Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
Aprobado o proxecto de "Reurbanización da rúa Colón" que ten como obxectivo humanizar a vía e mellorar a actividade comercial

LUZ VERDE NO PLENO PARA A CONTA DE RECADACIÓN DE 2013

Aprobado o proxecto de "Reurbanización da rúa Colón" que ten como obxectivo humanizar a vía e mellorar a actividade comercial

Martes 25 de febreiro do 2014

O pleno da corporación vén de aprobar co voto a favor do grupo municipal do BNG, que sacou adiante a proposta co voto de calidade do Alcalde, Evencio Ferrero, o Plan "DTC 93: unha Deputación para todos os Concellos", un plan que financia o organismo provincial coruñés e que inclúe o proxecto de "Reurbanización da rúa Colón", xunto con outras dúas actuacións (na imaxe, unha recreación de como sería o aspecto final da vía). O orzamento previsto para realizar as obras é de 241.500 euros (IVE incluído) e a proposta afonda no proxecto de humanización e mellora da mobilidade no centro carballés no que traballa o goberno municipal e suporá a peonalización da vía. O proxecto implica a eliminación das prazas de aparcamento, a eliminación das beirarrúas e das varandas que separan a Praza da vía e a creación dunha ampla zona de carga e descarga para facilitar o labor dos comerciantes nos días de feira e mercado, ademais de que os vehículos poderán circular con normalidade do mesmo xeito que na rúa Valle Inclán. Manteríanse as árbores e gañaríase espazo para a Praza do Concello. Os outros dous proxectos incluídos no Plan "DTC 93" son: a "Mellora da capa de rodadura no lugar de Nétoma-Razo" por 89.196,84 euros; e o "Sobreancho e reparación da estrada de Vilardefrancos ao Padreiro no Concello de Carballo" por 36.036,57 euros. A proposta inclúe a aprobación dun Plan Complementario coa actuación "Ensanchamento e rebacheo da estrada do Taramboio a Calvelo de Arriba" por 31.948,19 euros.

A Concellaría de Promoción Económica ofrece dez novos cursos de formación relacionados co comercio e o turismo

INSCRICIÓN DO 26 DE FEBREIRO AO 7 DE MARZO

A Concellaría de Promoción Económica ofrece dez novos cursos de formación relacionados co comercio e o turismo

Martes 25 de febreiro do 2014

A Concellaría de Promoción Económica que dirixe Xosé Regueira ofrece dez novos cursos de formación dirixidos a empresas durante os meses de marzo e abril de 2014. Están dirixidos a negocios e empresas relacionados con sector comercial e de turismo e son os seguintes. No caso da actividade comercial ofrécese unha acción formativa de 16 horas de duración titulada "Presentación de regalo e empaquetado alternativo" do 12 ao 26 de marzo de 21.00 a 23.00 horas. Ademais, do 1 ao 30 de abril impartirase o curso "Técnicas de actualización de comercio", de 40 horas de duración. No caso do sector turístico a primeira das actividades céntrase na "Atención ao cliente" e terá lugar o 10 de marzo de 16.30 a 20.30 horas; a segunda titúlase "Mise en place. Conceptos, materiais e obxectivos" e desenvolverase o 12 de marzo con catro horas de duración; o terceiro curso de turismo aborda a "Folla de servizo e comunicación entre departamentos" e terá lugar o 17 de marzo. "A organización do departamento de aloxamento: como xestionar os tempos" está previsto que teña lugar o 19 de marzo tamén durante catro horas; "Comercialización e deseño da carta de restaurante" é a acción formativa prevista para o 24 de marzo; "Carpeta comercial" o 26 de marzo; "Francés básico para hostalería" ten unha duración de 20 horas entre o 31 de marzo e o 14 de abril; e para rematar "Inglés básico para hostalería" contará con outras vinte horas e terá lugar do 21 de abril ao 5 de maio.

A Xunta de Goberno local aproba o expediente de contratación para licitar a concesión da Cafetería do Pazo da Cultura

BASES PARA A CONVOCATORIA DE CABALGATAS DE REIS DE 2014

A Xunta de Goberno local aproba o expediente de contratación para licitar a concesión da Cafetería do Pazo da Cultura

Luns 24 de febreiro do 2014

A Xunta de Goberno Local, reunida en sesión ordinaria, vén de aprobar, fóra da orde do día, o expediente de contratación para sacar a licitación a concesión da Cafetería do Pazo da Cultura. A adxudicación sería por un prazo de tres anos, coa posibilidade de prórroga por outro ano máis -de haber mutuo acordo entre as partes- e o importe mínimo anual da oferta económica debe ser de 16.560 euros ao ano, polo tanto, non inferior á cantidade actual, e dividida en doce mensualidades. As condicións son similares ás do prego de condicións da licitación anterior, téndose incorporado unha actualización dos prezos de venda ao público. Nos parámetros de adxudicación, a oferta económica é a variable que ten máis peso, aínda que tamén se teñen en conta outros aspectos como a proposta de menús ou os servizos ofrecidos. Dentro do apartado de expedientes de contratación, a sesión tamén inclúe o referente ao contrato administrativo de servizo de "Asistencia técnica para a redacción do Plan Director do Saneamento de Carballo". Así, nestes momentos o Concello está preparando o prego de condicións para sacar a licitación o servizo de abastecemento e saneamento de auga, xa que está a piques de rematar o prazo da concesión actual, que recae en Viaqua, e estanse realizando varios estudos para incorporar os datos obtidos ao expediente.

O Fórum acolle unha xornada formativa sobre innovación dirixida a pemes que queiran mellorar a súa competitividade

MÉRCORES 26 DE FEBREIRO ÁS 20.30 HORAS: DE BALDE

O Fórum acolle unha xornada formativa sobre innovación dirixida a pemes que queiran mellorar a súa competitividade

Venres 21 de febreiro do 2014

O mércores 26 de febreiro ás 20.30 horas celébrase no Fórum Carballo unha xornada informativa da Factoría de Innovación da Coruña, promovida pola Escola de Organización Industrial (EOI) e a Deputación da Coruña coa colaboración do Concello de Carballo; e cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e o Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo. Durante o encontro, de asistencia gratuíta, presentarase aos empresarios locais o Programa de Adestramento Individualizado da Factoría de Innovación da Coruña, no que poderán participar 101 Pemes (pequenas e medianas empresas) que, coa axuda dun coach especializado e o soporte dunha ampla rede de consultores, serán capaces de identificar, definir e poñer en marcha polo menos un proxecto de I+D+i, que lles permitirá mellorar o seu posicionamento no mercado e as fará máis competitivas. Ademais, tamén se expoñerá o amplo programa de actividades que a Factoría de Innovación desenvolverá na provincia da Coruña, co obxectivo de reforzar a capacidade innovadora das empresas, favorecendo a implantación de iniciativas de I+D+i que dinamicen a súa actividade e melloren os procesos de produción e xestión que desenvolven.

O pleno de febreiro aborda a aprobación dun proxecto para humanizar a rúa Colón e transformala nunha vía peonil

A SESIÓN INCLÚE A ORDENANZA DO SERVIZO DE AXUDA NO FOGAR

O pleno de febreiro aborda a aprobación dun proxecto para humanizar a rúa Colón e transformala nunha vía peonil

Venres 21 de febreiro do 2014

A corporación carballesa celebra o luns 24 de febreiro unha sesión plenaria ordinaria na que un dos principais asuntos da orde do día é a aprobación do Plan "DTC 93: unha Deputación para todos os Concellos" que financia o organismo provincial coruñés e no que se inclúe a realización de tres actuacións de mellora para o municipio. A máis relevante e de maior orzamento é a de "Reurbanización da rúa Colón", que con 241.500 euros (IVE incluído) afonda no proxecto de mellora da humanización e da mobilidade no centro carballés no que traballa o goberno municipal e suporá a peonalización da vía. Segundo explica o Alcalde, Evencio Ferrero, o obxectivo da transformación das rúas do centro, como xa acontecera coas Coruña, Hórreo e parte da Desiderio Varela, e agora máis recentemente coa Valle Inclán, é o de "favorecer a actividade comercial", "dignificar a contorna da Praza do Concello" e "reforzar un espazo con grande intensidade de uso". O proxecto suporía a eliminación das prazas de aparcamento, a eliminación das beirarrúas e das varandas que separan a Praza da vía e a creación dunha ampla zona de carga e descarga para facilitar o labor dos comerciantes nos días de feira e mercado. Manteríanse as árbores e gañaríase espazo para a Praza do Concello. O goberno xa traballa en alternativas para reubicar as prazas de estacionamento que se eliminan e os vehículos poderán circular con normalidade do mesmo xeito que na rúa Valle Inclán.

A Feira das Oportunidades cumpre seis anos ofrecendo produtos de calidade con descontos de ata o 80 por cento

SÁBADO 8 E DOMINGO 9 DE MARZO DE 10.00 A 21.00 HORAS

A Feira das Oportunidades cumpre seis anos ofrecendo produtos de calidade con descontos de ata o 80 por cento

Xoves 20 de febreiro do 2014

Unha carpa no Parque do San Martiño acolle a fin de semana do 8 e o 9 de marzo a VI Feira das Oportunidades, unha cita que congrega a máis de 30 establecementos comerciais do municipio que poñen á venda excedentes de tempada, moi por debaixo do prezo de mercado pero cunha excelente calidade e co prestixio engadido do comercio carballés, xa que nesta cita só participan establecementos do municipio que sexan socios do CCA. Segundo explica a xerente do Centro Comercial Aberto, María del Carmen Freire, os descontos van "do 50 ao 80 por cento" e subliña a grande "variedade" dos produtos, que na maioría están relacionados coa moda, pero que tamén inclúen electrodomésticos, agasallos, beleza e benestar ou incluso este ano unha empresa de mandos e portas automáticas. Como cada edición, ademais dos stands propios dos negocios socios do CCA e o da organización, hai un ocupado por La Voz de Galicia e unha área de descanso. Freire quere agradecer a colaboración do Concello e a Dirección Xeral de Comercio por apoiar unha cita cun orzamento de máis de 20.000 euros, xa que grazas ás súas achegas os asociados pasan de pagar 40 ou 45 euros por metro cadrado de stand a pagar 10 euros. Tanto o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, como o Concelleiro de Promoción Económica, Xosé Regueira, transmitiron os seus parabéns ao CCA pola iniciativa.

A Aula de Gravado Municipal pecha a súa primeira andaina despois de máis de dous meses e a participación de 20 artistas

ESTÁ PREVISTO REALIZAR UNHA EXPOSICIÓN COLECTIVA

A Aula de Gravado Municipal pecha a súa primeira andaina despois de máis de dous meses e a participación de 20 artistas

Mércores 19 de febreiro do 2014

O Concello de Carballo acaba de pechar a primeira edición dunha Aula de Gravado Municipal impartida polo coñecido artista carballés Manuel Facal e na que teñen participado arredor de vinte creadores da zona para perfeccionar os seus coñecementos nesta técnica. Na cita, no Fórum Carballo, lugar onde se impartiu este obradoiro, estiveron presentes o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, a Concelleira de Cultura, Mar Eirís, os participantes na iniciativa, que amosaron parte dos traballos realizados durante a súa andaina no curso, e o propio Manuel Facal, quen expresou o seu desexo de que esta actividade poida ter continuidade no futuro e de que os participantes teñan un brillante futuro nas súas carreiras artísticas. Ademais, esta primeira etapa da Aula dará proximamente os seus froitos, xa que está previsto realizar unha exposición colectiva coas obras elaboradas polos artistas durante o curso. Entre eles, hai que subliñar un grande número de creadores de Carballo e da zona, que xa colaboran xuntos noutras iniciativas como a exposición "Miradas (dúas)", a feira Mercarte ou a mostra colectiva que se realiza cada ano polo San Xoán. Algúns son Viki Rivadulla, Emi de las Heras, Mon Lendoiro, O'Mighelo, Milagros Cotelo, Pedro Tasende, Eva Facal, Caridad Camarero, Antonio Taracido ou Santiago Picos, entre outros.

Chapas e contos en Carballo para celebrar de xeito ameno o 24 de febreiro, Día de Rosalía de Castro

ACTIVIDADES NA LUDOTECA PARA OS MÁIS CATIVOS E CATIVAS

Chapas e contos en Carballo para celebrar de xeito ameno o 24 de febreiro, Día de Rosalía de Castro

Mércores 19 de febreiro do 2014

O 24 de febreiro de 1837 naceu en Santiago de Compostela a gran poeta nacional galega, Rosalía de Castro. E, desde hai uns anos, a proposta da Asociación de Escritores/as en Lingua Galega (AELG), estableceuse ese día 24 de febreiro como Día de Rosalía, celebración á que este ano decidiu sumarse tamén o Concello de Carballo, por acordo unánime do pleno do 27 de xaneiro. Así, para celebrar este día e para difundir a obra da autora, o Concello organiza dúas actividades na Ludoteca municipal de Carballo dirixidas a nenas e a nenos. O venres 21 de febreiro, ás 17.30 horas, terá lugar o obradoiro "Chapando a Rosalía", no que se fará unha lectura de poemas escollidos de "Cantares Gallegos" e, tras comentárenos as nenas e os nenos brevemente, escollerán uns versos que, xunto cun debuxo da autora, transformarán nunha chapa para poder lucir nas súas chaquetas, cazadoras, camisolas, mochilas, etc. E, o propio Día de Rosalía, o luns 24, tamén ás 17.30 horas na Ludoteca, terá lugar unha narración oral participativa, "A paisaxe de Rosalía", que inventa as aventuras e trasnadas da pequena Rosalía a partir dos seus poemas. As nenas e os nenos terán que implicarse na narración para ir resolvendo unha serie de probas (a través de rimas, adiviñas, debuxos, etc.) para que a historia poida continuar. Ao mesmo tempo, irán facendo un mural sobre o camiño que Rosalía ten que seguir na súa aventura. Ambas as dúas actividades son abertas e gratuítas.

Teatro do Atlántico presenta nos Venres Culturais unha historia de soidade, misterio e amor: "A charca inútil"

VENRES 21 DE FEBREIRO ÁS 21.00 HORAS

Teatro do Atlántico presenta nos Venres Culturais unha historia de soidade, misterio e amor: "A charca inútil"

Martes 18 de febreiro do 2014

Despois do éxito da música de Sondeseu, os Venres Culturais volven coa proposta de Teatro do Atlántico: "A charca inútil". Nela, un profesor en crise, que fora agredido na escola, non quere volver ao ensino. Non obstante, accede a lle dar clases particulares a un peculiar alumno, mentres inicia unha curiosa relación coa nai deste: unha muller inmersa no universo que ela mesma creou como refuxio dunha realidade insoportable. O vello mestre servirá de vínculo nesta estrana relación, sometida sempre por un terrible acontecemento. "A charca inútil" é unha fermosa e tenra historia de soidade e misterio, de amor, medo e morte, onde personaxes, fráxiles como nenos, procuran desesperadamente a felicidade. Teatro do Atlántico, a veterana compañía de Xulio Lago e María Barcala constituída en 1985, escolleu ao autor español contemporáneo David Desola, para presentarnos esta inquietante e conmovedora obra, coa que o dramaturgo gañou o Premio Lope de Vega 2007. Teatro do Atlántico leva realizadas ata o momento 28 producións, entre as que podemos suliñar "Casa de Bonecas", de Ibsen, "Amor de don Perlimplin con Belisa no Xardín", de García Lorca, "O encoro", de Conor McPherson ou"A raíña da beleza de Leenane", de Martín McDonagh, entre outras. A cita é o venres 21 de febreiro a partir das 21.00 horas. O prezo da entrada é de 4 € (3 € con desconto) e a duración prevista do espectáculo de 90 minutos.

Aberto o prazo de inscrición para participar na realización dunha webserie no I Festival Carballo InterPlay

ATÉ O 3 DE MARZO NA WEB DO CIP

Aberto o prazo de inscrición para participar na realización dunha webserie no I Festival Carballo InterPlay

Luns 17 de febreiro do 2014

Continua aberto o prazo de inscrición para participar no Taller de Webserie que se impartirá no marco do que é o I Festival de Webseries de España, o Carballo InterPlay (CIP). Este obradoiro do CIP é unha actividade gratuíta enmarcada dentro do festival que pretende achegarlles aos e ás participantes os conceptos básicos para realizar unha serie web, dende a idea orixinal pasando polo proceso de desenvolvemento do guión, produción, rodaxe e montaxe. O obxectivo é a creación dunha webserie composta por cinco capítulos cunha temática que xire arredor do Concello de Carballo. A presentación da devandita webserie farase dentro da programación do CIP. O taller será impartido polo director Javi Camino, da produtora Magnetova Material, creador e director, entre outras cousas, da serie web "El Viudo Quiere Mimos". Así mesmo, o taller desenvolverase durante as mañás das fins de semana de marzo no Fórum Carballo e estará destinado a mozas e mozos de entre 16 e 35 anos que estean censados en Carballo. Os interesados e interesadas só teñen que cubrir a folla de inscrición para o taller e enviala por correo electrónico a <actividades@carballointerplay.com> xunto cunha fotocopia escaneada do seu documento nacional de identidade. O prazo de inscrición remata o luns 1 de marzo (inclusive).

Carballo pecha o 2013 cun remanente que supera os 6,6 millóns de euros e o incrementa en 1,5 millóns respecto de 2012

A DÉBEDA POR HABITANTE É UN 70% MENOR QUE A MEDIA GALEGA

Carballo pecha o 2013 cun remanente que supera os 6,6 millóns de euros e o incrementa en 1,5 millóns respecto de 2012

Venres 14 de febreiro do 2014

O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e a Concelleira de Facenda, Belén Lendoiro, veñen de dar conta en rolda de prensa do peche orzamentario do exercicio de 2013. Segundo Ferrero, o Concello cumpriu coa estabilidade orzamentaria requirida, ademais de con "todas as obrigas económicas e a regra do gasto". A liquidación do orzamento, que debe presentarse oficialmente o 1 de marzo ante a administración do Estado, reflicte un remanente de tesourería positivo para gastos xerais de 6.627.338,71 euros, o que supón 1.557.192,82 euros máis que o exercicio anterior, en que foi de 5.070.145,89 euros. O Alcalde manifestou a intención de incorporar parte deste remanente para realizar melloras no municipio, ao igual que se fixera o ano pasado. Porén, a lei implica restricións respecto á natureza destas actuacións, que só poderán afectar a ámbitos como os saneamentos, o tratamento de lixo, o alumeado público, proxectos medioambientais, enerxía, comercio, turismo, transporte, investigación ou xestión do coñecemento, entre outros. Así, non se poderán realizar nin melloras urbanas nin adquisición de novos equipamentos. Por tanto, o Concello destinará parte do remanente a "solucionar posibles tensións de tesourería polo proxecto Anllóns-Bardoso", así como a mellorar a eficiencia enerxética ou a continuar coas melloras en materia de saneamento e subministro de auga e coa promoción turística do municipio.

"Carballo na memoria" achégase aos escolares na procura da súa colaboración para a recuperación de imaxes históricas

MÁIS INFO EN WWW.CARBALLONAMEMORIA.ORG

"Carballo na memoria" achégase aos escolares na procura da súa colaboración para a recuperación de imaxes históricas

Venres 14 de febreiro do 2014

O proxecto "Carballo na memoria" vén de visitar o IES Alfredo Brañas de Carballo, no que un numeroso grupo de alumnos e alumnas encheu o salón de actos para coñecer as claves desta iniciativa que pretende recuperar a historia fotográfica da vila coa colaboración de todos os veciños e veciñas. O profesor do centro e historiador Xan Fraga, o responsable de Abertal Networks, empresa encargada da parte técnica do proxecto, Manuel Pan e o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, presidiron unha sesión centrada en explicar as claves de "Carballo na memoria" e as diversas formas en que a mocidade pode colaborar para axudar neste labor de "recuperación global da memoria histórica", en verbas de Pan. Así, os máis novos poden participar dixitalizando directamente as imaxes que atopen nas súas casas ou nas dos seus veciños e veciñas e familiares, mais tamén preguntando polo contido das fotos "e sacando o coñecemento máis alá das imaxes", segundo Pan. Tamén poden difundir as claves do proxecto entre os seus maiores e axudalos a ver as imaxes que están no web, nas que seguramente poderán recoñecerse ou os lugares que aparecen. Pan, ficho especial fincapé na importancia das fotos das parroquias, de aldeas e lugares que normalmente son menos comúns ou máis difíciles de atopar. E tamén explicou un pouco o funcionamento xeral do proxecto e do web de "Carballo na memoria".

Compartir: