Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
Confirmada a listaxe dos 24 mozos e mozas que realizarán prácticas por toda Europa co programa Carballo en movemento

PAÍSES COLABORADORES: ALEMANIA, ITALIA, POLONIA E REINO UNIDO

Confirmada a listaxe dos 24 mozos e mozas que realizarán prácticas por toda Europa co programa Carballo en movemento

Venres 4 de maio do 2012

O Concello de Carballo fai pública a listaxe definitiva de candidatos/as admitidos/as para participar no programa Carballo en movemento. Un total de 24 mozos e mozas de entre 18 e 35 anos con titulación en FP ou universitaria poderán realizar prácticas profesionais no estranxeiro de 12 semanas de duración ao longo do ano 2012 en Alemania, Italia, Polonia ou Reino Unido. O período de prácticas realizarase entre os meses de setembro e decembro de 2012, aínda que todavía non se coñecen as datas concretas. Polo tanto, a pesares de que o apartado 3.2. das bases da convocatoria establece que os admitidos/as deberán confirmar a súa participación nas prácticas no prazo de dez días dende que se fan públicas as datas, ata que non se concreten exactamente os días estipulados non comezará a consumirse o prazo e non será necesario realizar esta confirmación. As datas definitivas das prácticas faranse públicas proximamente na páxina web do Concello de Carballo. O programa "Carballo en movemento: fomento da mobilidade no proceso de formación da xuventude local" está incluído no programa europeo Leonardo da Vinci de aprendizaxe permanente e está financiado polo Organismo Autónomo de Programas Educativos Europeos (Agencia Nacional). Para consultar a listaxe de admitidos/as, premer aquí.

A Semana do Libro e a Lectura cumpre sete anos en Carballo coa temática da superstición e baixo o lema "12+1"

ENTRE O DOMINGO 6 E O VENRES 11 DE MAIO

A Semana do Libro e a Lectura cumpre sete anos en Carballo coa temática da superstición e baixo o lema "12+1"

Venres 4 de maio do 2012

Máis de 1.200 nenos e nenas dos centros de ensino do Concello carballés participan entre o domingo 6 e o venres 11 de maio na VII Semana do Libro e a Lectura, que nesta edición, e despois de ter abordado o medo, o amor, o mar ou a mentira, ten como temática a superstición e como lema "12+1". O obxectivo desta cita é, ademais de favorecer a difusión da lectura "crear un lugar de encontro para os mais pequenos e espertar a súa curiosidade polos libros", segundo a Concelleira de Cultura, Mar Eirís. Organizada pola AS-PG (Asociación Socio-Pedagóxica Galega), o programa conta coa colaboración do Concello de Carballo e da Xunta a través do programa Letras Vivas, así como co patrocinio da Obra Social de La Caixa e Conservas Calvo. Segundo Eirís "nunha situación de crise hai que seguir mantendo a educación e a cultura como dous piares básicos". En canto ás actividades previstas, ademais da inauguración, o domingo 6 de maio ás 12.30 horas, celebraranse de luns a venres obradoiros para alumnos e alumnas de Infantil e Primaria dos centros de ensino do municipio de 9.30 a 14.00 horas. Ademais, o público en xeral pode desfrutar, tamén de luns a venres ás 18.30 horas, de contacontos e haberá exposicións permanentes de libros e de materiais elaborados polo alumnado que poden visitarse cada día de 18.00 a 20.00 horas. Todas as actividades son no Pazo da Cultura.

O Alcalde felicita aos xogadores xuvenís do Ifecgás Pereira Xiria e júnior do Club Baloncesto Artai polos seus logros deportivos

O EQUIPO DE BALONMÁN ESTÁ ENTRE OS OITO MELLORES DE ESPAÑA

O Alcalde felicita aos xogadores xuvenís do Ifecgás Pereira Xiria e júnior do Club Baloncesto Artai polos seus logros deportivos

Venres 4 de maio do 2012

O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, vén de recibir no Concello e de felicitar en nome de todos os veciños e veciñas do municipio aos xogadores de categoría xuvenil das Escolas de Balonmán Xiria, o Ifecgás Pereira Xiria; e aos de categoría júnior do Club Baloncesto Artai polos seus logros deportivos. Así, os primeiros, ademais de proclamarse campións galegos tiveron un balance na Liga de División de Honra Xuvenil de 20 vitorias, 1 empate e tan só unha derrota. Así mesmo, logo de proclamarse campión, o equipo carballés vencía no sector estatal celebrado en Carballo deixando na cuneta a clubs de gran tradición no mundo do balonmán como Bidasoa e Valladolid e colándose entre os oito mellores de toda España. En próximas datas loitará polo Campionato de España medíndose a dous dos clubs máis importantes no mundo do balonmán: o FC Barcelona e o Ciudad Real. Os júnior do Club Baloncesto Artai foron, pola súa banda, campións da Liga Provincial cun balance de 17 vitorias e unha derrota na fase regular, ademais de campións da liga de ascenso á Liga Galega cun balance de seis vitorias e ningunha derrota. É a primeira vez na historia do Club que se acada este ascenso. Durante o acto, no que tamén estiveron presentes os adestradores dos rapaces, Fernando Vázquez e Joaquín Moreira, así como os concelleiros Marcos Trigo e Belén Lendoiro, Ferrero quixo subliñar o labor dos equipos, especialmente "porque estades levando o nome de Carballo ao máis alto nivel".

A exposición fotográfica "Nicaragua: unha realidade viva" do Fondo Galego de Cooperación: en Carballo até o 14 de maio

EN HORARIO DE 18.00 A 21.00 HORAS NO ANDAR -1 DO PAZO DA CULTURA

A exposición fotográfica "Nicaragua: unha realidade viva" do Fondo Galego de Cooperación: en Carballo até o 14 de maio

Xoves 3 de maio do 2012

A exposición "Nicaragua: unha realidade viva" pode visitarse desde o mércores 2 de maio e até o día 14 do mesmo mes no Pazo da Cultura dentro do seu percorrido polas diferentes Deputacións e Concellos socios do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. A mostra reúne as imaxes tomadas polo recoñecido fotógrafo vilagarcián Eduardo J. Castro no marco do proxecto "A formación sociosanitaria como vía de desenvolvemento" que levou a cabo a ONGD Solidariedade Galega co cofinanciamento do Fondo nos municipios de Ocotal (Nueva Segovia) e Puerto Cabezas (Región Autónoma del Atlántico Norte). Eduardo J. Castro, que ten exposto en diferentes cidades españolas e estranxeiras, conviviu cos voluntarios e voluntarias e mais co pobo nicaraguano durante o tempo do proxecto. O resultado son máis de 50 imaxes, tanto en cor como en branco e negro, que reflicten dun xeito sutil e artístico non só as actividades realizadas pola ONGD, senón tamén a problemática sanitaria e social dos mergulladores, así como a cultura e a sociedade do país centroamericano. A exposición pode visitarse en horario de 18.00 a 21.00 horas no andar -1 do Pazo da Cultura. Estiveron presentes na inauguración da mostra o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; a Concelleira de Benestar, Silvana Castro; e a de Cultura, Mar Eirís.

As xogadoras do Xiria Gestiber de voleibol disputan a Fase interprovincial para tentar acceder á Liga Galega Infantil

NO PAVILLÓN DA ZONA ESCOLAR O SÁBADO 5 DE MAIO

As xogadoras do Xiria Gestiber de voleibol disputan a Fase interprovincial para tentar acceder á Liga Galega Infantil

Xoves 3 de maio do 2012

As xogadoras do Xiria Gestiber de voleibol pelexan o sábado 5 de maio na Fase interprovincial para tentar acadar un dos dous postos que da acceso a disputar a eliminatoria polo ascenso á Liga Galega Infantil Feminina deste deporte. A cita é no Pavillón da Zona Escolar (Vila de Noia), no que o Xiria, que xa é campión provincial, deberá enfrontarse ao C Vigo Voleibol (campión de Pontevedra) nunha das semifinais ás 12.30 horas, mentres que no outro encontro ás 10.30 horas loitarán pola final o CV Liceo La Paz (subcampión coruñés) e o CV Pontevedra (subcampión de Pontevedra). Está previsto que as gañadoras destes encontros disputen o partido decisivo a partires das 18.30 horas. O encontro polo 3º e 4º posto ou final de consolación celébrase ás 16.30 horas. O adestrador do equipo carballés, Rosalino Mariño, que presentou esta cita xunto co Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e o Concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, asegura que o obxectivo é acadar a final, xa que o segundo posto tamén da dereito a loitar pola Liga Galega. Mariño mostrou confianza nas posibilidades do seu equipo, especialmente coa axuda do público carballés ao tratarse das anfitrionas. A participación na Liga Galega, na que compiten dez clubs, devolvería as categorías inferiores do voleibol carballés á elite deste deporte en Galicia.

Carballo dedícalle a Praza do recinto Fórum Carballo aos trece Bombeiros Voluntarios nun emotivo acto

A DECISIÓN TOMOUSE POR UNANIMIDADE NO PLENO DE MARZO

Carballo dedícalle a Praza do recinto Fórum Carballo aos trece Bombeiros Voluntarios nun emotivo acto

Sábado 28 de abril do 2012

A Praza do recinto Fórum Carballo é a partires de hoxe a Praza dos Bombeiros Voluntarios. Nun emotivo acto que contou coa presenza de representantes das corporacións carballesa, larachesa e malpicana, así como dos propios Bombeiros Voluntarios e familiares e amigos dos que non están, descubriuse unha placa na que figura o nome de todos eles, trece persoas, en verbas do Alcalde, Evencio Ferrero, que foron "pioneiras no traballo a favor da seguridade da xente": Ricardo Vilas Otero, Basilio Fraga Suárez, Juan Manuel González Regueira, José Antonio Porteiro García, José Manuel Lavandeira Lorenzo, Pedro Manuel González Porteiro, Joaquín de las Heras Medina, Celestino Alonso García, José Cameán Cotelo, Manuel de las Heras Medina, Eulogio Dubra Cabeza, Juan Manuel López Reyes e José Manuel Casal López. Ricardo Vilas falou no seu nome, lembrando que a historia dos voluntarios comezou nos anos 75 e 76 cando houbo unha serie de incendios na vila carballesa. Deuse a coincidencia de que sempre aparecían as mesmas persoas para apagar os lumes, polo que ao final trece deles se constituíron nun grupo que traballaba regularmente, non só na extinción de incendios, senón tamén axudando en accidentes de tráfico ou en labores de salvamento e socorrismo nos areais coa axuda "dunha corda e un flotador", "constituíndo a semente do que hoxe é Protección Civil".

Primavera enDanza remata con "Río de Luna", un espectáculo infantil que mestura tenrura e imaxinación

DOMINGO 29 DE ABRIL ÁS 18.00 HORAS

Primavera enDanza remata con "Río de Luna", un espectáculo infantil que mestura tenrura e imaxinación

Venres 27 de abril do 2012

A X edición de Primavera enDanza finaliza o domingo 29 de abril coa compañía andaluza Da.Te Danza que presenta o seu último espectáculo "Río de Luna", unha magnífica coreografía que foi premiada en Fetén 2011 como mellor espectáculo de danza. A compañía Da.Te Danza creouse no ano 1999 baixo a dirección artística de Omar Meza coa intención de achegar a danza contemporánea a todos os públicos, considerándoa como un instrumento para contar historias capaces de influír no público e tendo moi presente o seu valor educativo. "Río de Luna" é un espectáculo sobre como xurde unha nova vida. Un río nace, ou tamén pode ser un bebé. A complicidade coa nai, os primeiros pasos, os xogos coa natureza, o recoñecemento entre bebés, o seu contorno e o seu crecemento. Dous bailaríns utilizarán a tenrura e a imaxinación por descubrirnos que todo é novo e que pode transformarse nunha marabillosa historia. Obxectos simples énchense de luz e movemento e convértense en fantástico. O baile descobre novos elementos, novas cores e novos sons, e todo é un xogo. Este espectáculo está destinado a público familiar, en especial a nenos e nenas entre 3 e 8 anos. Comeza ás 18.00 horas e o prezo da entrada é de 2,5 € e o prezo reducido de 2 €.

A primeira proba do Campionato Galego de Motocross abre a tempada 2012 no Circuíto de Motor de Bértoa

MARTES 1 DE MAIO A PARTIRES DAS 9.00 HORAS

A primeira proba do Campionato Galego de Motocross abre a tempada 2012 no Circuíto de Motor de Bértoa

Venres 27 de abril do 2012

O martes 1 de maio o Circuíto de Motor de Bértoa acolle a celebración da primeira proba do Campionato Galego de Motocross, IV Memorial Manuel Rega Morales e XI Motocross Concello de Carballo. A cita serve para inaugurar a tempada de 2012 no circuíto e está prevista a presenza de arredor de 90 pilotos, non só galegos, senón de todos os puntos de España desde lugares como Cataluña, País Vasco ou Castela e León. Segundo explica Juan Fernández Puga, de Moto Club Motor Bergantiños, responsable da organización, a de Carballo será "a carreira con máis pilotos de todo o campionato galego" aproveitando o tirón dunhas instalacións que "cada vez están mellor" e o compromiso adquirido por moitos pilotos de non faltar á cita. Así, está prevista a presenza de Rubén Fernández, campión de España Promesas 2011; ou de Jon Idiaquez, do País Vasco, e Ander Valentín de las Heras, de Navarra. Por parte do club anfitrión participarán Guillermo Loureiro, en categoría alevín; e Miguel García, Sergio Castro, Iván Moscoso, Jonathan Vázquez ou Óscar Rego en Afeccionados. A competición comeza ás 9.00 horas coas verificacións administrativas e técnicas, os adestramentos libres son ás 11.00 horas e está previsto disputar as mangas a partires das 16.00 horas.

Tiana, establecemento gañador do II Concurso de Escaparatismo do Plan de Mellora da Imaxe Comercial

AS PLATEIRAS E MÓNICA VECINO ACADARON O 2º E 3º PREMIO

Tiana, establecemento gañador do II Concurso de Escaparatismo do Plan de Mellora da Imaxe Comercial

Venres 27 de abril do 2012

O xurado do Concurso de Escaparatismo incluído no II Plan de Mellora da Imaxe Comercial de Carballo vén de dar a coñecer os premiados deste certame, celebrado no marco do Plan de Reactivación e Dinamización Empresarial que se está a desenvolver dentro do proxecto Fórum Carballo. Así, de entre os 21 participantes, o primeiro premio recaeu na tenda de roupa infantil Tiana (na imaxe), que poderá contar coa elaboración especializada de tres escaparates ao longo da tempada, elixindo as épocas máis propicias, como poden ser Rebaixas ou Nadal; o segundo foi para As Plateiras, que obtén dous escaparates; e o terceiro premio recaeu en Mónica Vecino, que disporá dun escaparate ao longo da tempada. O xurado estivo formado, por parte do Concello, polo Concelleiro de Promoción Económica, Xosé Regueira, pola Axente de emprego e Desenvolvemento Local e pola Técnica de Turismo; por parte do tecido comercial por un representante do Centro Comercial Aberto (CCA), e por parte dos expertos por un representante da consultora I2Estudio. Á hora de conceder os galardóns, tívose en conta non só a vistosidade dos escaparates, senón tamén o aproveitamento do espazo ou a adopción das recomendacións realizadas pola consultora.

Carlos Callón gaña o VIII Premio a artigos xornalísticos normalizadores Concello de Carballo dotado con 1.000 euros

ACCÉSIT: PARA ALBA CID FERNÁNDEZ

Carlos Callón gaña o VIII Premio a artigos xornalísticos normalizadores Concello de Carballo dotado con 1.000 euros

Venres 27 de abril do 2012

O xurado do VIII Premio a artigos xornalísticos normalizadores reuniuse hoxe, venres 27 de abril, para decidir o artigo gañador deste certame, ao que se presentaron 37 traballos, e decidiu concederlle o premio, dotado con 1.000 euros e a publicación do artigo en A Nosa Costa, De Luns a Venres, Diario de Bergantiños, El Periódico de Carballo, Galicia Confidencial, La Opinión de A Coruña, La Voz de Galicia, Praza Pública, Que pasa na Costa, Sermos Galiza e Tempos Novos ao artigo titulado «Fai teu o galego», de Carlos M. Callón Torres. Segundo o xurado, o recoñecemento deste artigo débese á súa capacidade para chegar a públicos amplos e incidir neles cunha linguaxe clara e sinxela, convidando aos lectores a lectoras a utilizar a lingua galega e facéndolles ver que é sinxelo e só é necesario querer. Destaca a enerxía, positividade e entusiasmo do artigo, que presenta a lingua como unha oportunidade, e apela ao compromiso individual das persoas para falaren galego. Carlos Callón (Ribeira, 1978) é profesor de lingua e literatura galegas, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística e voceiro da plataforma Queremos Galego. Publicou ensaios como «En castellano no hay problema» (Xerais 2010) ou «Como defenderes os teus dereitos lingüísticos» (Xerais 2011).

Carballo acolle o Sector zonal do Campionato de España de Balonmán en categoría Xuvenil Masculina

VENRES 27, SÁBADO 28 E DOMINGO 29 DE ABRIL

Carballo acolle o Sector zonal do Campionato de España de Balonmán en categoría Xuvenil Masculina

Xoves 26 de abril do 2012

O Pavillón Vila de Noia da capital municipal acolle a celebración, coa participación do Xiria como anfitrión, do Sector zonal do Campionato de España de Balonmán en categoría Xuvenil Masculina. A cita desenvólvese entre o venres 27 e o domingo 29 de abril e abre a posibilidade de que o Ifecgás Pereira Xiria poida estar entre os oito mellores equipos de España. Así, a competición está dividida en oito sectores zonais distribuídos por toda España nos que se enfrontan catro equipos e os vencedores gañan o dereito de estar na seguinte fase entre os oito mellores. Xunto co Xiria, pelexan pola victoria o Bidasoa Irún, o Cuatro Rayas Valladolid e o Dosa Salesianos de Santander, que durante a fin de semana disputan seis encontros cruzándose todos contra todos. Os partidos do Ifecgás Pereira Xiria son o venres ás 20.30 horas, o sábado ás 18.30 horas e o domingo ás 12.30 horas e o adestrador Fernando Vázquez desexou que "neste último encontro esteamos loitando por estar entre os mellores", xa que considera que "cabe a posibilidade de gañar" ao tratarse dun grupo bastante igualado. Vázquez subliña que os rapaces, que veñen de gañar o título de Campión Galego Xuvenil, están motivados e especialmente "ilusionados" ao celebrarse a eliminatoria en Carballo.

O Pequebasket propón unha xornada lúdica e para desfrutar do baloncesto dirixida a nenos e nenas de 4 a 7 anos

SÁBADO 28 DE ABRIL NO PAVILLÓN CARBALLO CALERO

O Pequebasket propón unha xornada lúdica e para desfrutar do baloncesto dirixida a nenos e nenas de 4 a 7 anos

Mércores 25 de abril do 2012

Carballo Basket organiza coa colaboración do Concello de Carballo o torneo Pequebasket, unha cita que pretende unir a competición e o aspecto lúdico do deporte e que está dirixida a nenos e nenas de entre 4 e 7 anos. O Pavillón Carballo Calero da capital municipal acolle o torneo o sábado 28 de abril a partires das 16.00 horas e nel participan, ademais de dous equipos do Carballo Basket, o Club Baloncesto Artai, dous equipos do Club Basquet Coruña, o Club baloncesto Laracha, o Santo Domingo de Betanzos e o Club baloncesto Culleredo. Está previsto dividir as instalacións en dúas zonas, unha na que se celebrarán os enfrontamentos entre os equipos e outra destinada a zona de xogos na que poderán estar tanto os grupos que non estean competindo nese momento como os nenos e nenas que queiran asistir de balde a desfrutar dunha xornada lúdica e de deporte. Así mesmo, os asistentes recibirán ao longo da tarde bebidas e unha merenda e haberá un agasallo conmemorativo para os equipos. Segundo explica o responsable deportivo do Carballo Basket, Arturo Ferraces, un dos obxectivos desta cita, que se celebra por primeira vez pero que a organización espera que poida ter continuidade, é o de que "os rapaces, dende moi pequenos, se relacionen co deporte".

Compartir: