan ao cine aos seus clientes por 4,90 euros a través da iniciativa Primavera de Cine

ENTRE O 30 DE ABRIL E O 30 DE XUÑO

O comercio carballés e Gadis invitan ao cine aos seus clientes por 4,90 euros a través da iniciativa Primavera de Cine

Mércores 30 de abril do 2014

O Concello de Carballo, Galicine, Gadis e a Deputación da Coruña únense para facer máis alcanzable ir ao cine para os veciños e veciñas da comarca. Así, entre o 30 de abril e o 30 de xuño e presentando un ticket de compra de calquera comercio de Carballo ou de calquera dos supermercados Gadis da Costa da Morte (Cee, Camariñas, Vimianzo, Baio, Carballo e A Laracha) os interesados e interesadas poden conseguir as súas entradas para os Multicines Bergantiños de Carballo a un prezo de 4,90 euros. Os tickets presentados deben ser orixinais e estar debidamente cuñados na parte posterior polo establecemento en cuestión. Con eles, calquera persoa poderá acceder ao cine cun acompañante e polo prezo reducido de 4,90 euros para cada unha das dúas entradas. Os tickets son válidos durante 15 días a partir da data impresa no propio ticket, polo que, se alguén realiza unha compra o 30 de xuño aínda terá até o 15 de xullo para aproveitar a súa entrada a prezo reducido. Hai que subliñar que o ticket non inclúe o prezo dos flocos de millo, refrescos, etc., nin tampouco o das lentes 3D. Unha vez máis, o obxectivo da iniciativa, incluída na campaña "Quedamos en Carballo", é o de "fomentar o comercio de proximidade", favorecer "que a xente poida ir ao cine", en verbas do Concelleiro de Promoción Económica, Xosé Regueira, e axudar "a que os cines sobrevivan".

O 90 por cento dos participantes no primeiro curso da Plataforma de Teleformación Municipal realizan un balance positivo do sistema

PROXIMAMENTE ESTARÁN DISPOÑIBLES NOVAS ACTIVIDADES

O 90 por cento dos participantes no primeiro curso da Plataforma de Teleformación Municipal realizan un balance positivo do sistema

Mércores 30 de abril do 2014

Os usuarios e usuarias da primeira Plataforma de Teleformación Municipal de Galicia, despois da celebración do seu primeiro curso a través de <www.carballoformacion.org>, reflicten un alto grado de satisfacción, tanto no seu balance do funcionamento da plataforma como dos contidos e desenvolvemento da acción formativa. Esta circunstancia anima ao Concello de Carballo a continuar coa experiencia e a planificar novas actividades no futuro. Segundo os datos reflectidos por unha enquisa realizada entre os participantes no curso sobre "Novas tecnoloxías para o emprendemento", que estivo dirixido a toda a cidadanía, o cen por cen dos que responderon o cuestionario repetirían a experiencia de participar noutras actividades de teleformación e o 90 por cento avalían o sistema da plataforma municipal como "agradable, sinxelo e sen problemas técnicos". Así mesmo, o 85 por cento dos participantes na enquisa de avaliación considérase "satisfeito" co curso (estando un 20 por cento deles "satisfeito" e un 65 por cento "moi satisfeito"). Tamén un 85 por cen considera que a duración do curso, de cinco semanas, foi a axeitada para o seu desenvolvemento, mentres que o 75 por cento considera que "poderá aplicar os coñecementos adquiridos ao seu traballo". O titor do curso acada cotas do cen por cen de satisfacción (cun 90 por cento "moi satisfeito").

O pleno aproba a reurbanización da rúa Martín Herrera e a execución de melloras e actuacións por 1,5 millóns de euros

UNANIMIDADE NA MOCIÓN A PROL DO PARTIDO XUDICIAL CARBALLÉS

O pleno aproba a reurbanización da rúa Martín Herrera e a execución de melloras e actuacións por 1,5 millóns de euros

Martes 29 de abril do 2014

A corporación carballesa vén de sacar adiante na sesión plenaria ordinaria do mes de abril, cos votos a favor de PSOE e BNG, a aprobación dun expediente de suplemento de crédito e dun expediente de crédito extraordinario que modifican os orzamentos xerais da corporación para 2014 coa incorporación de 1,5 millóns de euros do remanente de tesourería para gastos xerais. No caso do crédito extraordinario, crearanse novas partidas orzamentarias por un importe de 758.000 euros. As actuacións previstas neste caso son a dotación dunha caldeira de biomasa para o Pavillón Vila de Noia, por 245.000 euros; a creación de salas de procesamento de datos para o idóneo mantemento dos servizos informáticos do Concello, por 183.000 euros; a continuación das melloras en materia de sinalización turística, por 35.000 euros; e a reparación de danos provocados polos sucesivos temporais como son a reposición de danos en praias por 50.000 euros, a reparación de camiños veciñais por 62.000 euros, a reparación de estradas no rural por 131.000 euros e a reposición de danos na contorna do Anllóns por 52.000 euros. No caso do suplemento de crédito, incorpóranse 781.000 euros a partidas xa existentes, con actuacións para a ampliación do servizo de saneamento e abastecemento de augas, con 247.000 euros; para a reurbanización da rúa Martín Herrera da capital municipal (na imaxe), con 350.000 euros; e para a mellora de vías no casco urbano da capital municipal, por 184.000 euros.

Creadores e creadoras de Carballo comezan a levar os seus Contos de Taberna e ilustracións polos bares da vila

TRECE PRESENTACIÓNS ENTRE O XOVES 1 E O XOVES 15 DE MAIO

Creadores e creadoras de Carballo comezan a levar os seus Contos de Taberna e ilustracións polos bares da vila

Martes 29 de abril do 2014

As tabernas sempre foron lugares de historias, de palabras, de interacción e comunicación. De creatividade. De contos. E agora, creadoras e creadores de Carballo decidiron plasmar esas historias, contos, palabras e imaxinación taberneira en textos e imaxes que, ademais, irán presentando polos bares a partir do xoves 1 de maio, e até o xoves 15 do mesmo mes no marco da iniciativa Contos de Taberna. Son 13 actos de presentación, que comezará Xurxo Borrazás e Milagros Cotelo o día 1 en Kasa Klandestino e que rematarán María Canosa e O'Mighelo o día 15 no Bodegón O Pescador. Todos os actos serán ás 20.30 horas e abertos ao público. Polo medio pasarán Santi Garrido e Cristina Castro polo Café Abastos (venres 2); Ramón Vilar Landeira e Antonio Reino pola Viñoteca Ánfora (sábado 3); Ignacio Silva e Santi Picos polo Café Cervantes (domingo 4); Fernando Cabeza Quiles e Pedro Tasende polo Mesón do Pulpo (luns 5); Cristina Abelleira pola Cova (mércores 7); Mercedes Queixas e Antonio Taracido pola de Pako (xoves 8); Henrique Mariño e Mon Lendoiro pola Cervexaría Ágora (venres 9); Alberto Varela Ferreiro polo Café Valle Inclán (sábado 10); Rosalía Fernández Rial pola Cabaña (domingo 11); Paco Souto e Emi de las Heras pola Pedra (martes 13); e Xosé Antonio Andrade pola Bombonera (mércores 14).

"Les coses grans" e "Entre pipas", triunfadoras na Gala de Premios do I Festival de webseries Carballo InterPlay

A CITA TIVO LUGAR O SÁBADO 26 DE ABRIL ÁS 21.00 HORAS

"Les coses grans" e "Entre pipas", triunfadoras na Gala de Premios do I Festival de webseries Carballo InterPlay

Luns 28 de abril do 2014

A webserie catalana "Les coses grans" e a madrileña "Entre pipas", acapararon a maioría dos premios na Gala do I Festival de Webseries Carballo InterPlay. Nunha cerimonia dinámica, divertida e animada cos chistes e ocorrencias de Sonia Méndez e Sandra Lesta a través dos seus personaxes "Angélica e Roberta", o palmarés que se foi desvelando pouco a pouco foi o seguinte: premio á mellor webserie en imaxe real: "Les coses grans"; premio do público: "Les coses grans"; premio á mellor webserie de animación: "Ventura Time", cunha mención especial a "Cálico Electrónico"; premio á mellor webserie en lingua galega: "Poetarras", cunha mención especial á webserie documental "Palabras secretas"; premio ao mellor guión, concedido pola AGAG (Asociación de Guionistas de Galicia): "Entre pipas", cunha mención especial a "lavida.es"; premio á mellor interpretación feminina: Mar Ulldemolins por "Les coses grans"; e por último, premio ex aequo á mellor interpretación masculina: Xulio Abonjo e Luis Zahera por "Entre Pipas". Os agradecementos dos gañadores foron breves e divertidos, aínda que tamén emotivos e reivindicativos, como no caso de Daniel Vilaverde con "Poetarras", no que tivo tempo de acordarse de Monica Bellucci, da súa avoa e da súa nai e ata dunha coruñesa que, indirectamente, o animou a falar e a vivir a súa webserie en galego. Eso si, todos expresaron o seu desexo de que o festival poida continuar a súa andaina en anos vindeiros.

A Semana do Libro e a Lectura de Carballo cumpre nove anos descubríndolle aos máis cativos e cativas o goce de ler

DO 5 AO 9 DE MAIO NO PAZO DA CULTURA

A Semana do Libro e a Lectura de Carballo cumpre nove anos descubríndolle aos máis cativos e cativas o goce de ler

Luns 28 de abril do 2014

Un ano máis a primavera trae ao Pazo da Cultura de Carballo a Semana do Libro e a Lectura que organizan a Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG) e o Concello de Carballo. Desta volta, a cita, que conta coa colaboración da Fundación Luís Calvo Sanz, cumpre xa nove anos "descrubíndolle aos nenos e nenas o goce de ler", en verbas da responsable da AS-PG Carmen Vilariño. Está previsto que ata 2.500 cativos e cativas pasen polo Pazo da Cultura entre os obradoiros regrados que teñen lugar polas mañás dirixidos ao alumnado de Infantil e Primaria e as actividades lúdicas das tardes abertas a un público familiar. Como cada ano, a IX Semana do Libro e a Lectura conta cun lema, neste caso "Cociñando contos", arredor do cal o alumnado dos centros de ensino de Carballo elaborará os materiais que conforman unha das mostras máis visitadas da cita, que inclúe tamén unha exposición de libros cedidos por distintas editoriais e unha exposición da AGPI titulada: "A que sabe este libro?". Trátase dunha semana na que alumnado, familias e profesorado colaboran para achegar a lectura aos nenos e nenas "a unha idade na que é tan importante", segundo explica a Concelleira de Cultura, Mar Eirís. Todo de balde, no Pazo da Cultura de Carballo, entre o luns 5 e o venres 9 de maio cun peche moi especial a cargo de Peter Punk e do alumnado do CEIP Xesús San Luís Romero e do Colexio Artai.

Máis de 400 cativos e cativas participarán no II Día do Pequebasket, que contará coa presenza de Fernando Romay

SÁBADO 17 DE MAIO NO PAVILLÓN CARBALLO CALERO

Máis de 400 cativos e cativas participarán no II Día do Pequebasket, que contará coa presenza de Fernando Romay

Sábado 26 de abril do 2014

Ata 42 equipos con 400 nenos e nenas de toda Galicia, 110 partidos en formato 4x4 e sete canchas de mini basket. Estas son algunhas das cifras que definen o II Día do Pequebasket que se celebra o sábado 17 de maio no Pavillón Carballo Calero de Carballo. Trátase dunha cita nacida o ano pasado e que nesta a súa segunda andaina non deixa de medrar, incrementando a participación, superándose amplamente os inscritos e inscritas en 2013. Trátase de nenos e e nenas de entre 5 e 8 anos que van tamén vivir unha xornada lúdica na que haberá inchables, coches a pedais, xogos e outras moitas atraccións ademais do baloncesto. Así o explica Arturo Ferraces, director deportivo de Escola Basket Xiria, organizadora da cita xunto co Concello de Carballo, a Deputación da Coruña e a Federación Galega de Baloncesto. Ademais de contar cun novo logo, a cita adquire este ano unha nova dimensión ao estar incluída dentro das actividades "Galicia 2014, Imos pola Copa", enmarcadas dentro da celebración da Copa do Mungo FIBA 2014. Así mesmo, está confirmada a presenza de Fernando Romay, ex xogador do Real Madrid e da Selección Española de Baloncesto, que vén a promocionar tamén a Copa do Mundo e a gozar cos rapaces e rapazas das actividades desta divertida xornada para toda a familia.

O CIP presentou "Toñito, ti es especial" e continúa con máis proxeccións no Pazo e actividades paralelas no Fórum

O SÁBADO 27 TOURIÑÁN PRESENTA O SEU CÓDIGO FONTE AUDIOVISUAL

O CIP presentou "Toñito, ti es especial" e continúa con máis proxeccións no Pazo e actividades paralelas no Fórum

Venres 25 de abril do 2014

Expectación, nervios e bastante público estiveron presentes o xoves 24 de abril no Pazo da Cultura de Carballo para asistir á estrea de "Toñito, ti es especial", a webserie de cinco mini capítulos que presentaron os alumnos e alumnas do primeiro taller de webseries que se celebrou no marco do I Festival Carballo InterPlay. A maior parte dos profesores e dos mozos e mozas carballeses que participaron nesta aventura asistiron tamén ao auditorio para esta estrea que espertou risas e sorrisos entre os espectadores e que foi gabada tanto polos profesores responsables como polos padriños do festival, David Sáinz e Teresa Segura. Esta última fixo especial fincapé no papel do protagonista, de quen dixo que interpreta incluso mellor que actores profesionais. Despois da proxección e dos sonoros aplausos, houbo un acto de entrega de diplomas para os 20 participantes no taller, e unha animada sesión no Photocall do festival (na imaxe). A xornada inaugural do CIP pechouse cunha sección paralela coas webseries "Angélica e Roberta" e "El viúdo quiere mimos", mais a cita continúa con numerosas actividades. Hai que subliñar a estrea o venres 25 ás 21.00 horas no Pazo da Cultura do capítulo 3x09 da popular webserie "Malviviendo", ou a presenza o sábado 27 ás 12.30 horas do humorista e actor Xosé Touriñán. O programa completo, clicando aquí. Tamén é posible seguir o CIP no web do festival en Facebook e Twitter.

Xogadores e xogadoras de voleibol en categoría benxamín de toda a provincia visitan Carballo para disputar a Final provincial

SÁBADO 26 DE ABRIL A PARTIR DAS 16.30 HORAS

Xogadores e xogadoras de voleibol en categoría benxamín de toda a provincia visitan Carballo para disputar a Final provincial

Venres 25 de abril do 2014

O Pavillón Carballo Calero da capital municipal acolle o sábado 26 de abril a Final provincial de Voleibol do programa de Deporte en Idade Escolar en categoría benxamín, unha cita que congregará a arredor de cen xogadores e xogadoras de entre 6 e 9 anos de toda A Coruña. Compiten a partir das 16.30 horas o Calasancias Coruña A e B, o Colexio Liceo A e B, o CV Narón Volea, os Franciscanos Coruña, o Calasancias Masculiño e Santa María do Mar CDC, ademais dos anfitrións, o Xiria Hierros Varela Urbieta. Rosalino Mariño, coordinador da sección de voleibol de Xiria, explica que é a primeira vez que a competición abandona a capital provincial, un feito que considera moi importante para consolidar o equipo da categoría benxamín feminina do Xiria, que conta con once nenas, tendo a máis pequena seis anos. Para Mariño "esta categoría é a máis importante", xa que "é cando realmente comeza a súa educación e a súa base deportiva". O Voleibol Xiria conta con sección alevín e infantil dende o ano pasado, e por primeira vez este ano creou un equipo benxamín que poderá participar na súa propia vila dun acontecemento que Mariño cualifica como "unha festa do voleibol". Ademais de celebrarse ata doce enfrontamentos entre os distintos equipos, a xornada acolle a entrega de medallas para os tres primeiros clasificados e está previsto que as bancadas se enchan de familiares, amigos e afeccionados.

Compartir: