SUPÓN UN INCREMENTO DUN 80 POR CENTO RESPECTO DE HAI UN ANO
Venres 10 de setembro do 2010
O Padroado Deportivo Municipal acadou este mes a cifra de 3.059 abonados, unha cifra importante, xa que supera a barreira dos 3.000, e que supón un incremento próximo ao 80 por cento en relación aos 1.727 abonados de hai un ano por estas datas. Isto revela a boa acollida que teñen as instalacións deportivas municipais e a práctica deportiva entre a poboación carballesa. Así mesmo, este ano ampliouse o número de prazas nos cursos de natación xa existentes, acadándose en total as 1.550 prazas ofertadas en todas as actividades (970 nos cursos de natación). Ademais, a oferta amplíase con novas actividades acuáticas cos cursos de 'Natación para Bebés', de 'Natación para Embarazadas' e de 'Aquagym'. O prazo de inscrición dos novos cursos é desde o luns 13 até o xoves 30 de setembro nas oficinas do Padroado Deportivo Municipal situadas na rúa Vila de Corcubión. Máis información no 981 702 109.
VENRES 17 E SÁBADO 18 DE SETEMBRO DE 2010
Xoves 9 de setembro do 2010
O Festival Xiria Pop chega á súa edición número trece sen nada que demostrar despois dunha ampla traxectoria, pero coa súa mesma busca da calidade. Desta volta o cartel está conformado por oito grupos que o venres 17 e o sábado 18 de setembro encherán de boa música a sala da Cervexaría Dublín. O venres é a quenda de Wolrus, The Mittens, The Riffbackers e The See See, mentres que o sábado tocan The Allnight Workers, The Shake, Los Chicos e Micky y los colosos del ritmo. A presenza de Micky é un dos grandes atractivos do festival, no que presenta, na súa única actuación programada este ano en Galicia, un novo disco de rock'n'roll. Dende a organización, Xavier Graña explica que "este ano non hai estrelas rutilantes estranxeiras porque non se puxeron a tiro", pero que The See See, chegados dende Londres, son dunha grandísima calidade, ao igual que os grupos españois e galegos. A entrada custa 10€ cada día aínda que pode adquirirse un bono de 15€ para os dous días. As portas ábrense o venres e o sábado a partires das 22.00 horas.
OS EMPRESARIOS CONTAN CON 128 NOVAS PARCELAS DE USO INDUSTRIAL
Martes 7 de setembro do 2010
O Presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, e o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, veñen de certificar a posta en marcha da ampliación do polígono industrial de Bértoa, cunha superficie de 718.000 metros cadrados e con máis de 45 hectáreas de chan industrial distribuído nun total de 128 parcelas. A previsión é que as empresas que se instalen no parque empresarial creen ata 3.000 postos de traballo nos próximos anos. O investimento total para a creación desta ampliación, coa que o polígono conta xa con 1,2 millóns de metros cadrados de superficie, é de 25.736.341 euros, dos que case a metade destináronse á adquisición de terreos e a achega restante aos traballos de urbanización. Núñez Feijóo anunciou a intención da Xunta de "adoptar medidas para flexibilizar a compra de chan", como ampliar o prazo para efectuar os pagos, incrementar o período para solicitar a licenza, ou reducir as fianzas co obxectivo de "crear máis chan empresarial e chan máis accesible".
SÁBADO 11 E DOMINGO 12 DE SETEMBRO
Venres 3 de setembro do 2010
A capital municipal acolle o sábado 11 e o domingo 12 de setembro o VII Torneo Internacional de Balonmán Concello de Carballo, organizado polo Concello, o Padroado Deportivo Municipal e as Escolas Balonmán Xiria. A cita conta cun total de 140 participantes e catro equipos: o BM Valladolid, o ABC de Braga (Portugal), o CB Maristas de Algemesí (Valencia) e as Escolas de Balonmán Xiria. O torneo disputarase en dous grupos de catro equipos en formato de competición de todos contra todos. Os partidos da categoría cadete masculina disputaranse no pavillón Carballo Calero e os da categoría xuvenil masculina no pavillón Vila de Noia. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, que presentou a iniciativa xunto co Presidente das Escolas de Balonmán Xiria, Álex Cousillas e o Técnico responsable da realización e coordinación do torneo, Fernando Vázquez, ademais doutros membros de Xiria, resaltou o compromiso co deporte de base e o traballo das escolas de Xiria e subliñou o feito de que estes xogadores cadetes e xuvenís "pronto estarán competindo en categoría absoluta".
O PROGRAMA CONCILIA COLABOROU POR PRIMEIRA VEZ COA INICIATIVA
Martes 31 de agosto do 2010
Un total de 225 rapaces e rapazas de entre 3 e 12 anos participaron ao longo dos meses de xullo e agosto nas Escolas Deportivas e Culturais de Balonmán Xiria. Durante o verán puideron desfrutar de excursións e saídas; de actividades deportivas, coa axuda de dez monitores; e de actividades culturais con seis monitores que desenvolveron unha oferta lúdica con clases de inglés, informática ou traballos manuais, e coa novidade este ano da creación dun grupo de teatro. Ademais, por primeira vez estas Escolas contaron coa posibilidade de que os seus participantes puideran empregar o servizo do programa Concilia, de tal xeito que o horario ampliouse para atender aos nenos e nenas a partires das 7.30 horas, coa opción de incluír o almorzo. Con ese novo horario moitos dos rapaces e rapazas tiveron a posibilidade de estar nas Escolas de 7.30 a 14.00 horas.
APROBACIÓN DO PROXECTO DE REPARCELACIÓN DO POLÍGONO 32
Luns 30 de agosto do 2010
A Xunta de Goberno Local vén de aprobar a adxudicación provisional do contrato administrativo especial para o arrendamento de catro despachos no Centro de Promoción Económica de Carballo (CPEC) situado no polígono de Bértoa. Así, mentres que se ten declarado deserta a adxudicación de dous dos catro espazos dispoñibles, un de 14,6 metros cadrados e outro de 9,72 metros (lotes 2 e 3), acordouse a adxudicación do lote número 1, para un despacho de 9,77 metros cadrados, á Comunidade de Propietarios do Polígono Industrial de Bértoa, cunha renda anual de 65,5 euros por metro cadrado, cun importe de 2.559,74 euros polos catro anos de duración inicial do contrato. O lote número 4, para un despacho de 9,57 metros cadrados, adxudicouse provisionalmente á Asociación de Xóvenes Empresarios de Bergantiños (Axober) pola mesma renda anual por metro cadrado -65,5 euros- e un importe de 2.510 euros por catro anos.
OS INGRESOS POR VENDAS ACADARON OS 17.000 EUROS
Luns 30 de agosto do 2010
O Concello de Carballo, a través da Concellaría de Cultura e Normalización Lingüística que dirixe Belén Lendoiro, fai unha valoración positiva da Praza dos Libros, que tivo lugar desde o xoves 26 ao domingo 29 de agosto no Xardín Municipal da capital bergantiñá, e na que se mantiveron tanto os niveis de venda como os niveis de participación da edición de 2009 que, pola súa vez, incrementara o volume de vendas con respecto á edición de 2008. Ao longo dos catro días de feira pasaron pola Praza dos Libros arredor de 10.000 persoas e unhas 1.500 persoas participaron nas case 20 actividades programadas, entre presentacións de libros, actos de sinatura por parte dos/as autores/as, actividades de animación, concertos, monicreques, maxia,etc. Actividades que mesturaron a expresión oral, cos libros, os escritores e a música durante catro dias.
DO 26 AO 29 DE AGOSTO NO XARDÍN MUNICIPAL
Mércores 25 de agosto do 2010
Libros, actividades lúdicas, regueifas, presentacións, actuacións, música, autoras e autores da comarca e do país, pan e moitas outras propostas encherán de vida, imaxinación e creatividade o Xardín Municipal de Carballo durante catro días. Unha nova edición da Praza dos Libros que cada ano pretende promocionar a lectura e achegarlle á cidadanía o libro e os produtos culturais galegos. Ademais, esta Praza dos Libros convivirá o xoves e o domingo coa feira tradicional de Carballo, polo que haberá moito máis que libros. A cita ten lugar desde o xoves 26 ao domingo 29 de agosto no Xardín Municipal coa participación de nove stands: un do Concello de Carballo, un espazo infantil e sete librarías: Brañas e Trasgo (de Carballo), Como unha novela (da Laracha), Roget (de Vimianzo), Couceiro e Orizales (da Coruña) e Pedreira (de Santiago). Estarán abertas, o xoves e o domingo de 10.30 a 14.30 e de 17.30 a 21.30 e o venres e sábado de 11.00 a 14.00 e de 17.30 a 22.00 horas. Durante os catro días, todos os libros terán un desconto do 10 por cento sobre o seu prezo habitual. Ademais, todas as persoas que merquen na feira participarán en sorteos diarios de lotes de libros.
FINS DE SEMANA DO 7 AO 29 DE AGOSTO
Venres 30 de xullo do 2010
Un total de seis locais hostaleiros do centro carballés participan na II Ruta do Pincho de Verán, unha iniciativa posta en marcha a través da Concellaría de Promoción Económica que dirixe Xosé Manuel García Guillín co obxecto de promocionar os establecementos do núcleo urbano, así como os produtos típicos da zona. Xa é a cuarta convocatoria da Ruta do Pincho e a segunda que se celebra en verán en torno ao feirón do quinto domingo de agosto. Segundo explica García Guillín, participan seis establecementos que respectan a filosofía da iniciativa, que é ofrecer de xeito gratuíto "un pincho de calidade, diferente e único". A ruta terá lugar os sábados e domingos, entre os días 7 e 29 de agosto, en horario de 13.00 a 15.00 horas e de 20.00 a 22.00 horas. Os locais incluídos na Ruta son os seguintes: Habanos 79, O Xabarín, Restaurante Bergantiños, Ánfora Vinoteca, Cafetería El Juzgado e Kasa Klandestino, este último únese por primeira vez á iniciativa. Cada un deles anunciará cada día da ruta o pincho que se corresponde con esa xornada.
VENRES 30 DE XULLO ÁS 22.30 HORAS
Xoves 29 de xullo do 2010
O palco da Praza do Concello acolle o venres 30 de xullo ás 22.30 horas a presentación do quinto traballo de Berrogüetto, 'Kosmogonías', nunha das citas máis importantes incluídas no Verán Cultural 2010. Berrogüetto é un dos grupos galegos de música folk máis prestixiosos e con maior repercusión a nivel internacional. Con este disco, de novo, o grupo introduce matices de innovación e experimentación na música tradicional galega, utilizando como argumento a reflexión sobre a relación da humanidade co universo. Unha chamada optimista cara a consecución dun sistema máis xusto. Por primeira vez, nos seus quince anos de traxectoria, editan un álbum con voz masculina, a de Xabier Díaz, novo integrante da formación desde o ano 2008, que describe 'Kosmogonías' "unha pequena reflexión de mirar ao ceo para darnos conta do minúsculos que somos". Ademais, atopamos colaboracións nas letras de Manuel Rivas e Rosa Aneiros. Este espectáculo, gratuíto, conta coa colaboración da Deputación da Coruña.
A EXPEDICIÓN ITALIANA VISITARÁ CARBALLO EN SETEMBRO
Mércores 28 de xullo do 2010
Os participantes no proxecto europeo 'Participando: os concellos e a mocidade', financiado polo programa europeo 'Xuventude en Acción', que ten como obxectivo fomentar a participación activa dos mozos e mozas na vida da súa comunidade local, e que reúne a 24 mozos e mozas de entre 18 e 30 anos do Concello de Carballo e dos concellos italianos de Turín e Tortona, asistiron ao primeiro encontro que se celebrou nestas cidades italianas do 13 ao 17 de xullo. Os integrantes do proxecto tomaron parte nun seminario e nunha serie de visitas aos principais centros de participación da xuventude nestes dous concellos do norte de Italia. O programa comezou en Turín, cunha visita ao InformaGiovani da cidade (na foto), que é o máis antigo de Europa despois do de París con máis de trinta e tres anos de actividade. Pola súa banda, a expedición carballesa, acollerá no mes de setembro aos participantes italianos para o desenvolvemento da segunda parte do proxecto.
ESTARÁ SITUADA NUNHA PARCELA DE 2.500 METROS NA ESTRADA DE RAZO
Mércores 28 de xullo do 2010
O Presidente da Deputación da Coruña, Salvador Fernández Moreda, e o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, veñen de subscribir na sede da institución provincial un acordo para a construción dunha escola infantil no municipio de Carballo. De acordo co convenio, a institución provincial destinará 550.000 euros para a edificación do novo centro infantil para nenos e nenas menores de tres anos, que se situará nunha parcela de 2.591 metros cadrados situada no entorno da urbanización de Riotorto na estrada de Razo. A aprobación da achega provincial para poder emprender a actuación realizouse na sesión plenaria ordinaria do mes de maio, e está previsto que as obras comecen antes de que remate 2010. Segundo se recolle no proxecto, o novo edificio distribuirase en dúas zonas principais: unha zona infantil composta por aulas e un espazo central de xogo e multiusos, na que se busca o contacto co terreo exterior para os xogos; e unha zona de adultos, que inclúe o espazo para o profesorado, un cuarto de servizo e outras instalacións.