Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
O Concello recibe o proxecto básico e de execución para as obras de ampliación do CEIP Bergantiños da capital municipal

A ADMINISTRACIÓN LOCAL AXILIZARÁ OS TRÁMITES NECESARIOS

O Concello recibe o proxecto básico e de execución para as obras de ampliación do CEIP Bergantiños da capital municipal

Luns 9 de xullo do 2012

O Concello de Carballo vén de recibir da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral Técnica que dirixe Jesús Oitavén Barcala, o proxecto básico e de execución dos traballos de ampliación do CEIP Bergantiños da capital municipal co obxecto de que se tramite e conceda a licenza de obra no prazo máis breve posible. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, manifestou a vontade da administración local de axilizar os trámites para facilitar que a mellora principie canto antes. Así, a documentación recibida (a través de Rexistro de Entrada do Concello con data do luns 9 de xullo) tanto en papel como en formato dixital, así como o cuestionario de estatística de edificación e vivenda, xa está en poder da Oficina Técnica Municipal para que se analice o proxecto e poida concederse a licenza, sempre cumprindo con todas as garantías técnicas, o antes posible. A ampliación do CEIP Bergantiños é unha actuación especialmente necesaria e urxente polos problemas de escolarización experimentados nos centros de ensino do casco urbano previstos para os próximos anos. Así, xa para o presente curso foi preciso incluír nas aulas a arredor de 300 nenos e nenas nacidos en 2008, unha cifra moi elevada, e as ratios para os próximos cursos manteñen parámetros similares. O proxecto leva enriba da mesa dende o ano 2010.

A praia de Razo ofrece Escolas de Verán gratuítas de Volei Praia e acolle a celebración de dous torneos en xullo e agosto

HORARIOS: DE LUNS A DOMINGO DE 16.00 A 20.00 HORAS

A praia de Razo ofrece Escolas de Verán gratuítas de Volei Praia e acolle a celebración de dous torneos en xullo e agosto

Sábado 7 de xullo do 2012

Un ano máis a explanada do areal de Razo transfórmase nunha pista de volei praia para acoller as Escolas de Verán que organiza o Concello de Carballo xunto coa Asociación Cultural e Deportiva Volei Praia Costa da Morte. Esta iniciativa gratuíta, destinada a favorecer a práctica deste deporte, especialmente entre os máis cativos e cativas coas Pequescolas, complétase coa celebración de dous torneos de volei praia: o 20 e 21 de xullo o Sereas e Piratas; e o V Torneo Concello de Carballo o 19 de agosto. As Escolas desenvólvense cada día entre o 1 de xullo e o 31 de agosto nas pistas habilitadas na explanada de Razo de 16.00 a 20.00 horas (dependendo da afluencia incluso ata as 21.00 horas). Para participar, tan só hai que inscribirse na explanada e seguir as indicacións do persoal responsable da actividade. No caso das Pequescolas, que teñen lugar por segundo ano consecutivo, desenvólvense de 17.00 a 18.30 horas, e están destinadas a nenos e nenas de ata 9 anos que deberán contar coa supervisión dalgún adulto. O obxectivo é inicialos na práctica do volei ademais de fomentar o coidado da praia, e tamén se inclúen outros xogos como carreiras de relevos ou futvólei. Os adultos tamén terán a oportunidade de practicar actividades paralelas, como o mesmo futvólei, frisbee ou palas.

O Verán Cultural ofrece actividades de lecer gratuítas en xullo e agosto con teatro, música, maxia, festivais, exposicións e cursos

NOITES DE CINE: 16 PROXECCIÓNS NA VILA E NAS PARROQUIAS

O Verán Cultural ofrece actividades de lecer gratuítas en xullo e agosto con teatro, música, maxia, festivais, exposicións e cursos

Venres 6 de xullo do 2012

O Verán Cultural 2012 ten a vontade de encadrar "unha oferta estable e de calidade" que atenda "os diferentes intereses culturais" dos veciños e veciñas para "enriquecer o tempo de lecer do verán", en verbas da Concelleira de Cultura, Mar Eirís. Un total de once citas nas fins de semana, a maioría no Xardín Municipal e na Praza do Concello, con eventos tan sinalados como o Festival Sereas e Piratas e a Praza dos Libros, conforman un programa no que hai teatro, música, maxia, festivais, exposicións e incluso cursos de verán. Eirís recoñece que desta volta o Verán Cultural é "un pouco máis modesto", aínda que "polo seu volume de espectáculos, segue a ser un referente na comarca" e, a pesares do "descenso nas achegas doutras administracións e os axustes económicos, seguimos apostando polo programa", subliña. As citas desenvólvense entre o venres 13 de xullo e o venres 24 de agosto, a excepción das Noites de Cine, que ofrecen un total de 16 sesións na capital municipal e nas parroquias entre o mércores 11 de xullo e o mércores 22 de agosto, sendo sempre a cita dos mércores no casco urbano. O Concello quere agradecer a colaboración dos patrocinadores como son Ifecgás Pereira, Conservas Calvo, La Caixa, La Voz de Galicia ou a Deputación da Coruña.

O alumnado de arquitectura da UDC propón unha transformación de Carballo apoiándose nas zonas verdes e na creatividade

CURSO "ESTRATEXIAS CIDADÁS PARA OS TEMPOS DA CRISE"

O alumnado de arquitectura da UDC propón unha transformación de Carballo apoiándose nas zonas verdes e na creatividade

Venres 6 de xullo do 2012

Máis de 35 alumnos e alumnas da Escola Técnica Superior de Arquitectura (ETSA) da Universidade da Coruña (UDC) estiveron analizando o casco urbano carballés durante a última semana co obxecto de propoñer solucións para mellorar a capital municipal no marco do curso "Estratexias cidadás para os tempos da crise". Divididos en seis grupos, non só recibiron unha serie de conferencias sobre socioloxía, economía, arte, paisaxe, medios produtivos e arquitectura, senón que realizaron un interesante traballo de campo movéndose pola vila e intercambiando impresións cos veciños e veciñas para ofrecer propostas e solucións que se plasmaron en forma de conclusións en outros seis traballos: "Invasión", "Carballando", "Espazos mixtos", "Quedamos na lembranza", "Ocúpame" e "Outra realidade". Así, analizáronse seis zonas de Carballo que xiran arredor das principais vías que atravesan a vila, con atención ao eixo Carballo-A Coruña, Carballo-Fisterra, Carballo-Santiago, Carballo-Malpica, e ao centro carballés, que se dividiu en dúas zonas nas contornas do Xardín Municipal e do Pazo da Cultura. Cristóbal Crespo, profesor da ETSA e coordinador do curso subliñou que a experiencia serviu para que xurdiran "oportunidades divertidas" para transformar Carballo nunha vila "diferente e orixinal" e con propostas concretas que poden servir para converter no futuro as eivas do casco urbano "en espazos de oportunidade".

Máis de 250 nenos e nenas,  algúns de Polonia, Canadá ou Puerto Rico: no III Campus de Fútbol Base Concello de Carballo

EN DÚAS QUENDAS: DO 2 AO 7 E DO 9 AO 13 DE XULLO

Máis de 250 nenos e nenas, algúns de Polonia, Canadá ou Puerto Rico: no III Campus de Fútbol Base Concello de Carballo

Mércores 4 de xullo do 2012

O complexo deportivo As Eiroas acolle en dúas quendas do 2 ao 7 e do 9 ao 13 de xullo o III Campus de Fútbol Base Concello de Carballo que contará en total con máis de 250 participantes chegados de todos os puntos de España e incluso do mundo. Así, xa hai nenos de Suiza, Polonia ou Puerto Rico, así como de Madrid, Murcia ou Toledo, e espérase a chegada na segunda quenda de xogadores de Canadá. A presenza internacional vese favorecida porque por primeira vez o campus ofrece réxime de interinidade, con aloxamento en Carballo. José Ramón Torres Pichel, director das Escolas Luís Calvo, organizadoras da cita, subliña a elevada participación, que duplica a rexistrada en 2010, cando se puxo en marcha a iniciativa por primeira vez. Entre as novidades desta edición, Juan Antonio Ramos e Armando de la Morena, coordinador e director do campus, respectivamente, subliñan a presenza de catro nenas, así como a posibilidade para os participantes, de entre 4 e 16 anos, de ver as súas evolucións en vídeo para poder realizar as correccións. Así, durante as xornadas os cativos realizan rotacións de exercicios nos dous campos de fútbol das Eiroas, abordando diferentes metodoloxías que tamén inclúen unha parte lúdica. Despois, observan unha filmación do seu traballo, detectan os seus erros e fan por mellorar nas seguintes sesións.

Máis de 80 pilotos participan no IV Autocross Carballo, proba puntuable para o Campionato de España

VENRES 6, SÁBADO 7 E DOMINGO 8 DE XULLO

Máis de 80 pilotos participan no IV Autocross Carballo, proba puntuable para o Campionato de España

Martes 3 de xullo do 2012

O Circuíto de Motor de Bértoa acolle por cuarto ano consecutivo unha proba do Campionato de España de Autocross, o IV Autocross Carballo que se celebra o venres 6, sábado 7 e domingo 8 de xullo. O director da carreira, Ernesto Rumbo, quixo subliñar que a proba "será espectacular", xa que están confirmados un total de 82 participantes, con 40 deles na categoría Car Cross, e figuran "os mellores pilotos". Rumbo quixo destacar as características do circuíto, que mellora ano a ano sendo "cada vez máis rápido" e tendo un elevado nivel de esixencia técnica. Respecto das novidades, o comité organizador, encabezado por Escudería Coruña, quixo subliñar a presenza da RTVG, que a través da canle TVG2 retransmitirá en directo a proba, xa que quedaron moi satisfeitos despois de retransmitir o 16 de xuño dende Carballo o Campionato Galego de Autocross, tendo "todo tipo de facilidades", en verbas de Rumbo. Outra medida que se toma este ano é a de reducir nun 20 por cento o prezo das entradas, para facilitar a asistencia nun lugar de grande afección no mundo do motor como é Carballo. Por último, Rumbo manifestou que a organización será moi estrita con respecto das bebidas alcohólicas, prohibíndose o acceso ao recinto con alcohol ou envases de metal ou vidro. Os interesados/as en consultar os horarios, poden premer aquí.

O pleno aproba por unanimidade tres mocións sobre as plantas xudiciais, a mellora da travesía de Bértoa e os abonos deportivos

LUZ VERDE AO INCREMENTO DAS TAXAS DO CONSERVATORIO

O pleno aproba por unanimidade tres mocións sobre as plantas xudiciais, a mellora da travesía de Bértoa e os abonos deportivos

Martes 3 de xullo do 2012

A sesión plenaria extraordinaria celebrada o luns 2 de xullo supuxo a aprobación por unanimidade dos membros da corporación de tres mocións, unha presentada na pasada sesión polo PSOE e agora asumida de forma conxunta por todos os grupos políticos con representación, e outras dúas do PP. Entre estas últimas encóntrase unha proposta que solicita a mellora da travesía de Bértoa, con especial atención á seguridade vial e ao pintado dos pasos de peóns na AC-552 Carballo-A Coruña. A moción tamén suxire a elaboración por parte do Concello dun proxecto técnico de mellora da seguridade viaria e de dotación de servizos, beirarrúas e iluminación. O Concello ten elaborado dende o ano 2004 un proxecto para a mellora da travesía de Bértoa que ascende a 1,3 millóns de euros e o goberno local espera que o organismo titular da vía, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, asuma o seu arranxo e mellora. Co apoio de todos os concelleiros saíu tamén adiante a proposta conxunta para solicitar que non se modifiquen as plantas e as taxas xudiciais e evitar un prexuízo para veciños e veciñas. O texto insta ao Goberno de España para que non dea validez algunha á proposta de reforma da planta elaborada polo Consello Xeral do Poder Xudicial, mantendo as demarcacións que existen na actualidade.

Alumnos e alumnas de arquitectura estudan Carballo para reflexionar sobre "Estratexias cidadás para os tempos da crise"

O FÓRUM ACOLLE ATÉ O VENRES 6 UN CURSO DE VERÁN DA UDC

Alumnos e alumnas de arquitectura estudan Carballo para reflexionar sobre "Estratexias cidadás para os tempos da crise"

Luns 2 de xullo do 2012

Máis de 35 alumnos e alumnas da Escola Técnica Superior de Arquitectura (ETSA) da Universidade da Coruña (UDC) reflexionan sobre a forma de "mellorar Carballo", en verbas do profesor da ETSA Cristóbal Crespo, analizando a vila a través da arquitectura, pero tamén a través doutras disciplinas para tentar "propoñer unha reconversión de espazos" e mellorar o "crecemento desordenado" da capital municipal. Así resume Crespo os obxectivos do curso de verán da UDC "Estratexias cidadás para os tempos da crise", que se desenvolve no auditorio da nave 1 do Fórum Carballo e que tamén percorrerá as rúas de Carballo até o venres 6 de xullo. O Alcalde, Evencio Ferrero, lembra que nos últimos meses se veñen realizando estudos e propostas sobre a vila grazas a un acordo coa ETSA para que "durante un curso académico se fixeran reflexións sobre este Concello no que eliximos vivir", ademais de ser un exercicio interesante para "unha xeración que vimos ir caendo un a un todos os símbolos de Carballo", alomenos no que a urbanismo se refire. Ferrero doulles a benvida aos estudantes e desexou "que se saquen conclusións importantes e útiles para a sociedade nun momento coma este, que nos tocou vivir e padecer". Hai que subliñar que, ademais de centrarse nas conferencias, o curso inclúe traballo de campo e a presentación dunhas conclusións como peche.

O Concello subscribe un convenio para a actuación en emerxencias e para a prevención e extinción de incendios forestais

XUNTA DE GOBERNO LOCAL

O Concello subscribe un convenio para a actuación en emerxencias e para a prevención e extinción de incendios forestais

Luns 2 de xullo do 2012

A Xunta de Goberno Local vén de aprobar a adhesión a un convenio de colaboración subscrito entre a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para a actuación en emerxencias e tarefas de Protección Civil e prevención e extinción de incendios forestais. Mediante este acordo a consellería colabora no financiamento dos custos que supoñan a operatividade dun Grupo Municipal de Intervención Rápida (Grumir) a través dunha achega económica única. A Fegamp é a entidade que recibe os fondos e os transfire ao concello destinatario. O Grumir intervirá en incendios urbanos, en situacións derivadas de riscos naturais, como temporais, sismos ou inundacións, colaborará en situacións de risco provocadas polo home, coordinarase coas autoridades competentes en aglomeracións de persoas ou en temas de seguridade viaria, intervirá en incendios forestais no seu concello e limítrofes, realizará actividades que constitúan medidas preventivas e, en xeral, colaborará con calquera actuación que implique accións de protección civil, medio ambiente, servizos sociais, sanidade, cultura, educación ou deporte. O Concello será o responsable do Grumir, así como da súa organización e coordinación, e deberá dotalo das ferramentas necesarias para o seu labor.

Os Venres Culturais estrean agosto coa actuación do Mago Rafa, que presenta o sorprendente espectáculo "Imaxinarte"

VENRES 3 ÁS 22.30 HORAS NA PRAZA DO CONCELLO

Os Venres Culturais estrean agosto coa actuación do Mago Rafa, que presenta o sorprendente espectáculo "Imaxinarte"

Luns 2 de xullo do 2012

Os Venres Culturais abren a programación do mes de agosto coa actuación do Mago Rafa, que presenta na Praza do Concello o espectáculo "Imaxinarte", no que a ilusión do escenario trasládase ao patio de butacas. A maxia é unha das actividades do Verán Cultural que máis público congrega, xa que atrae aos cativos e cativas pero tamén aos adultos. Neste caso, o Mago Rafa utiliza a maxia como un instrumento entre a imaxinación e a realidade. A proposta mestura estes elementos con soños, creatividade e sentimentos, construíndo un espectáculo no que os xogos de cartas, a adiviñación de obxectos, os mentalismos ou as desaparicións fan as delicias do público asistente. Este mago lucense conta cunha dilatada experiencia como profesional de ilusionismo e como produtor de festivais e espectáculos, e as súas propostas fan que o público de todas as idades sexa partícipe en todo momento. Un dos seus números máis coñecidos "A arte do imposible", está en xira dende o ano 2006. Agora aposta por "Imaxinarte": "Imaxina que podo ler a túa mente. Imaxina un soño de liberdade. Imaxina que podemos cambiar a realidade coas nosas mans. Se es capaz de imaxinar todo isto, deberías acudir". A cita é de balde a partires das 22.30 horas e conta coa colaboración da Deputación.

O pleno aborda a modificación das taxas do Conservatorio Municipal de Música, que conta con máis de 150 estudantes

MOCIÓN DE TODOS OS GRUPOS SOBRE AS PLANTAS XUDICIAIS

O pleno aborda a modificación das taxas do Conservatorio Municipal de Música, que conta con máis de 150 estudantes

Venres 29 de xuño do 2012

A sesión plenaria extraordinaria que se celebra o luns 2 de xullo inclúe entre os asuntos da orde do día a modificación da Ordenanza fiscal nº 18: Taxas do Conservatorio Profesional de Música. O centro conta nestes momentos con 97 alumnos de Grao Elemental e 78 de Grao Profesional e dende 2008 as achegas da Xunta para o mantemento do servizo baixaron de 33.999 euros aos 7.406 recibidos polo Concello en 2011. Nestes momentos, a administración local mantén un déficil de 200.000 euros derivado dos gastos do mantemento do Conservatorio. Por este motivo, defende a necesidade de modificar as taxas incrementando o seu importe, aínda que os usuarios e usuarias contarán coa opción de realizar o pago repartido en trimestres. Así mesmo, o Conservatorio incluirase a partir de agora nas bolsas de estudo que concede o Concello, ás que tan só poderán optar aqueles alumnos e alumnas do municipio, dado que o centro conta con estudantes carballeses, pero tamén cunha importante porcentaxe de alumnado doutros concellos, especialmente en Grao Profesional. As taxas serían, para grao elemental: 285 euros para o curso completo; 50 euros para as probas de acceso; e 70 euros para materias pendentes. Para Grao Profesional serían: 335 euros para o curso completo en 1º e 2º curso, 385 euros en 3º e 4º e 440 euros para 5º e 6º curso; 80 euros para as probas de acceso; e unha taxa de 100 euros para materias pendentes.

O Concello pon en marcha un servizo de recollida e reciclaxe de aceite de cociña usado dentro do programa Carballo Limpo

HABERÁ COLECTORES EN SETE EDIFICIOS PÚBLICOS DA VILA

O Concello pon en marcha un servizo de recollida e reciclaxe de aceite de cociña usado dentro do programa Carballo Limpo

Xoves 28 de xuño do 2012

A empresa Reave, Recollidas de Aceite Vexetal SL, e o Concello de Carballo poñen en marcha no municipio un servizo de recollida de aceite de cociña usado que estará a disposición de todos os veciños e veciñas. O aceite vexetal producido durante a preparación dos alimentos ou presente nas conservas vexetais non se debe tirar polos desaugadoiros, xa que obstrúe as canalizacións provocando graves avarías, contamina a auga prexudicando o medio ambiente e ademais pode dificultar o funcionamento das depuradoras. Por iso, é necesario reciclalo para darlle unha nova vida e reconvertelo, principalmente en produtos cosméticos ou incluso para xerar combustible biodiésel. "Dando un paso máis dentro do programa Carballo Limpo", en verbas do Concelleiro de Servizos, Luís Lamas, o Concello facilita a posta en marcha dun sistema moi sinxelo, no que o único que ten que facer a cidadanía é verter o aceite de cociña usado (de xirasol, de oliva, de millo, de soia, etc.) ou o aceite das conservas nun recipiente de plástico. Non deben depositalo nin en latas, nin en vidro, nin en ningún outro tipo de recipiente que non sexa plástico. Logo, deben levar o envase perfectamente pechado aos diferentes colectores de cor laranxa que están situados dende hoxe en varios edificios de titularidade municipal: Casa do Concello, Mercado Municipal, Pazo da Cultura, Fórum Carballo, Ambulatorio Vello, Piscina Vila de Noia e Piscina Carballo Calero.

Compartir: