Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
O Concello reurbanizará a rúa Martín Herrera e mellorará vías e saneamentos, entre outras actuacións, con 1,5 millóns de euros

O CONCELLO ABONA AS FACTURAS NUN PRAZO MEDIO INFERIOR A 15 DÍAS

O Concello reurbanizará a rúa Martín Herrera e mellorará vías e saneamentos, entre outras actuacións, con 1,5 millóns de euros

Venres 25 de abril do 2014

A sesión plenaria ordinaria do mes de abril inclúe entre os asuntos da orde do día a aprobación dun expediente de suplemento de crédito e dun expediente de crédito extraordinario que modifican os orzamentos xerais da corporación para 2014 coa incorporación de 1,5 millóns de euros do remanente de tesourería para gastos xerais. No caso do suplemento de crédito, incorpóranse 781.000 euros a partidas xa existentes, con actuacións para a ampliación do servizo de saneamento e abastecemento de augas, con 247.000 euros; para a reurbanización da rúa Martín Herrera da capital municipal, con 350.000 euros; e para a mellora de vías no casco urbano da capital municipal, por 184.000 euros. No caso do crédito extraordinario, crearanse novas partidas orzamentarias por un importe de 758.000 euros. As actuacións previstas neste caso son a dotación dunha caldeira de biomasa para o Pavillón Vila de Noia, por 245.000 euros; a creación de salas de procesamento de datos para o idóneo mantemento dos servizos informáticos do Concello, por 183.000 euros; a continuación das melloras en materia de sinalización turística, por 35.000 euros; e a reparación de danos provocados polos sucesivos temporais como son a reposición de danos en praias por 50.000 euros, a reparación de camiños veciñais por 62.000 euros, a reparación de estradas no rural por 131.000 euros e a reposición de danos na contorna do Anllóns por 52.000 euros.

Ferrol acolle o sábado 26 de abril a final galega do Club de Debate, na que participa o equipo de Carballo

PARTICIPAN PONTEVEDRA, O CARBALLIÑO, AMES, CARBALLO E FERROL

Ferrol acolle o sábado 26 de abril a final galega do Club de Debate, na que participa o equipo de Carballo

Venres 25 de abril do 2014

O emblemático Teatro Jofre de Ferrol é a sede o sábado 26 de abril da final galega do Club de Debate, en que se enfrontarán contrastando e defendendo ideas e argumentos oito equipos, que son os gañadores das distintas fases de zona que houbo no país, e que proceden de Pontevedra (dous equipos), O Carballiño (dous equipos), Ames, Ferrol (dous equipos) e Carballo (o equipo na imaxe, formado por Paula Anido, Laura Canedo, David Castro, Iván Collazo, Cristina Fuentes, Javier Gil, Sabela Lista, Andrea Loureiro e Débora Rodríguez). Nas distintas fases locais e de zona da edición do curso 2013-2014 participaron 21 equipos de 16 centros de ensino, conformados por un total de 180 alumnos e alumnas dos distintos concellos promotores da iniciativa. Cada equipo de traballo estivo coordinado por un ou dous preparadores/as que os asesoraron en aspectos como a procura de información, a disertación en público, a argumentación, etc. Logo de se desenvolveren as fases locais nas zonas de Compostela (na que gañou o equipo de Carballo), Pontevedra, O Carballiño e Ferrol, os oito equipos que acceden á final galega son: o IES Plurilingüe de Ames, o IES Parga Pondal de Carballo, o IES Leixa de Ferrol, o IES Saturnino Montojo de Ferrol, o IES Nº 1 do Carballiño, o IES M. Chamoso Lamas do Carballiño, o IES Luís Seoane de Pontevedra e o IES A Xunqueira 1 de Pontevedra.

Arredor de dous mil estudantes visitan o Fórum Carballo para saber máis sobre as súas opcións formativas e sobre o mundo laboral

II FORO DA FORMACIÓN E A EMPRESA: 24 E 25 DE ABRIL

Arredor de dous mil estudantes visitan o Fórum Carballo para saber máis sobre as súas opcións formativas e sobre o mundo laboral

Xoves 24 de abril do 2014

O Fórum Carballo transfórmase o 24 e o 25 de abril nunha guía de recursos formativos e laborais para os estudantes de Secundaria do municipio e da contorna. Unha fervedoira de xente entre profesorado, alumnado e representantes de centros educativos como as Universidades da Coruña, Vigo e Santiago, ou a UNED, de institucións como as Forzas Armadas ou a Policía Nacional, e de entidades empresariais como Axober ou a Cámara de Comercio ateigaron as instalacións do Fórum dende primeira hora da mañá. Rapazas e rapaces aprendendo maquillaxe, envolvendo agasallos, ocupando o taller de hostalería ou mesmo muxindo vacas, subidos ao tractor ou practicando informática. Todo para que, segundo explica Luís García, director da Escola Familiar Agraria, EFA Fonteboa de Coristanco, "o alumnado vexa que nas aulas non é todo mesa e cadeira", e que hai moitas maneiras "de aproveitar ben a formación". O acto de apertura do Foro contou coa presenza do propio Luís García, do Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, así como dos directores dos tres centros educativos de Secundaria de Carballo: Carlos Fernández, do IES Parga Pondal; Ana Alcalá, do IES Monte Neme; e Mónica Mariño, do IES Alfredo Brañas, responsables directos da organización da cita xunto con Axober. De feito, Mariño quixo expresar en nome de toda a organización a "ilusión" por todo o "traballo e o esforzo" investido para que este segundo Foro saia adiante.

O I Festival Carballo InterPlay arrinca entre cantareiras para ser o primeiro certame de España dedicado ás webseries

ENTRE O XOVES 24 E O DOMINGO 27 DE ABRIL

O I Festival Carballo InterPlay arrinca entre cantareiras para ser o primeiro certame de España dedicado ás webseries

Xoves 24 de abril do 2014

Despois de meses de preparación, de ilusión e de esforzo por parte da organización, o Fórum Carballo vén de acoller o acto de apertura do I Festival de Webseries Carballo InterPlay (CIP), o primeiro certame de toda España dedicado en exclusiva a promocionar, estudar e dar a coñecer as claves deste produto audiovisual. A inauguración, caracterizada pola presenza das cantareiras de Berdillo que se encargaron de animar aos asistentes coa súa música, serviu como perfecto preámbulo para catro xornadas maratonianas nas que amosar as 35 webseries que optan aos 5.200 euros que se repartirán en premios e nas que reflexionar, a través de numerosas actividades paralelas, sobre as características e retos de futuro das webseries en España. O Alcalde, Evencio Ferrero, quixo resaltar a importancia deste formato como un xeito de mirar cara ao futuro e de abrazar as novas tecnoloxías. O Concelleiro de Promoción Económica, Xosé Regueira, un dos principais valedores da cita, quixo agradecer o traballo de todas as persoas implicadas no festival e defendiu a obriga das administracións públicas "de apoiar a un sector económico tan importante como o audiovisual". Tamén tivo unha mención para os padriños do festival, Daviz Sáinz e Teresa Segura, creadores de "Malviviendo", unha webserie da que se declarou "fan" e que estreará o seu novo capítulo da terceira tempada no marco do CIP.

Os alcaldes de Arzúa, Betanzos, Corcubión, Ordes e Carballo acordan unha moción a favor do mantemento dos partidos xudiciais

REMITIRÁN O TEXTO AOS MUNICIPIOS AFECTADOS DA PROVINCIA

Os alcaldes de Arzúa, Betanzos, Corcubión, Ordes e Carballo acordan unha moción a favor do mantemento dos partidos xudiciais

Martes 22 de abril do 2014

A Casa do Concello de Carballo vén de acoller unha xuntanza á que estaban convocados todos os alcaldes dos municipios da provincia da Coruña que contan con partido xudicial (Corcubión, Ordes, Betanzos, Ortigueira, Arzúa, Muros, Negreira, Noia, Padrón e Ribeira -coa excepción dos das grandes cidades, Ferrol, Santiago e A Coruña-) e que se ven afectados polas medidas que propón o anteproxecto de lei do poder xudicial impulsado polo Ministro de Xustiza, Alberto Ruiz-Gallardón, que implican a supresión de todos os partidos xudiciais da provincia a excepción do existente na capital coruñesa. Finalmente, asistiron Francisco Javier Lema, de Corcubión; José Luís García, de Arzúa; Ramón García Vázquez, de Betanzos; Manuel Regos, de Ordes; e Evencio Ferrero, Alcalde de Carballo, como anfitrión. Entre todos, acordaron a elaboración dun manifesto e unha moción compartida para reclamar o mantemento dos partidos xudiciais da provincia, repectando as especiais características de Galicia en materia de dispersión xeográfica e mobilidade que consideran que ignora o anteproxecto. O texto remitirase aos concellos da Coruña que contan con partido xudicial co obxecto de que a moción sexa aprobada nos plenos e se implique así a todos os veciños de veciñas, xa que "os afectados e afectadas son todo o conxunto da cidadanía", segunda subliña o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero.

II Foro da Formación e a Empresa: un escaparate para que o alumnado da comarca coñeza as súas opcións laborais de futuro

XOVES 24 E VENRES 25 DE ABRIL NO FÓRUM CARBALLO

II Foro da Formación e a Empresa: un escaparate para que o alumnado da comarca coñeza as súas opcións laborais de futuro

Martes 22 de abril do 2014

Despois do éxito da primeira edición, na que ata 1.000 persoas, entre organizadores e estudantes se achegaron ao Fórum Carballo, chega o II Foro da Formación e a empresa, unha guía de recursos formativos enfocada ao mercado laboral, con toda a información sobre cursos, novas especialidades laborais, apoio a empresas e emprendedores, etc., posta a disposición do alumnado de Secundaria de Carballo e da comarca. Trátase, en verbas do Concelleiro de Formación e Emprego, Marcos Trigo, "dun escaparate para que o alumnado coñeza máis sobre as súas opcións laborais de futuro", nun foro organizado polo Concello de Carballo, Axober, a EFA Fonteboa e os IES Monte Neme, Alfredo Brañas e Isidro Parga Pondal de Carballo. Está prevista a presenza de arredor de 30 institucións educativas, que van dende as Escolas Oficiais de Idiomas (EOI) de Carballo e A Coruña ata as Universidades de Vigo, Santiago e A Coruña, pasando pola UNED, o Centro Superior de Hostalería de Galicia, Aspaber, a Escola de Arte Superior e Deseño Mestre Mateo ou IES como o Eusebio da Guarda da Coruña, o Agra de Raíces de Cee, ou o de Ponteceso, entre outros moitos. Unha cita deseñada dende primeiros de curso que pretende explicar a oferta educativa dos centros de formación profesional da comarca e de Galicia e, sobre todo, "coa finalidade última da integración socio laboral", segundo o Alcalde, Evencio Ferrero.

Os "Contos de Taberna" chegan a 14 establecementos coa axuda de 27 artistas para dinamizar a cultura e a hostalería

DO 23 DE ABRIL, DÍA DO LIBRO, AO 17 DE MAIO, DÍA DAS LETRAS

Os "Contos de Taberna" chegan a 14 establecementos coa axuda de 27 artistas para dinamizar a cultura e a hostalería

Luns 21 de abril do 2014

Chegan a Carballo os "Contos de Taberna", unha iniciativa dos departamentos de Turismo e Normalización Lingüística que ten como obxectivo dinamizar a hostalería da vila dende unha perspectiva cultural. Entre o 23 de abril, Día do Libro, e o 17 de maio, Día das Letras, un total de 14 locais hostaleiros do centro carballés participan nesta actividade coa que se repartirán entre os clientes relatos relacionados con cada un deses establecementos, realizados por escritores da zona e ilustrados por algún artista local. Para coleccionar estes relatos, os carballeses e carballesas deberán realizar unha consumición mínima de 15 euros nas tabernas e tascas; ou consumir tres almorzos (a través dun bono que se irá cuñando) nalgunha das cafetarías participantes. Terán dereito entón a recibir un destes relatos, nun formato especial, para poder coleccionalos. Para quen consigan os 14, está reservada unha presentación cunha caixa para poder gardalos todos. Ademais, para dinamizar a iniciativa, a partir do 29 de abril cada local participante acollerá unha presentación do seu relato coa participación do autor/a e ilustrador/a correspondente. A Concelleira de Cultura, Mar Eirís, quere agradecer a colaboración dos locais nesta proposta, e o Alcalde, Evencio Ferrero, subliña a presenza de autores xa consagrados e moi coñecidos, como Xurxo Borrazás, coa de outros máis noveis pero que xa teñen amosado a súa valía.

Luz verde para o expediente do contrato administrativo de "Servizos bibliotecarios municipais do Concello de Carballo"

O IMPORTE DA ADXUDICACIÓN ROLDA OS 320.000 EUROS

Luz verde para o expediente do contrato administrativo de "Servizos bibliotecarios municipais do Concello de Carballo"

Luns 21 de abril do 2014

A Xunta de Goberno Local, reunida en sesión ordinaria, vén de aprobar o expediente do contrato administrativo de "Servizos bibliotecarios municipais do Concello de Carballo". O orzamento de contrata ascende a 319.440 euros e o período de duración inicial é de tres anos prorrogables, por mutuo acordo das partes, por un ano máis mediante prórroga anual. O sistema é o de procedemento aberto con varios criterios de adxudicación, entre os que se atopan a valoración do mellor proxecto técnico para a prestación do servizo, con ata 50 puntos; a mellor proposta económica, con ata 50 puntos; e o incremento por número de horas de servizo e o mellor prezo da hora extraordinaria con ata 10 puntos cada un. O orzamento anual do contrato sería de 106.480 euros. O novo edificio da Biblioteca Municipal leva un tempo rematado e agora o Concello emprende a dotación do persoal necesario para poder abrir o servizo. Hai que lembrar que este edificio conta con soto, planta baixa e un andar, ademais dun amplo patio interior. Trátase dun espazo público que contará numerosos servizos, ademais da almacenaxe e empréstito de libros. O soto conta cun arquivo con capacidade para máis de 3.000 libros, e os outros dous andares albergan a zona de uso para os veciños e veciñas. Así mesmo, hai un espazo que permite desenvolver actividades para os nenos e nenas ao aire libre e unha sala multiusos con bancadas para poder realizar recitais ou contacontos.

Xa hai rexistrados máis de 140 inscritos para participar na IV Carreira Popular 10 Km Concello de Carballo

ABERTO O PRAZO DE ANOTACIÓNS ATÉ O 8 DE XUÑO

Xa hai rexistrados máis de 140 inscritos para participar na IV Carreira Popular 10 Km Concello de Carballo

Mércores 16 de abril do 2014

Nestes momentos xa hai máis de 140 inscritos -a maioría en categoría sénior- para participar na IV Carreira Popular 10 Km Concello de Carballo, que terá lugar o próximo 15 de xuño a partir das 10.00 horas polas vías e rúas do municipio. Dende o martes 1 de abril e até o 8 de xuño está aberto o prazo para anotarse. As categorías dispoñibles son Alevín, Infantil, Cadete, Benxamín, Xuvenil, Promesa, Sénior e Veteranos. As inscricións son persoais, intransferibles, e gratuítas supoñendo a aceptación de todo o disposto no regulamento da proba e incluíndo o servizo de seguro ao que obrigan os preceptos legais. Excepcionalmente, se non se chegase ao número máximo de 750 atletas na suma de categoría júnior, promesa, sénior e veteranos, poderase decidir a admisión de inscricións ate o mércores 11 de xuño ás 12.00 horas. As formas e lugares de inscrición son: na web www.carballo.org, no enlace creado ao respecto e que está dispoñible clicando aquí; na web www.championchipnorte.com; e pode obterse máis información sobre a proba e asesoramento para a inscrición presencial: nas oficinas do Concello de Carballo "Carballo Deporte" situadas na rúa Corcubion s/n e no teléfono 981 702 109.

O I Festival Carballo InterPlay premiará ás mellores webseries e transformará Carballo nun lugar de debate sobre o audiovisual

ENTRE O 24 E O 27 DE ABRIL NO FÓRUM E NO PAZO DA CULTURA

O I Festival Carballo InterPlay premiará ás mellores webseries e transformará Carballo nun lugar de debate sobre o audiovisual

Luns 14 de abril do 2014

Quedan menos de 10 días para que Carballo se transforme nun espazo de debate para os creadores do audiovisual e no centro neurálxico para o sector das webseries de toda España. Ocorrerá durante o I Festival Carballo InterPlay (CIP), o primeiro festival de webseries que se celebra no estado e que ocupará o Pazo da Cultura e o Fórum Carballo do 24 ao 27 de abril. Durante catro días o Pazo da Cultura será o escenario no que se proxectarán as 35 webseries que participan na sección oficial, escollidas entre unha escolma de 104 presentadas, mais no Fórum Carballo haberá espazo para actividades paralelas como unha mesa redonda, unha masterclass, a presenza de Xosé Touriñán que exporá as súas referencias audiovisuais ou incluso dúas sesións vermú con djs. A programación complétase con dous concertos na Sala Dublín o venres 25 e o sábado 26 de abril. Ademais, o festival acolle a presentación da webserie realizada en Carballo durante un obradoiro celebrado nas fins de semana de marzo no que participaron 20 mozos e mozas baixo a supervisión de Javi Camino, de Magnetova Material. Entre todos crearon "Toñito, ti es especial", que poderá verse o xoves 24. O Concelleiro de Promoción Económica, Xose Regueira, quixo subliñar que o sector audiovisual "é un sector económico máis que hai que ter en conta" e desexou que o festival acabe tendo "continuidade no tempo".

Sinatura do contrato de "Asistencia técnica para a redacción do Plan Director de Abastecemento do Concello de Carballo"

PREZO DE ADXUDICACIÓN DE 72.000 EUROS

Sinatura do contrato de "Asistencia técnica para a redacción do Plan Director de Abastecemento do Concello de Carballo"

Luns 14 de abril do 2014

A Casa do Concello de Carballo vén de acoller o acto de sinatura do contrato do servizo de "Asistencia técnica para a redacción do Plan Director de Abastecemento do Concello de Carballo". Estiveron na cita o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e un representante da empresa adxudicataria, GIGA, Gabinete de Ingeniería SL. O importe da adxudicación con IVE é de 72.418,50 euros e o prazo de execución previsto é de cinco meses e quince días. Este contrato enmárcase dentro dos estudos que está realizando o Concello para elaborar un Plan Director de Abastecemento. Así, a fins do ano 2014 vence a concesión que xestiona a rede de saneamento do Concello de Carballo, nestes momentos en mans da empresa Viaqua, e, ante a necesidade de convocar un novo concurso, o Concello considera necesario realizar unha serie de estudos que permitan definir o sistema de saneamento e con elo as accións e investimentos que será necesario acometer durante o período da nova concesión. Ante esta situación, o Concello licitou este contrato coa finalidade de redactar un Plan Director de Saneamento, o cal debe reflectir a problemática existente a nivel local en materia de saneamento e servir de documento básico que permita planificar as futuras actuacións e inversións. Co desenvolvemento deste plan de saneamento local definiranse medidas que contribuirán á mellora da calidade das augas e a consecución de un bo estado ecolóxico de acordo aos principios da Directiva Marco da Auga.

A Aula Municipal de Gravado expón o resultado do traballo dos 20 creadores que participaron das ensinanzas de Manuel Facal

A MOSTRA: ATÉ O 11 DE MAIO NO ANDAR -1 DO PAZO DA CULTURA

A Aula Municipal de Gravado expón o resultado do traballo dos 20 creadores que participaron das ensinanzas de Manuel Facal

Venres 11 de abril do 2014

Coa finalidade de fomentar a creación cultural entre os artistas locais, o Concello de Carballo puxo en marcha en novembro de 2013 unha Aula Municipal de Gravado coa que dar a coñecer esta técnica artística. O taller estivo impartido durante varias semanas baixo a dirección do recoñecido artista e gravador carballés Manuel Facal que, segundo el mesmo asegura, está "contento por ter acadado un resultado que ten moita dignidade", xa que considera que os traballos realizados polos 20 participantes na actividade "teñen moi bo nivel". Por este motivo, o Concello reúne agora 20 obras realizadas na aula por estes 20 creadores nunha exposición no andar -1 do Pazo da Cultura. O seguinte paso na andaina da Aula de Gravado sería "darlle continuidade" ao proxecto, en verbas de Manuel Facal, que quixo agradecer a oportunidade ofrecida polo Concello de impartir o taller e que ofreceu a súa axuda aos artistas da Aula "para calquera cousa" que precisen no futuro. Os 20 creadores que expoñen o seu traballo son: Alejandro Vázquez, Andrés Rey Mancebo, Antón Díaz Sánchez, Antonio Taracido García, Cristina Castro Santiago, Emilia Rodríguez de las Heras, Eva Facal, Isa Fernández, José Manuel Rama Edreira, Luis González (Yiyi), Manuel Eirín, Milagros Cotelo, Mon Lendoiro, O'Miguelo, Pedro Tasende, Raúl González Herrera, Rosa Rial Lema, Santi Picos Díaz, Santiago Castro Taibo e Viki Rivadulla.

Compartir: