Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
Rapazas e rapaces de Carballo participan no Concello de Teo na fase de zona do Club de Debate galego

COMPITEN 80 ESTUDANTES DE OITO EQUIPOS

Rapazas e rapaces de Carballo participan no Concello de Teo na fase de zona do Club de Debate galego

Xoves 13 de marzo do 2014

Arredor de oitenta estudantes de oito equipos diferentes participan o venres 14 de marzo na Casa do Concello de Teo na fase de zona do Club de Debate. Entre eles/as, nove rapaces e rapazas do IES Parga Pondal de Carballo. Debaterán sobre se "Nós, á nosa idade, o único que temos que facer é estudar e pasalo ben". Os concellos participantes nesta fase de zona do Club de Debate son Ames, Carballo, Santiago de Compostela, Rois e Teo, que teñen acordada a rotación das actividades polas diferentes localidades e, nesta terceira edición, levaron á sede municipal de Teo, na Ramallosa, a sesión na que os equipos terán que presentar argumentos a favor e en contra do tema proposto. A xornada comeza ás 9.00 coa presentación, e continúa nunha apertada axenda cos oito debates que enfrontarán aos equipos procedentes dos institutos Antón Fraguas e Rosalía de Castro, de Compostela, Isidro Parga Pondal, de Carballo, IES Plurilingüe de Ames e IES de Cacheiras, de Teo. De cada debate, o xurado, composto por lingüistas, xornalistas e xuristas, deberá emitir unha puntuación coa que se conforma a clasificación final e cuxos dous primeiros equipos recibirán como agasallo material cultural por valor de 500 e 300 euros respectivamente. Estes dous clasificados irán competir co resto dos equipos procedentes das zonas de Ferrol, O Carballiño e Pontevedra, o día 26 de abril na cidade de Ferrol.

Os Venres Culturais volven con dúas citas teatrais: "As do peixe" de Cándido Pazó e os monicreques de "O Kikiroxote"

VENRES 14 E DOMINGO 16 DE MARZO

Os Venres Culturais volven con dúas citas teatrais: "As do peixe" de Cándido Pazó e os monicreques de "O Kikiroxote"

Mércores 12 de marzo do 2014

Logo das festas de Entroido, o Pazo da Cultura retoma as actividades dos Venres Culturais 2014 con dúas propostas, unha o venres 14 e outra En Familia para o domingo 16 de marzo. O venres visita Carballo unha das obras máis esperadas e de máis éxito da tempada teatral en Galicia: "As do peixe" (na imaxe). O argumento desta historia xira arredor de Conchi, Begoña, Lisa e Tere que se xuntan nun espazo público dedicado á memoria das conserveiras. Logo de que a fábrica de conservas pechara, tratan de lembrar o seu pasado laboral e o de tantas outras mulleres. Esta viaxe vai ligada á recuperación da súa memoria, de momentos claves dos anos na fábrica, das súa traxectoria persoal e dun xeito de vivir. As súas vidas e as de moitas mulleres pasarán por diante delas facéndolles revivir o pasado e enfrontarse a un presente cheo de incertezas. "As do peixe" é unha viaxe a través da memoria, unha crónica das mulleres traballadoras da conserva. Baseada en testemuñas reais da vida nas fábricas a partir dos anos setenta, recollidas polas actrices, e contada desde o momento actual por Cándido Pazó, que crea unha obra divertida, intensa, reflexiva, fresca e bulideira porque así eran aquelas mulleres. A función está prevista para as 21.00 horas no Pazo da Cultura e o prezo da entrada ordinaria é de 4 €, mentres que o prezo con desconto para estudantes ou maiores de 65 anos, é de 3 €.

O proxecto "Derrubando muros con pintura" entra nunha nova fase despois de rematarse o mural da glorieta da Rúa Sol

PRÓXIMAS ACTUACIÓNS NA RÚA BAIXA OU NAS CATRO PORTAS

O proxecto "Derrubando muros con pintura" entra nunha nova fase despois de rematarse o mural da glorieta da Rúa Sol

Martes 11 de marzo do 2014

As creadoras Roberta Venanzi (Roma) e Paula Fraile (Guadalaxara) veñen de rematar o mural artístico situado na glorieta entre as rúas Sol e Vila de Negreira (na imaxe) e comeza agora unha nova etapa dentro da iniciativa "Derrubando muros con pintura", posta en marcha pola Concellaría de Promoción Económica que dirixe Xosé Regueira. Despois de ter que esperar varias semanas por mor das continuas choivas, Venanzi e Fraile remataron á fin o primeiro mural do proxecto e contarán a partir de agora coa colaboración de artistas locais -como Lidia Cambón, Mon Lendoiro ou Emi de las Heras- para seguir insuflando nova vida ás rúas carballesas. A escola unitaria de Arrabales, no barrio da Milagrosa, a traseira da vella estación de autobuses e a zona das Catro Portas, na confluencia da rúa Baixa coa Valle Inclán e a Vázquez de Parga, serán o seguinte destino de pinturas e pinceis. "Derrubando muros con pintura" é unha proposta que pretende mellorar a faciana da contorna urbana da vila a través de murais artísticos pintados en distintas paredes e muros ca capital municipal. A proposta está incluída no programa "Quedamos en Carballo" unha iniciativa máis ampla da Concellaría de Promoción Económica pensada para dinamizar a hostalería e o pequeno comercio da vila. De feito, cando os murais estean rematados, elaborarase un catálogo coas distintas obras destinado ao comercio e á hostalería cunha ficha sobre o mural e os autores e autoras.

A Asociación Senda Nova pon en marcha unhas "Xornadas de interpretación dos bosques" en defensa da fraga atlántica

O DOMINGO 16 DE MARZO CONMEMÓRASE O DÍA DA ÁRBORE

A Asociación Senda Nova pon en marcha unhas "Xornadas de interpretación dos bosques" en defensa da fraga atlántica

Martes 11 de marzo do 2014

A Asociación Ambiental Senda Nova pon en marcha, con gallo do Día da Árbore que se celebra o domingo 16 de marzo, unhas "Xornadas de interpretación dos bosques" co obxectivo de defender o bosque atlántico e apostar polo coñecemento para a valoración e a protección do patrimonio natural máis próximo. Charlas, saídas ao monte e xornadas de plantación de árbores son algunhas das citas que se desenvolven entre o 10 e o 30 de marzo. Segundo Senda Nova, a flora maior autóctona atópase en clara regresión dende hai décadas, sendo moitos os factores que inflúen en que as manchas de bosque autóctono que sobreviven hoxe en día sexan lugares de visita obrigada para a interpretación dos valores da flora atlántica. Durante estas xornadas, a asociación tentará achegar aos e ás participantes varias das fragas que mellor representan esta vexetación na Costa da Morte, entre elas a Ribeira da Pena. Tamén ten cabida o bosque atlántico máis occidental con "As fragas do Eume". O domingo 16 repítese, así mesmo, unha actividade xa tradicional en Senda Nova, a celebración do Día da Árbore a través da plantación e apadriñamento de especies autóctonas de man da poboación máis nova, que adoita congregar a numesosos veciños e veciñas.

Ferroser-Ferrovial cumpre un mes como concesionaria do alumeado público e rexistra 400 avisos por mor dos temporais

A UTE AGRADECE A PACIENCIA E COLABORACIÓN DOS VECIÑOS E VECIÑAS

Ferroser-Ferrovial cumpre un mes como concesionaria do alumeado público e rexistra 400 avisos por mor dos temporais

Luns 10 de marzo do 2014

A Unión Temporal de Empresas (UTE) formada por Ferroser e Ferrovial cumpre hoxe, 10 de marzo, un mes dende que asumiu o servizo de mantemento do alumeado público do Concello carballés de acorco co contrato mixto de "Servizos enerxéticos e mantemento con garantía total das instalacións de alumeado público exterior". O inicio desta actividade vén de coincidir cunha serie de cicloxéneses explosivas, Stephanie o domingo 9 de febreiro, seguida de Ulla e Christina (afectando esta última en menor medida), que xeraron un masivo rexistro de incidencias, nunca antes acumuladas neste municipio en tan curto período de tempo. Ao longo destas primeiras catro semanas atendéronse máis de 400 avisos, acumulándose na primeira quincena case o 75 por cento dos mesmos. Nos últimos días recobrouse a normalidade, reflectíndose no bo funcionamento dos sistemas de alumeado do Concello e rexistrándose exclusivamente incidencias debidas á fin da vida útil de puntos de luz. Por todo o anterior, os responsables da UTE formada por Ferroser e Ferrovial queren transmitir á poboación do Concello de Carballo a súa gratitude ante a paciencia demostrada polos numerosos problemas que se xeraron nas instalacións do alumeado público dende a posta en marcha do servizo o pasado 10 de febreiro de 2014, correspondentes á denominada Fase 1 do contrato.

Adxudicadas as obras de "Rebacheo e mellora da rodadura en varios camiños das parroquias de Oza, Entrecruces e Rus"

LUZ VERDE PARA A IV CARREIRA POPULAR 10 KM CONCELLO DE CARBALLO

Adxudicadas as obras de "Rebacheo e mellora da rodadura en varios camiños das parroquias de Oza, Entrecruces e Rus"

Luns 10 de marzo do 2014

A Xunta de Goberno Local, reunida en sesión ordinaria, vén de aprobar a adxudicación do contrato administrativo de obras de "Rebacheo e mellora da rodadura en varios camiños das parroquias de Oza (na imaxe, a Igrexa parroquial), Entrecruces e Rus no Concello de Carballo", un proxecto incluído no Plan provincial de Cooperación ás Obras e Servizos de competencia municipal, POS adicional, de 2013. O orzamento de licitación era de 44.987,26 euros, mentres que os traballos foron adxudicados por 44.672,35 euros (IVE incluído) á empresa Construcciones Alejandro Martínez e Hijos SL. O prazo de execución dos traballos é de tres meses a contar dende o día seguinte á sinatura da acta de replantexamento. No apartado de contratación, a sesión tamén supuxo a aprobación do expediente do contrato administrativo de "Subministro, por renting, de oito copiadoras con destino ás oficinas municipais do Concello de Carballo", o procedemento é aberto con varios criterios de adxudicación. O prezo do contrato é de 99.316,80 euros (IVE incluído) que deberá pagarse en 48 mensualidades. En canto ao prezo máximo por copia, establécese na copiadora dixital a cor en 0,12 céntimos para as copias en cor e en 0,016 para as copias en branco e negro. Nas copiadoras en monocromo o prezo máximo por copia sería de 0,014 céntimos de euro.

O "síndrome de Nagali" de José Navas Aranda e a historia fotoxornalística de 2013 enchen de imaxes o Pazo da Cultura

NO ANDAR -1 E NO 3º ANDAR ATÉ O 6 DE ABRIL E 19 DE MARZO

O "síndrome de Nagali" de José Navas Aranda e a historia fotoxornalística de 2013 enchen de imaxes o Pazo da Cultura

Venres 7 de marzo do 2014

O Pazo da Cultura de Carballo acolle durante os próximos días dúas exposicións ben diferentes, centradas na pintura e na fotografía. A primeira delas é do creador coruñés José Navas Aranda, que presenta "Cores: síndrome de Nagali". Segundo explica o artista, a idea parte deste síndrome que denomina ás persoas que non teñen pegadas dactilares. Así, Navas subliña que a idea é a de "buscar o erro" nas imaxes impresas e "converter unha imaxe en serie nunha imaxe única". Deste xeito, o autor reflicte unha volta á orixe, pervertendo a propia tecnoloxía que representa a lóxica. Escapar do azar e a frialdade fronte ao impulso. Tratar de desdibuxar a realidade para facela, con este proceso, máis comunicativa, recobrando os efectos pictóricos sensibles. O artista plástico herculino José Navas é licenciado en Belas Artes e Master en Arte Contemporáneo, investigación e creación. Ten realizado mostras en España, Portugal e Reino Unido, e foi distinguido con varios recoñecementos en Porto, así como co Premio de Escultura Leonardo Martínez da Asociación Española de Pintores e Escultores. A mostra está composta por 21 obras de gran colorido, estética propia e gran forza expresiva. Parte de imaxes reais captadas da natureza que mediante un proceso que combina aspectos dixitais e manuais vanse transformando.

Carballo pon en marcha a primeira Plataforma de Teleformación municipal de Galicia para ofrecer cursos online á cidadanía

PRIMEIRA ACTIVIDADE: "NOVAS TECNOLOXÍAS PARA O EMPRENDEMENTO"

Carballo pon en marcha a primeira Plataforma de Teleformación municipal de Galicia para ofrecer cursos online á cidadanía

Venres 7 de marzo do 2014

O Concello de Carballo vén de poñer en marcha a primeira Plataforma de Teleformación de Galicia xestionada por unha entidade municipal e dispoñible a través da páxina web <www.carballoformacion.org>. Esta nova ferramenta permitirá ofertar cursos tanto a traballadores municipais, como á cidadanía en xeral e ao tecido empresarial carballés na modalidade online, para que cada quen poida aproveitar as accións formativas dende a súa casa ou dende calquera lugar que conte con conexión a Internet. Segundo explica o Concelleiro de Promoción Económica, Xosé Regueira, esta ferramenta estaba sendo "moi demandada" polos veciños e veciñas e dende a administración local esperan "que teña moita aceptación" e que a xente teña así a oportunidade de formarse "a través dos tempos que elixan dende a súa casa". Xa está dispoñible o primeiro curso titulado "Novas tecnoloxías para o emprendemento". Os interesados e interesadas en inscribirse poden facelo, de forma gratuíta, dende hoxe 7 de marzo e até o venres 14 do mesmo mes, a través de <www.carballoportaaberta.org> no apartado "Tramitar por Internet" clicando en "Teleformación: novas tecnoloxías e emprendemento" (non é necesario ter contrasinal). O curso é gratuíto e de libre acceso para a cidadanía e ten un máximo de 45 prazas. Aceptarase aos participantes por orde de inscrición.

Vinte mozos e mozas carballeses participan no Taller de webseries que ten lugar no marco do festival Carballo InterPlay

A ACTIVIDADE ARRINCA O SÁBADO 8 DE MARZO NO FÓRUM

Vinte mozos e mozas carballeses participan no Taller de webseries que ten lugar no marco do festival Carballo InterPlay

Venres 7 de marzo do 2014

Un total de vinte mozos e mozas carballeses de entre 16 e 35 anos participarán dende o sábado 8 de marzo no Taller de Webseries que ten lugar no marco do I Festival Carballo InterPlay (CIP). Despois do remate do prazo de inscrición o luns 3 de marzo, cubríronse todas as prazas ofertadas, o que amosa a boa acollida desta iniciativa. Este obradoiro do CIP é unha actividade gratuíta que pretende achegarlles aos e ás participantes os conceptos básicos para realizar unha serie web, dende a idea orixinal, pasando polo proceso de desenvolvemento do guión, produción, rodaxe e montaxe. O obxectivo é a creación dunha webserie composta por cinco capítulos cunha temática que xire arredor do Concello de Carballo. A presentación da devandita webserie farase dentro da programación do CIP, que terá lugar entre o 24 e o 27 de abril. O taller será impartido polo director Javi Camino (na imaxe), da produtora Magnetova Material, creador e director, entre outras cousas, da serie web "El viúdo quiere mimos". O taller desenvolverase durante as mañás das fins de semana de marzo, os días 8, 15, 22 e 29 en horario de 10.00 a 14.00 horas no Forum Carballo. A sesión inaugural está previsto que teña lugar o sábado 8 a partir das 10.00 horas, no horario habitual, e está prevista a presenza na cita do Concelleiro de Promoción Económica e Turismo, Xosé Regueira.

Carballo conmemora o Día Internacional da Muller cun encontro titulado "O mundo laboral das mulleres de Bergantiños"

VENRES 7 DE MARZO NO PAZO DA CULTURA

Carballo conmemora o Día Internacional da Muller cun encontro titulado "O mundo laboral das mulleres de Bergantiños"

Mércores 5 de marzo do 2014

A Concellería de Igualdade e Benestar que dirixe Inés Rodríguez, a través do Centro de Información á Muller de Carballo (CIM), conmemora o 8 de marzo, Día Internacional da Muller, cun encontro centrado en abordar "O mundo laboral das mulleres de Bergantiños". Durante a cita, un grupo de aproximadamente corenta mulleres intercambiarán a súas experiencias laborais e falarán sobre a situación actual do mercado de traballo. O acto está programado para o venres 7 de marzo no segundo andar do Pazo da Cultura entre as 17.00 e as 19.00 horas. O día 8 de marzo é unha data recoñecida polas Nacións Unidas. Neste día conmemórase a loita da muller pola súa participación a prol da igualdade có home na sociedade e da súa realización integral como persoa. O Día Internacional da Muller é, cada vez máis, unha ocasión para reflexionar sobre os avances conseguidos, esixir cambios e celebrar os actos de valor e decisión de mulleres comúns que teñen desempeñado unha función extraordinaria. Aínda queda moito por acadar en canto ás diferenzas salariais e polo que se refire aos postos de responsabilidade, mais a loita das mulleres continúa a favor de acadar a igualdade. O Concello de Carballo, a través deste acto, pretende reflexionar sobre os cambios que son necesarios e sobre a situación actual da muller no mundo do traballo.

O Enterro da Sardiña pecha o Entroido 2014 despois dun desfile no que trunfaron os disfraces inspirados nos Estados Unidos

REPARTÍRONSE MÁIS DE 6.500 EUROS ENTRE PREMIOS E SUBVENCIÓNS

O Enterro da Sardiña pecha o Entroido 2014 despois dun desfile no que trunfaron os disfraces inspirados nos Estados Unidos

Martes 4 de marzo do 2014

O Enterro da Sardiña pon o martes 4 de marzo o punto e final ao Entroido 2014 nunha tarde na que os maiores tamén teñen a súa festa. Así, a primeira das citas do día ten lugar no Pazo da Cultura a partir das 18.00 horas e é a xa tradicional Festa e Baile de disfraces para a Terceira Idade que organiza a Concellaría que dirixe María del Carmen Regueira e que amenizará o "Grupo Libertad". A entrada é gratuíta e a organización anima a todos os asistentes a que o fagan disfrazados. A partir das 18.30 horas a Charanga "Quepasa" realizará un pasarrúas pola vila e tamén acompañárá á comitiva fúnebre que parte da Praza do Concello no Enterro da Sardiña. Esta actividade celebrarase a partir das 21.00 horas e consistirá nunca escenificación da morte da sardiña na Praza do Concello e a continuación un percorrido polas rúas Coruña e Hórreo, Praza de Galicia, Rúa Fomento e Parque do Anllóns, lugar onde se celebrará o enterro. A actividade, na que participan o alumnado da Aula de Teatro Muncipal de Carballo, así como o Grupo de Voluntario de Cruz Vermella, está dirixida polo director da Escola de Teatro Municipal Artur Trillo.

Carballo volve a transformarse en máscara co Concurso de Disfraces e o Enterro da Sardiña do Entroido 2014

DO 1 AO 8 DE MARZO NAS RÚAS E PARROQUIAS DO MUNICIPIO

Carballo volve a transformarse en máscara co Concurso de Disfraces e o Enterro da Sardiña do Entroido 2014

Xoves 27 de febreiro do 2014

Carballo prepara o Entroido 2014 cun programa "variado e para todas as idades" que conta coa colaboración das entidades culturais e asociativas do municipio, segundo explica a Concelleira de Cultura, Mar Eirís. A vila "transfórmase en máscara" un ano máis preparándose para recibir e animar á veciñanza e aos visitantes de fóra, subliña o Alcalde, Evencio Ferrero. O programa repite citas xa tradicionais, como son o Concurso e Desfile de disfraces, comparsas e carrozas do domingo 2 de marzo; e o tradicional Enterro da Sardiña, o Martes de Entroido (día 4), unha actividade que vai gañando seguidores e que na última edición contou cun cortexo fúnebre de arredor de 200 veciños e veciñas. Entre as dúas citas máis esperadas do Entroido o Concello de Carballo reparte máis de 7.000 euros en premios e subvencións, sendo 6.545 euros (dos que 3.900 destínanse a subvencións e 2.645 a premios) para o Concurso de disfraces e 400 euros para subvencionar a dez grupos do Enterro da Sardiña. Este ano, os presentadores do Concurso de Disfraces serán a coñecida actriz carballesa Alba Bermúdez e o seu compañeiro en Triatreros, Tone Martínez, que xa visitaran o Ciclo OTNI do FIOT (Festival Internacional Outono de Teatro) en 2013 con "Hámster". Por terceiro ano consecutivo, a Aula de Teatro Municipal será a encargada de animar o Enterro da Sardiña xunto coa Cruz Vermella.

Compartir: