Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
A Bolsa de Traballo Municipal imparte un Curso de competencias clave do que se benefician 40 usuarios e usuarias da BDT

A PARTIR DO LUNS 24 DE MARZO NO FÓRUM CARBALLO

A Bolsa de Traballo Municipal imparte un Curso de competencias clave do que se benefician 40 usuarios e usuarias da BDT

Venres 21 de marzo do 2014

A Bolsa de Traballo Municipal (BDT) imparte a partir do luns 24 de marzo un Curso de competencias clave ao que asistirán 40 usuarios e usuarias da BDT de forma gratuíta. O obxectivo desta acción formativa é o de preparar aos asistentes para o exame de competencias clave de nivel 2 que a Xunta organiza en Silleda o 24 de maio nas materias de lingua galega, lingua española e matemáticas. Este exame deben realizalo aquelas persoas con formación inferior á da ESO (Ensinanza Secundaria Obrigatoria) que queiran optar aos novos Certificados de Profesionalidade ou acceder á formación que ofrece o SEPE (Servizo Público de Emprego Estatal). Arredor de 80 usuarios e usuarias da BDT solicitaron a realización do curso, mais tivo que realizarse unha selección polo que ao final se benefician 40 persoas. O horario do curso é de luns a venres de 16.30 a 20.30 horas ata o 23 de maio e o alumnado está dividido en dous grupos de 20 persoas cada un para matemáticas e lingua española; e nun grupo de 27 persoas para lingua galega. O motivo é que quen conten co Celga 2 ou con formación de iniciación ou perfeccionamento de lingua galega non teñen que realizar esa proba. Con este curso a BDT continúa coa súa oferta formativa para desempregados, avanzando no seu obxectivo de achegar aos veciños e veciñas ao mercado laboral e axudando a paliar as deficiencias formativas dos demandantes de emprego.

A Casa do Concello acolleu unha Comisión de Urbanismo para falar da elaboración dun Plan director de actuación no centro carballés

O DEBATE XIROU ARREDOR DA CONSTRUCIÓN DUN PARKING SOTERRADO

A Casa do Concello acolleu unha Comisión de Urbanismo para falar da elaboración dun Plan director de actuación no centro carballés

Xoves 20 de marzo do 2014

A Casa do Concello vén de acoller unha xuntanza especial da Comisión de Urbanismo para falar da elaboración dun Plan director de actuación no centro carballés. A comisión constituíuse a raíz dunha moción presentada por TEGA no pasado pleno ordinario do mes de febreiro, e na que se solicitaba que os proxectos e obras que se realicen arredor da Praza do Concello conten co acordo tanto de todos grupos políticos da corporación como das organizacións e asociacións da vila. O principal punto de debate ao longo da xuntanza foi unha vez máis a proposta para a creación dun aparcamento soterrado na Praza do Concello. Durante a reunión, rexeitouse a petición do PP de realizar un estudo de viabilidade, mais saíu adiante a petición formulada por TEGA de que a Oficina Técnica realice un debuxo perimetral no que re reflictan as posibles dimensións do parking. Polo momento non se ten fixado ningunha data para realizar futuras xuntanzas. Nesta, que durou máis de hora e media, estiveron presentes o Alcalde, Evencio Ferrero; a Concelleira de Urbanismo, Milagros Lantes; o Concelleiro de Medio Ambiente, Marcos Trigo; o Concelleiro de Obras, Luís Lamas; os concelleiros do PP Juan Carlos Castro e Ramón Antelo; o concelleiro de TEGA Manuel Andrade; e o concelleiro do PSOE José Antonio Viña. Así mesmo estivo presente o Arquitecto Municipal, Alfredo Garrote, e outros membros da Oficina Técnica así como o Secretario do Concello e a Interventora.

Aberto até o mércores 16 de abril o prazo para participar no Concurso do Cartel Anunciador das Festas de San Xoán 2014

AS PROPOSTAS DEBEN PRESENTARSE NO PAZO DA CULTURA

Aberto até o mércores 16 de abril o prazo para participar no Concurso do Cartel Anunciador das Festas de San Xoán 2014

Mércores 19 de marzo do 2014

A Comisión de Festas acaba de aprobar as bases da Convocatoria do Concurso do Cartel Anunciador das Festas de San Xoán 2014, que se celebrarán entre o 22 e o 29 de xuño (na imaxe o cartel gañador do ano pasado). Poderán participar neste Concurso todas as persoas que o desexen -excepto quen resultaran gañadores nas dúas últimas edicións-, a técnica a utilizar será libre dentro dos límites usuais para permitir unha normal reprodución da imaxe e o cartel realizarase en vertical, cun tamaño que deberá estar comprendido entre 40 e 55 centímetros de base e 55 e 75 centímetros de altura. O gañador recibirá un premio de 450 euros patrocinado por Opticalia Enríquez. O prazo de presentación dos carteis remata o 16 de abril e as propostas deberán entregarse na Concellaría de Cultura, no 1º andar do Pazo da Cultura. O xurado estará constituído por un mínimo de catro membros da Comisión de Festas e un representante do Concello de Carballo. A Comisión de Festas faralle chegar as Bases ás asociacións culturais, institutos e colexios de Carballo e comarca así coma a outras institucións culturais relacionadas co deseño, a pintura e a fotografía de Galicia, para favorecer a participación. Os interesados e interesadas poden descargar as bases do Concurso nun documento en pdf nesta mesma nova.

Rockcarballo reúne a algúns dos grupos máis representativos do municipio nun concerto no Pazo da Cultura

VENRES 21 DE MARZO ÁS 21.00 HORAS

Rockcarballo reúne a algúns dos grupos máis representativos do municipio nun concerto no Pazo da Cultura

Mércores 19 de marzo do 2014

RockCarballo volve ao Pazo da Cultura, un ano máis, para revolucionar a noite da man dos grupos máis representativos do panorama musical carballés. Bandas que a Concellaría de Cultura que dirixe Mar Eirís convoca para realizar un concerto de música de variados xéneros. Parte das agrupacións que están a ensaiar nos locais do Pazo da Cultura e outras, que asinaron o Convenio Musical co Concello de Carballo, concorren nun concerto co obxectivo de promocionar a estes artistas do municipio, integrándoos na programación xeral desta Concellaría. Música para fans do rock&roll, pop, electrónica, garage, e indie ao estilo carballés, nesta única e imprescindible cita con Rockarballo na que contaremos con bandas musicalmente máis alternativas, así como con outras formacións de carácter máis clásico. Grupos veteranos xa consolidados e outros máis noveis comparten escenario para ofrecernos un variado repertorio de estilos. Toda una aposta pola diversidade musical na que versións de cancións xa coñecidas e novos temas conforman o programa desta toma de contacto coa música máis urbana. A cita, que congrega a un total de oito agrupacións, é o venres 21 de marzo ás 21.00 horas no auditorio do Pazo da Cultura e a entrada é libre e gratuíta ata completar aforo.

O CEIP Bergantiños contará con espazo para 225 alumnos e alumnas máis grazas ás obras de ampliación realizadas no centro

O INVESTIMENTO REALIZADO ASCENDIU A 1,14 MILLÓNS DE EUROS

O CEIP Bergantiños contará con espazo para 225 alumnos e alumnas máis grazas ás obras de ampliación realizadas no centro

Martes 18 de marzo do 2014

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, vén de visitar o CEIP Bergantiños da capital municipal onde comprobou o resultado final das obras de ampliación do aulario de Educación Infantil realizadas a través do seu departamento e que supuxeron un investimento de máis de 1,14 millóns de euros. Neste momento, o centro xa está en condición de abrir as súas portas, e grazas a esta ampliación o CEIP Bergantiños conta cunha nova construción, situada na mesma parcela do colexio, que acolle as novas instalacións. Este espazo esta dividido en 9 aulas dispostas arredor dun patio-xardín cuberto con aseos para nenos e nenas, aseo e sala de profesores, un aula de usos múltiples e psicomotricidade, así como as zonas de acceso e almacenamentos. O conselleiro afirmou que "esta nova construción poderá albergar ata a 225 estudantes e dará unha maior e mellor resposta as necesidades tanto das alumnas e alumnos como dos propios docentes". Vázquez Abad recordou que unha vez rematada a obra o centro "podería comezar a funcionar case de xeito inmediato, pero que en principio está previsto, segundo decidiu a dirección do colexio, que sexa para o curso 2014-2015". Neste senso, recordou que "a Consellería continuará a traballar e dotará esta instalación mobiliario preciso que suporá un investimento superior aos 26.000 euros".

"Carballo na memoria" visita o salón parroquial para informar e implicar aos maiores neste proxecto de recuperación histórica

XOVES 20 DE MARZO A PARTIR DAS 20.00 HORAS

"Carballo na memoria" visita o salón parroquial para informar e implicar aos maiores neste proxecto de recuperación histórica

Luns 17 de marzo do 2014

O xoves día 20 de marzo, ás 20.00 horas no salón de actos da Parroquia de Carballo, terá lugar un acto de presentación do proxecto de recompilación de fotografía antiga "Carballo na Memoria". O obxectivo deste acto é iniciar as presentacións deste proxecto á parte da sociedade que ten o coñecemento sobre estas imaxes, os maiores, de tal xeito que se poidan apoiar na xente mais nova á que xa se lle presentou o proxecto e que son os que teñen o coñecemento tecnolóxico. O proxecto pretende axudar á conservación e á posta en valor do patrimonio fotográfico a través de 3 claves. En primeiro lugar, fomentando a dixitalización das fotografías antigas de Carballo; en segundo, engadindo valor a esas imaxes mediante o uso de tecnoloxía de xeolocalización; e, por último, creando unha comunidade interxeracional que aproveite conxuntamente o coñecemento das persoas maiores coas destrezas dixitais dos xoves. A base de "Carballo na Memoria" é unha aplicación web para xeoreferenciar fotografías antigas, pero o verdadeiro valor do proxecto está no uso que se fará dela por parte da comunidade que comentará e valorará as imaxes. Para isto estase realizando un importante traballo offline, de difusión entre a poboación local. Pódese visitar o proxecto no enderezo de Internet <www.carballonamemoria.org>.

Principia o repintado das vías dos traballos de  "Conservación do pavimento en varias rúas do casco urbano de Carballo"

A PARTIR DO DOMINGO 16 DE MARZO

Principia o repintado das vías dos traballos de "Conservación do pavimento en varias rúas do casco urbano de Carballo"

Sábado 15 de marzo do 2014

O Concello de Carballo principia o domingo 16 de marzo pola noite os traballos de repintado da sinalización horizontal das vías que teñen sido melloradas dentro da actuación para a "Conservación do pavimento en varias rúas do casco urbano de Carballo", uns traballos que teñen afectado a un total de 38 rúas, que son as seguintes: Alfredo Brañas, Alexandre Bóveda, Avenida de Bergantiños, Bolivia, Camelias, Carballo Calero, Cervantes, Caravel, Castelao, A Cristina, Cuba, Doutor Fleming, Emilia Pardo Bazán, Emilio González López, Fomento, Gardenias, Gran Vía, Gregorio Marañón, Mirtos, Moreiras, Laracha, Pan, Perú, Ponte da Pedra, Praza de Galicia, Praza de Vigo, Ponte, Ramón Cabanillas, Río Lérez, Río Anllóns, Río Sil, Salgueiro, Severo Ochoa, Tarragona, Vicente Risco, Vila de Cee, Vila de Noia e Xílgaro. O Concello pide desculpas polas posibles molestias ocasionadas aos usuarios e usuarias das vías, especialmente aos residentes, aínda que está previsto que os labores se realicen na súa maior parte polas noites para non interromper o tráfico habitual. O obxectivo da actuación foi a mellora do firme e da seguridade vial no centro carballés. Despois de semanas de choivas, co bo tempo procédese agora a restaurar a sinalización das rúas.

O Concello pon en marcha a campaña Check in Carballo para incentivar as vendas e dinamizar o pequeno comercio da vila

ENTRE O 1 E O 26 DE ABRIL

O Concello pon en marcha a campaña Check in Carballo para incentivar as vendas e dinamizar o pequeno comercio da vila

Venres 14 de marzo do 2014

O Concello de Carballo, co obxectivo de dinamizar o comercio de proximidade, propón o desenvolvemento da campaña Check in Carballo, que a través dos comercios situados na vila, así como de aplicacións (apps) gratuítas e amplamente difundidas, pretende revitalizar o comercio local. Deste xeito preténdense incentivar a compra no pequeno comercio, atraer novos clientes e visitantes aos establecementos, xerar unha maior presenza en Internet dos negocios e deseñar e desenvolver de forma personalizada a plataforma Carballo 2.0. O obxectivo é que os clientes e visitantes entren nos comercios de Carballo e compartan as súas impresións. A campaña durará do 1 ao 26 de abril, e invítase a toda a cidadanía a participar e conseguir a maior puntuación posible durante eses días no maior número de establecementos posible para poder optar a un premio. A campaña baséase no uso da app móbil gratuíta Foursquare. Durante o tempo que dure o Check in Carballo, o usuario descarga o app e cada vez que entre nun establecemento (os comercios participantes previamente tamén deben introducirse na app) fai un chek-in e deixa a súa impresión. Para o usuario/a, Foursquare convértese nun xogo; durante ese mes, cada vez que entra nun establecemento adherido vai sumando puntos, desbloqueando medallas, chegando a ser o que máis puntos ten e tratando de conseguir o premio.

O equipo do IES Parga Pondal de Carballo gaña a fase de zona do Club de Debate que se celebrou en Teo

A FINAL: O 26 DE ABRIL EN FERROL

O equipo do IES Parga Pondal de Carballo gaña a fase de zona do Club de Debate que se celebrou en Teo

Venres 14 de marzo do 2014

Na fase clasificatoria da zona de Compostela do Club de Debate que tivo lugar o venres 14 de marzo no Concello de Teo, as rapazas e rapaces do IES Parga Pondal, de Carballo, e do IES Plurilingüe de Ames, foron os clasificados en primeiro e segundo lugar, respectivamente, e pasan á final galega que terá lugar o 26 de abril en Ferrol. "Nós, á nosa idade, o único que temos que facer é estudar e pasalo ben". Ese foi o tema sobre o que os oito equipos participantes tiveron que debater ao longo de todo o día no salón de plenos do Concello de Teo, na fase clasificatoria do Club de Debate galego. A xornada comezou xa ás nove da mañá e, desde ese momento e ata o final da xornada, as cadeiras do salón de plenos do Concello de Teo estiveron copadas por rapazas e rapaces que argumentaron tanto a postura a favor como en contra, en oito debates en que se foron enfrontando os institutos Antón Fraguas e Rosalía de Castro, de Compostela, Isidro Parga Pondal, de Carballo, IES Plurilingüe de Ames e IES de Cacheiras. De cada debate, o xurado, composto por lingüistas, xornalistas e xuristas, emitiu unha puntuación coa que se conformou a clasificación final, que quedou encabezada polo IES Isidro Parga Pondal, de Carballo, que recibiu como agasallo un vale de 500 euros para material cultural en galego.

Continúan as accións de Promoción Económica para incentivar a hostalería e o comercio e favorecer a formación turística

CAMPAÑA "COMPRA E TAPEA" E NOVOS CURSOS FORMATIVOS

Continúan as accións de Promoción Económica para incentivar a hostalería e o comercio e favorecer a formación turística

Venres 14 de marzo do 2014

A Concellaría de Promoción Económica que dirixe Xosé Regueira continúa con accións detinadas a favorecer o comercio, a hostalería e o turismo no municipio. Así, o Barrio da Milagrosa acolle a partir do sábado 15 de marzo a actividade "Compra e tapea", que durará ata o 30 de marzo. Esta actividade busca incentivar a hostalería e o comercio do Barrio da Milagrosa mediante o regalo de bonos entre os clientes. Con cada compra de 20 euros ou máis que se faga nun comercio adscrito á actividade se agasallará cun vale para unha tapa a degustar nos locais de hostalería do barrio. E, se pola contra, se consume nalgún dos bares, cafeterías casas de comidas ou hostais integrados no programa un mínimo de 20 euros, conseguirase un bono de desconto do 10 por cento en compras de entre 20 e 200 euros nos comercios da zona. A iniciativa encádrase dentro do programa de actividades "Quedamos en Carballo". E seguindo coas actividades formativas, a partir do luns 17 de marzo continúan as acción programadas para os meses de marzo e abril para os traballadores e empresas do sector turístico. Estes cursos estanse a impartir no Forum Carballo en horario de tarde e os próximos son os seguintes: Folla de servizo, Organización do departamento de Aloxamento, Comercialización e deseño de cartas de Restaurante e Carta comercial.

"Coñece o teu Concello" chega por cuarto ano consecutivo para promover o ciclismo e o patrimonio do municipio carballés

NAS TARDES DOS SÁBADOS DE MARZO E O PRIMEIRO DE ABRIL

"Coñece o teu Concello" chega por cuarto ano consecutivo para promover o ciclismo e o patrimonio do municipio carballés

Xoves 13 de marzo do 2014

O ciclo de rutas en bicicleta "Coñece o teu Concello" cumpre catro anos fomentando o deporte do ciclismo e dando a coñecer o patrimonio cultural e paisaxístico do municipio da man do Club Ciclista Carballo Placasa e coa colaboración da administración local e de Carballo Deporte. Dende o Club, Juan Seoane lembra que a actividade naceu para dar a coñecer o concello, pero tamén para promover o uso da bicicleta, non só no pobo, senón tamén nas parroquias. Nesta cuarta edición o programa conta de novo con catro rutas, aínda que se optou por eliminar o percorrido que até o de agora se viña realizando pola zona costeira debido á súa dureza, non axeitada para os participantes máis novos. Así, o obxectivo é que as rutas poidan realizalas veciños e veciñas, tanto de Carballo, como de concellos da contorna, a partir de 10 anos. As rutas transcorren entre o sábado 15 de marzo e o domingo 5 de abril e contan cunha media de lonxitude de aproximadamente 20 quilómetros para facelas alcanzables para o maior número posible de afeccionados á bicicleta. Os interesados e interesadas en asistir tan só teñen que presentarse na Praza do Concello cada sábado que haxa ruta a partir das 16.00 horas e inscribirse no momento. A participación é de balde.

Carballo acolle un All Star de Billarda que congregará a expertos, afeccionados e curiosos nas pistas do Chorís

SÁBADO 15 DE MARZO A PARTIR DAS 15.30 HORAS

Carballo acolle un All Star de Billarda que congregará a expertos, afeccionados e curiosos nas pistas do Chorís

Xoves 13 de marzo do 2014

Carballo é o escenario o sábado 15 de marzo da celebración do All Star de Billarda que congregará a expertos de toda Galicia nas pistas do Chorís. A cita, organizada pola Liga Nacional de Billarda coa colaboración do Concello de Carballo, está aberta a que calquera afeccionado ou simplemente calquera persoa interesada neste xogo tradicional poida participar e aprender un pouco máis sobre esta disciplina que non hai tantos anos se practicaba de cotío polas rúas da vila. Así, segundo explica o carballés Sergio Caamaño, integrante da Liga e membro da organización, este All Star está pensado como un espazo "lúdico e de exhibición", no que os máis expertos participarán nun Concurso de triples e mates a partir das 15.30 horas, para despois celebrarse o Aberto all star no que calquera pode participar. Ademais, haberá unha zona destinada a dar a coñecer o xogo na que os interesados e interesadas poderán probar a súa habilidade. Caamaño asegura que en competencias oficiais en Galicia na actualidade participan arredor de 600 persoas de todas as idades, tanto homes como mulleres, "xa que é un deporte moi integrador", no que, ademais, "as capacidades físicas non son determinantes", podendo xogarse incluso en cadeira de rodas. O obxectivo fundamental deste All Star de Billarda, en todo caso, segundo Caamaño, é recuperar o coñecemento do xogo na vila e tentar "darlle pulo" de cara ao futuro.

Compartir: