Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
Tres dos entroidos máis senlleiros de Ourense, Pantallas, Felos e Vergalleiros: en imaxes e traxes no Pazo da Cultura

HORARIO DE VISITA: ATÉ O 28 DE FEBREIRO DE 18.00 A 21.00 HORAS

Tres dos entroidos máis senlleiros de Ourense, Pantallas, Felos e Vergalleiros: en imaxes e traxes no Pazo da Cultura

Xoves 13 de febreiro do 2014

A mostra fotográfica da artista ourensá Rita Blanco "Xunguir non é esmorecer, senón medrar" permanece no Pazo da Cultura para contar a historia de tres dos entroidos máis singulares de Ourense, provincia na que están rexistradas entre 80 e 100 figuras recoñecidas de Entroido. Neste caso, a raíz dunha invitación para desfilar na Festa da Primavera de Murcia, xurdiu a convivencia de dúas maneiras de sentir o desenfreo de don Carnal: os Felos de Maceda e as Pantallas de Xinzo de Limia. Nun encontro posterior, sumáronse tamén os Vergalleiros de Sarreaus da Limia. Afastándose da "rivalidade" que ás veces existe entre os distintos entroidos ourensáns, Rita Blanco ilustra esta tradición cunhas imaxes nas que se observa a estes personaxes interactuando entre si cando, habitualmente, nunca se mesturan e só se circunscriben ao seu territorio. A exhibición consta de máis de 30 fotografías capturadas en distintos momentos, ademais de dous traxes orixinais destes Entroidos, un de Pantalla e outro de Felo. Rita Blanco ofreceu durante a inauguración da mostra un ameno faladoiro que segundo o Alcalde, Evencio Ferrero, mesturou fotografía, etnografía e antropoloxía para resumir as claves dunhas "tradicións que se van reflectindo na sociedade". Blanco amosou o agarimo que sinte polo Entroido achegando datos como que a forma da característica "carouta" do Felo naceu como unha forma de facerlle burla aos bispos; ou que as Pantallas levan vexigas de vaca para facer ruído. A mostra: no andar -1 do Pazo até o 28 de febreiro de 18.00 a 21.00 horas. Máis imaxes da exposición, no Facebook do Concello, aquí.

Os rapaces e rapazas do Club de Debate carballés participaron en Ames na xornada formativa da fase clasificatoria

A SELECCIÓN PARA A FASE FINAL TERÁ LUGAR EN TEO EN MARZO

Os rapaces e rapazas do Club de Debate carballés participaron en Ames na xornada formativa da fase clasificatoria

Xoves 13 de febreiro do 2014

Os rapaces e rapazas do IES Parga Pondal de Carballo que participan no Club de Debate veñen de manter esta semana no Concello de Ames a xornada de formación (na imaxe) que serve de punto de partida para a fase clasificatoria da competición prevista para o mes de marzo no Concello de Teo. Esta actividade, que tivo lugar no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, serviu para darlle ferramentas ao alumnado e ao profesorado para mellorar as técnicas de debate. A actividade, que durou toda a mañá, centrouse en formar e preparar os equipos e persoas participantes en técnicas de expresión, comunicación e habilidades sociais. Tamén se deron a coñecer as normas, tempos e estrutura da dinámica de funcionamento do certame co obxectivo de favorecer a posta en situación por parte dos equipos. A maiores diso, abordáronse ás técnicas de busca de información, preparación de argumentos e roles, posicionamentos a favor e en contra, etc. Tratouse dunha xornada de formación eminentemente práctica, activa e participativa. Os concellos de Ames, Carballo, Santiago de Compostela e Teo presentarán un total de nove equipos de escolares que cursan estudos de Educación Secundaria e Bacharelato a esta terceira edición do Club, sendo a zona con maior participación.

Aberto o prazo para anotarse no Concurso de Disfraces e no Enterro da Sardiña 2014, que reparten máis de 7.000 euros

ACTIVIDADES ENTRE O 1 E O 8 DE MARZO

Aberto o prazo para anotarse no Concurso de Disfraces e no Enterro da Sardiña 2014, que reparten máis de 7.000 euros

Mércores 12 de febreiro do 2014

A partir do mércores 12 de febreiro está aberto o prazo de inscrición no Concurso de Disfraces, Comparsas e Carrozas (na imaxe un dos gañadores de 2013) organizado polo Concello de Carballo e que se celebra o domingo 2 de marzo na Praza do Concello a partir das 18.00 horas. Se as condicións meteorolóxicas non permitisen o correcto desenvolvemento do desfile ao aire libre, a organización poderá suspendelo, pospoñelo ou trasladalo ao Pavillón Polideportivo Bergantiños, tal e como ocorreu na edición de 2013. Para a inscrición, os interesados e interesadas poden facelo até o día 28 de febreiro para as modalidades de comparsas e carrozas. As solicitudes de participación no Concurso deberán estar asinadas e terán que estar entregadas no Rexistro de Entrada do Concello. No caso das modalidades de grupos e individual tanto en categoría adulto como infantil, a inscrición pode facerse até o 2 de marzo ás 17.00 horas na propia Praza do Concello. Para obter máis información, os interesados e interesadas poden poñerse en contacto co persoal da Concellaría de Cultura no teléfono 981 704 300 ou achegarse ás oficinas do primeiro andar do Pazo da Cultura situado na rúa do Pan s/n.

A música chega aos Venres Culturais 2014 con Sondeseu e continúa o programa En Familia con Talía Teatro

VENRES 14 E DOMINGO 16 NO PAZO DA CULTURA

A música chega aos Venres Culturais 2014 con Sondeseu e continúa o programa En Familia con Talía Teatro

Mércores 12 de febreiro do 2014

A terceira fin de semana de febreiro trae aos Venres Culturais 2014 a súa primeira actuación musical e continúa co ciclo En Familia con "Xango, a moi extraordinaria historia do home que foi engulido por unha máquina" (na imaxe). O programa comeza o venres 12 de febreiro ás 21.00 horas con Sondeseu, que presenta en Carballo o seu novo traballo discográfico, "Danzas Brancas". A orquestra, que vén de estrear este traballo o pasado mes de decembro realizará no Pazo da Cultura a súa primeira actuación da "Xira 2014 • SondeSeu • Ao Vivo • Danzas Brancas", baixo a dirección de Rodrigo Romaní. Por segunda vez neste ano, Carballo convértese na primeira das localidades que visitan compañías de teatro ou formacións musicais para iniciar as súas xiras. A primeira delas foi PT. Excéntricas con "Da Vinci tiña razón!" e agora, a orquestra Sondeseu escolle á capital de Bergantiños como punto de saída da súa xira. Sondeseu é a primeira orquestra estable de Europa con repertorio folk e un novo referente da música en Galicia. Naceu como un proxecto educativo dentro da Escola de Artes e Oficios de Vigo hai dez anos. Agora conta con corenta intérpretes que ofrecen música tradicional galega arranxada para unha ampla variedade de instrumentos: zanfonas, arpas, gaitas, voces, percusións, violíns, nouzoukis, contrabaixo e requintas. O prezo da cita é de 4 € (3 € con desconto) e a duración de 75 minutos.

Preto de corenta persoas de dezasete nacionalidades comezan en Carballo a coñeceren a lingua e cultura galegas

OBRADOIRO PARA O ACOLLEMENTO LINGÜÍSTICO E CULTURAL

Preto de corenta persoas de dezasete nacionalidades comezan en Carballo a coñeceren a lingua e cultura galegas

Martes 11 de febreiro do 2014

Chegan a Carballo desde Colombia, Honduras, Italia, Uruguai, Venezuela, México, China, República Dominicana, Perú, Brasil, Cuba, Paraguai, Romanía, Senegal, Bolivia ou Canadá e de diversos puntos do estado español e queren aprender galego. Un total de 38 persoas de catro continentes comezan o martes 11 de febreiro, en Carballo, un Obradoiro para o acollemento lingüístico e cultural. Xente que non naceu en Galicia, mais á que lle apetece coñecer os nosos costumes ao mesmo tempo que dá a coñecer os seus. Persoas que queren saber o que é un carballo, o agarimo, a troula ou o polbo. Mulleres e homes aos que lles gusta coñecer a lingua e cultura galegas, para saber máis ou para intentar acceder mellor a un traballo aquí. Persoas ás que lle gustaría que lle dixesen: "Que rápido aprendiches a falar galego!"? Neste obradoiro práctico organizado polo Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Carballo, que terá lugar entre o 11 de febreiro e o 3 de abril de 2014, desenvolveranse diversas actividades para coñecer a lingua (escrita e oral), a música, a literatura, a prensa, a xeografía, etc., galegas, e para facilitar o acceso ao mundo laboral, e a integración na sociedade galega e carballesa. Na imaxe pode verse aos participantes da pasada edición do curso nunha visita para coñecer o tradicional mercado dos xoves.

O Premio a artigos xornalísticos normalizadores cumpre dez anos mantendo a arela de fomentar o prestixio do idioma

PRAZO DE ADMISIÓN DE TRABALLOS: ATÉ O 11 DE ABRIL

O Premio a artigos xornalísticos normalizadores cumpre dez anos mantendo a arela de fomentar o prestixio do idioma

Luns 10 de febreiro do 2014

O Concello de Carballo, desde o seu Servizo de Normalización Lingüística (SNL) e en colaboración con diversos medios de comunicación escrita, convoca a décima edición do Premio a artigos xornalísticos normalizadores, un certame xa consolidado que ten como obxectivos promover a reflexión sobre a situación social da lingua galega, crear espazos nos xornais para analizar e fomentar o uso e prestixio do idioma galego e promover o seu uso na prensa. Ao certame pódense presentar artigos xornalísticos inéditos de opinión que traten algún tema concreto relacionado coa situación sociolingüística do noso país, co fomento da lingua galega, co seu estatus, co argumentario a prol do uso do galego, coa lexislación e os dereitos lingüísticos, con experiencias sociolingüísticas concretas, con propostas para o impulso do uso e prestixio social do galego, con experiencias útiles ou favorables para a dinamización da lingua, coa política lingüística en xeral ou nalgún ámbito ou situación determinada, etc. Os artigos deberán ter entre 1.800 e 3.300 caracteres con espazos incluídos. O prazo de admisión está aberto ata o 11 de abril de 2014. Outorgarase un premio económico ao artigo gañador, dotado con 1.000 euros, ademais da difusión nos diversos medios colaboradores coa iniciativa, un total de nove.

Aprobado o expediente de contratación do "Plan de mellora de camiños nas parroquias de Rus, Entrecruces, Ardaña e Berdillo"

LUZ VERDE PARA AS BASES DO CONCURSO DE ENTROIDO 2014

Aprobado o expediente de contratación do "Plan de mellora de camiños nas parroquias de Rus, Entrecruces, Ardaña e Berdillo"

Luns 10 de febreiro do 2014

A Xunta de Goberno Local, reunida en sesión ordinaria, vén de aprobar o expediente de contratación para poñer en marcha o "Plan de mellora de camiños 2013. Mantemento de camiños públicos nas parroquias de Rus, Entrecruces, Ardaña e Berdillo (na imaxe) do Concello de Carballo". A actuación está financiada polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER). O prezo de licitación é de 101.580,11 euros, tendo sido concedida unha subvención de 83.950 euros no marco do Programa de mellora de camiños de titularidade municipal. Os criterios de valoración para a adxudicación son a proposta económica e a redución de prazos. No apartado de contratación tamén se inclúe a modificación de dous expedientes. No primeiro caso,apróbase a prórroga polo prazo dun ano máis do contrato administrativo de servizos de "Asesoría xurídica do Centro de Información á Muller (CIM)", tal e como se recolle nas condicións de existir mutuo acordo entre as partes. No segundo caso, modifícase o contrato administrativo de servizos de "Limpeza e mantemento da Unidade Asistencial de Drogodependencias (UAD)". Así, despois do traslado do servizo ás novas instalacións en 2013, incrementouse a superficie do local obxecto do contrato de 163 a 192 metros cadrados. Por tanto, recibiu luz verde un incremento de 6.350 euros no prezo anual do contrato.

A UTE formada por Ferroser e Ferrovial asume a partir do luns 10 de febreiro o servizo de mantemento do alumeado público

IMPLÁNTASE UN NOVO SISTEMA DE AVISOS 24 HORAS

A UTE formada por Ferroser e Ferrovial asume a partir do luns 10 de febreiro o servizo de mantemento do alumeado público

Sábado 8 de febreiro do 2014

Despois de ter asinado o contrato co Concello o pasado 28 de xaneiro, a UTE (Unión Temporal de Empresas) formada por Ferroser e Ferrovial -Xestión enerxética e alumeado público Carballo-UTE- asume a partir do luns 10 de febreiro o servizo de mantemento do alumeado público do municipio. Así, os técnicos da concesionaria serán os que se encarguen a partir de agora do arranxo de calquera avaría que se produza nas luminarias ou nos cadros do tendido carballés. O cambio na xestión do mantemento leva asociado tamén un cambio no sistema de notificación dos avisos e incidencias por parte da cidadanía. Así, a partir do luns poderán facelo a través dun teléfono (call-center) que estará dispoñible as 24 horas do día e tamén a calquera hora a través da páxina web do Concello <www.carballo.org>. Os veciños e veciñas terán que deixar constancia da incidencia e achegar un nome e un número de teléfono ou enderezo electrónico, ben a través do call-center, ben a través do web, e a UTE realizará un seguimento da avaría paso a paso ata que se solucione a incidencia. Porén, os primeiros quince días a partir do luns 10 de febreiro establécese un período de proba, no que funcionarán á vez o novo sistema e o anterior (que recolle os datos a través de chamadas telefónicas á Policía Local, á Brigada de Obras ou á Secretaría da Alcaldía) para ir informando á cidadanía dos cambios e eliminar pouco a pouco o método antigo.

Responsables da Xunta visitan o Fórum Carballo para concretar detalles do traslado da Oficina de Emprego ao edificio

CENTRALIZARANSE NA MILAGROSA OS SERVIZOS AUTONÓMICOS

Responsables da Xunta visitan o Fórum Carballo para concretar detalles do traslado da Oficina de Emprego ao edificio

Xoves 6 de febreiro do 2014

A Delegada Territorial da Xunta de Galicia, Belén do Campo, a Directora Xeral de Formación e Colocación, Ana Díaz, e a Xefa Territorial de Traballo e Benestar, Pilar Caridad, visitaron hoxe, xoves 6 de febreiro, as instalacións do Fórum Carballo no barrio da Milagrosa para ultimar detalles do inminente traslado das dependencias da Xunta ao edificio. En concreto, revisaron os despachos e servizos da planta baixa onde estará situada a Oficina de Emprego, na actualidade emprazada nun local en aluguer na Praza da Cruz Vermella da capital municipal. Estiveron acompañadas polo Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, polo Concelleiro de Formación e Emprego, Marcos Trigo, e polo Concelleiro de Obras e Servizos Luís Lamas, ademais de polo director do Centro de Formación de Carballo, Juan Lorenzo. Tomando como referencia o plano do edificio, revisaron detalles concretos da mudanza, como as conexións a Internet, o funcionamento da calefacción ou a distribución das oficinas e dos aseos. Tamén tiveron a oportunidade de visitar as instalacións da Nave 4 onde se atopa a escola de hostalaría ou a sede dos talleres de carpintaría de madeira e metálica, ou o auditorio da Nave 1, con capacidade para máis de cen persoas. Hai que lembrar que a Xunta e o Concello asinaron o pasado mes de novembro un convenio para a cesión e utilización de espazos administrativos no complexo Fórum Carballo, incluíndo o traslado da Oficina de Emprego.

Carballo organiza o primeiro festival estatal de webseries Carballo InterPlay para xerar "alimento cultural de calidade"

AS ACTIVIDADES PARALELAS INCLÚEN UN OBRADOIRO CREATIVO

Carballo organiza o primeiro festival estatal de webseries Carballo InterPlay para xerar "alimento cultural de calidade"

Xoves 6 de febreiro do 2014

O Concello de Carballo organiza a primeira edición do Carballo InterPlay (CIP), o primeiro festival de webseries que se celebra no estado e que ocupará o Pazo da Cultura do 24 ao 27 de abril. Trátase dun festival que nace coa vontade de fomentar a creatividade e de apoiar aos creadores, visibilizando a cultura e respaldando o desenvolvemento da industria cultural. Segundo explica o Concelleiro de Promoción Económica, Xosé Regueira, responsable municipal da iniciativa, trátase dun "proxecto moi interesante" para ofrecer "alimento cultural de calidade", ademais de ser "unha oportunidade para facer algo diferente e atractivo" e, sobre todo, para "situar a Carballo no mapa" e fomentar "un revulsivo económico" traendo xente á vila. As webseries estanse a establecer como unha alternativa de entretemento cada vez máis consumida polo público e como un novo medio de expresión de novas ideas e narrativas. Este festival pretende recoñecer estas novas vías de expresión e darlle un valor perante a sociedade. Nesta primeira edición do CIP haberá, ademais da proxección das webseries que vaian a concurso, charlas, mesas redondas, master class e actividades paralelas, tendo a cita o seu peche o 26 de abril cunha gala de entrega de premios.

O Concello informa dunha alerta vermella/laranxa por fortes ventos con refachos de más de 100 quilómetros por hora

RECOMENDA PRECAUCIÓN AOS VECIÑOS E VECIÑAS

O Concello informa dunha alerta vermella/laranxa por fortes ventos con refachos de más de 100 quilómetros por hora

Martes 4 de febreiro do 2014

O Concello de Carballo, a través da Concellaría de Seguridade que dirixe Xosé Regueira, informa dunha alerta da Dirección Xeral de Emerxencias por fenómenos meteorolóxicos adversos de nivel vermello/laranxa (sendo vermello a alerta máxima que indica risco extremo) causada por fortes ventos. Segundo o parte emitido pola Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA) coa información da Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET) alértase da presenza dun risco importante a partir das 9.00 horas do martes 4 de febreiro e que afecta a toda a provincia da Coruña, ao Centro e Mariña de Lugo, e ás Rías Baixas en Pontevedra. Espéranse ventos do Suroeste e do Oeste con refachos de máis de 100 quilómetros por hora no Interior e no Suroeste da Coruña e de máis de 110 no Noroeste e Oeste da Coruña. No extremo norte da provincia da Coruña poden chegar a superarse os 130 quilómetros por hora, especialmente entre o mediodía e o serán. O Concello de Carballo e a Dirección xeral de Emerxencias e Interior, en previsión destes feitos, recomendan aos veciños e veciñas que tomen as máximas precaucións, especialmente nos desprazamentos de vehículos por estradas, informándose previamente do estado das vías e circulando con prudencia. Ante calquera emerxencia, poden chamar ao número de teléfono 1-1-2 (112).

A música e a orixinalidade creativa da compañía teatral Voadora chegan aos Venres Culturais 2014 con "Waltz"

VENRES 7 DE FEBREIRO ÁS 21.00 HORAS NO PAZO DA CULTURA

A música e a orixinalidade creativa da compañía teatral Voadora chegan aos Venres Culturais 2014 con "Waltz"

Luns 3 de febreiro do 2014

O venres 7 de febreiro, e despois da nova incursión de Kiko Cadaval en Carballo, chega a segunda proposta teatral dos Venres Culturais: "Waltz" a cargo da compañía Voadora. A vida é un salón de baile onde imos cambiando de parella: hai as que che pisan os pés, outras agárranche forte pola cintura, a algunhas súanlles as mans e con outras bailarías toda a eternidade. "Waltz" é unha opereta portátil ou conto musical que fala de amor e desamor, de namoramentos e rupturas, da vida compartida e da lembranza de amores perdidos, e disecciona os sentimentos, as emocións e as sensacións extremas que leva consigo este tema universal, parodiando e amosando o patético de cada situación. A obra está composta por tres movementos case independentes, na que se integran máis de vinte temas musicais orixinais que serven de fío condutor, interpretados en directo polos actores, e que abarcan estilos como a música dance, a pop, a opereta e, por suposto, o vals. O espectáculo emprega instrumentos como a ironía, o humor, a poesía, a danza, a beleza ou o absurdo, sinais de identidade de Voadora, compañía de creación contemporánea convertida nunha das revelacións teatrais galegas dos últimos anos. A cita é a partir das 21.00 horas no auditorio do Pazo da Cultura. O prezo da entrada é de 4 € (3 € con desconto),e a duración prevista do espectáculo é de 60 minutos.

Compartir: